mércores, 6 de setembro de 2017

NON A DISCRIMINACIÓN DOS MONTADORES



A empresa quere crear unha nova categoría de nivel 3 para o grupo de soporte


Reunido o Comité Intercentros con RRHH falouse do futuro dos montadores. A empresa querer segregar en dous grupos con distinta formación para crear un operador de media, que tería 64 horas de formación, e un operador de inxesta, con 35. Segundo a empresa queren que sexa un proceso voluntario e que se hai máis solicitantes que prazas establecer uns criterios para seleccionar aos aspirantes. Non terían distinto salario pero si distintas funcións. Dende a representación sindical deixouse claro de xeito unánime que a formación ten que ser igual para todos, que non se vai consentir una desigualdade que pode xerar nun futuro discriminacións. De tódolos xeitos emprazouse a empresa a que convoque a comisión de clasificación profesional para negociar o particular, ademais de pedir máis información sobre as funcións que van facer os distintos grupos.

Tamén quere crear unha nova categoría de nivel tres para que sería o denominado “grupo soporte” formado por 10 persoas. Serían os encargados de solucionar as incidencias que tería que ver coa dixitalización, tal e como fan agora os compañeiros e compañeiras do servizo de informática, pero especializados nos novos soportes dixitais. Terán unha formación de 250 horas e estaría aberta nun principio a calquera categoría. Queren que sexa un grupo permanente. Un tema que quedou aprazado tamén para a comisión de clasificación profesional a espera de máis información sobre as funcións e de como se vai facer unha promoción interna para a xente que queira optar a eses postos, cousa que ao parecer non tiñan previsto malia estar a menos dun mes de que comece a formación.


Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros falamos da paralización das solicitudes de xubilación parcial que se produciu en agosto por parte dos traballadores ao coñecer que non lles ían pagar os complementos que están a recibir. A directora de Recursos Humanos quedou de informar despois dunha xuntanza que tiña previsto manter o 28 de agosto do director xeral, que, ao parecer, ten prevista unha remodelación dos complementos a todos os niveis. Unha información que aínda está pendente.

No referente ao cadro de persoal presentado pola empresa co argumento de que é para axeitar o cadro do persoal as sentencias xudiciais, acordouse rexeitar a proposta por considerar que amortiza prazas e que non se axusta as necesidades da empresa. Acordouse manter unha novas xuntanza para abordar este tema xunto coa clasificación profesional.

Acordouse por votación que o Comité Intercentros poida asistir as xuntanzas de información sobre a programación, pedir a empresa unha relación dos novos coordinadores coa área na que están e as funcións que exercen ademais dun listado dos horarios actualizados onde queden reflectidos todos os cambios de quenda que se están a producir.


Tamén se vai que pedir a dirección que de as pautas para os traballadores e traballadoras que lles soliciten traballar para a Radio Galega sendo da TVG ou para a TVG sendo da Radio Galega. Déronse e danse casos nos que se lles esixe a persoas que cubra informacións para os distintos medios. Polo que se lle pide que se estipulen uns criterios e se imparta formación nos casos que sexa necesario.