xoves, 31 de marzo de 2016

Festivos, libranzas de Nadal e horario de comida tratados na Paritaria

Na reunión mantida hoxe da Comisión Paritaria tratáronse
os seguintes asuntos:

TEMPO DE COMIDA E CEA

O artigo 34.6.3 establece que non se computará como
tempo de traballo o tempo dedicado a comida ou cea,
respectando o establecido no artigo 33.5.1 que determina
uno tempo en 40 minutos, incluíndo o dereito ao descanso
de 20 minutos das xornadas continuadas. Como nos
eventos realizados en exteriores, que outorgan dereito a
dieta, este tempo parece moi curto, e dado que en
ocasións se realizan paradas, para comer ou cear, que
superan en moito ao tempo necesario para este fin, e
tratando de evitar que estas paradas foran descontados de
forma arbitraria do tempo de traballo, chegouse a unha
interpretación, pendente dun acordo de redacción, que
determine un tempo máximo de unha hora de desconto por
cada comida ou cea, sen que estean incluídos neste
desconto o dereito aos 20 minutos de descanso das
xornadas continuadas, do que se poderá dispoñer a
maiores. No caso de que, por circunstancias excepcionais
non se puidera gozar deste tempo, a empresa facilitaría un
catering individual aos traballadores e traballadoras
afectados, non sendo descontado tempo ningún da súa
xornada laboral.


DESFRUTE DOS DÍAS DE COMPENSACIÓN DE FESTIVOS E DÍAS LIBRES.
A parte social propuxo á empresa que se renovara o
acordo de Comisión Paritaria do convenio colectivo anterior
que establecía que, no caso de non chegar a acordo nos
días de desfrute destas compensacións, estes días
engadíanse ao primeiro período de vacacións. A empresa
resposta que, neste ano, tiñan moi complicado aplicar este
acordo a causa dos días adicionais de vacacións e asuntos
propios derivados do ano anterior. A parte social esixiu
entón que propuxera unha alternativa que permitira, a
todas as traballadoras e traballadores, gozar deste dereito
a compensacións en días libres. A empresa comprometeuse
a presentar unha proposta nun prazo máximo de dez días.

NON SE PODE OBRIGAR A TRABALLAR  O 25 DE DECEMBRO E 1 DE XANEIRO CONSECUTIVOS
A parte social comunicou á empresa que algúns
responsables intermedios estaban a dicir que este artigo
non rexía para este ano 2016, xa que, tanto o 25 de
decembro como o 1 de xaneiro do 2017, coincidían en
domingo e, polo tanto, non eran festivos. A empresa dixo
que o artigo era claro e que, pese a que este punto está
incluído no artigo 39 de descanso semanal e festas, na
redacción do punto non se fai referencia aos festivos,
senón que fai referencia ás datas concretas e que se terá
que organizar o traballo de forma que se libre un destes
días.

xoves, 3 de marzo de 2016

RECURSOS HUMANOS SEGUE REXEITANDO PROPOSTAS E SEN FACILITAR INFORMACIÓN AO COMITÉ

Non permite a ampliación de horarios da cafetería 
Rexeita a posta en marcha dunha WIFI aberta
Descoñece o emprego de material da CRTVG por particulares 

EQUIPOS DA RADIO EN DOMICILIOS PARTICULARES 
Dende o Comité pedíuselle explicacións ao director de Recursos Humanos sobre a presenza de equipos da CRTVG en domicilios particulares para que certos colaboradores traballen dende a súa casa. Esta decisión tomouse pola dirección argumentando que ían gastar menos, pero dende a sección sindical entendemos que esa instalación de equipamento permanente de medios públicos para uso privado é cando menos irregular. RRHH recoñeceu a existencia de cesión de equipamentos pero só en casos puntuais aducindo descoñecer outras situacións.  A parte social pediulle unha relación dos colaboradores que teñen equipos na súas casas, data de instalación e persoal da empresa que fixo eses traballos. 

OS HORARIOS DE CAFETERÍA NON SE AMPLÍAN 
A parte social pediu que se lle permitira a empresa que xestiona o servizo de cafetería que amplíe os horarios. Dende CRTVG din que non se pode permitir que de xeito unilateral a concesionaria modifique as condicións do contrato. Tamén informou da demanda que presentou a anterior concesionaria de 422 MIL EUROS por considerar que a CRTVG é responsable da inviabilidade económica da empresa ao non manter as condicións que se lle ofertaran na contratación que a levou a rematar con perdas. 

AS VACACIÓNS VAN DE XUÑO A SETEMBRO 
RRHH negou que deran ordes para que as vacacións só se pidan nos meses de xullo e agosto como lle manifestaron algúns xefes de servizo a traballadores. Dende o departamento de persoal aseguran que o período para pedir vacacións é o establecido no convenio: de xuño a setembro, tamén podendo pedilo noutras datas, sempre que se chegue a un acordo coa empresa menos no Nadal, mes no que se xuntan moitas peticións de asuntos propios e libranzas. A empresa asegura que se vai facer un maior esforzo de planificación e económico a hora de cubrir as vacacións do persoal para que os servizos non queden desatendidos, nin haxa sobrecarga de traballo. Veremos se é verdade. 

SEN WIFI ABERTA 
A parte social pediulle a empresa ter unha rede wifi aberta para todo o persoal, unha petición rexeitada alegando problemas de seguridade, o custe e alegando a prohibición de usar equipos propios no centro. Dende Comisións non entendemos que na era da dixitalización, e cando todos os edificios públicos teñen redes abertas se prive aos traballadores/as dunha ferramenta de traballo e teñamos que estar a empregar os datos dos nosos dispositivos particulares para consultar información indispensable para o noso traballo. Dende a parte social pediuse un informe por escrito que ampare esta decisión. 

ABUSO DE BOLSEIROS/AS 
O Comité de San Marcos informou a empresa da situación de abuso que sofren algúns bolseiros/as por parte de xefes de servizo aos que se lles sobrecarga de traballo e están a traballar sen supervisión de persoal da empresa. Unha situación que xa foi posta en coñecemento da Comisión de Formación e que persiste. RRHH comprometeuse a erradicar os ese comportamentos que considera puntuais. 







Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2016

Como sabes a vindeira semana celébrase o 8 de Marzo," Día Internacional da Muller" . A Secretaría da Muller da Federación de Servizos á Cidadanía vai a realizar unha xornada en Santiago da que che envío adxunto o programa, mais o manifesto de este ano. ACHÉGATE O TEU SINDICATO COMARCAL SE DESEXAS ANóTARTE Á XORNADA. TAMÉN PODERÁS RECOLLER ALÍ O TEU PRESENTE DE ESTE ANO.




Estimada compañeira:
A crise económica e social que se lle impuxo á sociedade española ten como especiais
destinatarias as mulleres. Nos padecemos os maiores rigores da hecatombe que afundiu a
economía e arruinou a vida de millóns de persoas, estragando os nosos proxectos vitais e
afastándonos da sociedade democrática.
Aos asañamentos da crise coas mulleres, parte máis debilitada da cadea produtiva e
desfavorecidas pola distribución do traballo, sumouse a virulencia coa que o Partido
Popular impuxo as súas doutrinas conservadoras en temas como a identidade de xénero,
os dereitos das mulleres ou atacando as políticas que, con certo criterio, permitiron
avanzar nestes anos de democracia política e social.
Hoxe, cando se produce un leve rebote da economía, con melloras de curto alcance, é
imprescindible que as mulleres se incorporen aos beneficios que disto puidesen obter,
facéndose presentes na reconstrución da sociedade democrática desde a perspectiva de
xénero e con decisión, pois cómpre que este tempo, que é novo e aberto aos xogos e as
dialécticas políticas, conten coas mulleres como protagonistas do que se está construíndo
de presente e futuro.
Os dereitos sociais, identitarios e de xénero, os dereitos democráticos, pasan
ineludiblemente por recompoñer a situación económica e laboral, atendendo ás
necesidades de millóns de persoas sen ingresos, en risco grave de exclusión social.
O emprego, elemento determinante
Os contratos temporais alcanzaron en Galicia o 92,61 % do total, mentres que os
indefinidos,a tempo completo, apenas supuxeron o 4,62 %.O incesante aumento de
persoas desempregadas, das que 125.517 son mulleres, o que constitúe o 53,8 % do paro
rexistrado. A taxa de actividade das mulleres é do 48,7 % e a taxa de emprego do 39,0 %,
o que representa unha brecha aproximada en relación cos homes de 10 e 9 puntos,
respectivamente. A diferenza entre os salarios medios anuais de mulleres e homes,
segundo a última Enquisa de estrutura salarial, foi de 5.264,34 euros: o salario medio
feminino foi o 76,6 % do masculino.
Os últimos sete anos foron difíciles para toda a poboación en xeral e para as mulleres en
particular. A crise económica púxose como escusa para levar a cabo políticas moi austeras
e reducir o incompleto estado de benestar español. A redución de servizos, de prestacións
e, obviamente, de empregos públicos maioritariamente femininos foi constante. Así, a
taxa de paro feminino seguiu sendo superior á masculina, cunha taxa de actividade
menor pois, aínda que se perden emprego públicos, uns minguan máis ca outros. Os
empregos socialmente vitais en sanidade, educación, asistencia social, orientación,
coidados ás persoas dependentes, atención cidadá e de administración, postos mormente
femininos, van a menos, mentres que os relativos ao control e a seguridade, onde
predominan os homes, mantéñense.
Mulleres protagonistas dun tempo novo
Esta situación é lamentable. Porén, o positivo, e por iso falamos do tempo das mulleres, é
que para dar solucións aos problemas hai que velos e, ata o de agora, os diagnosticos que
se facían erraban porque non recollían a posición das mulleres. Agora esta situación tense
en conta e por iso se adoptan determinadas medidas para tentar erradicar a brecha
laboral de xénero, así como a brecha salarial. Estes temas, xunto co acoso sexual e por
razón de sexo, non só foron elementos centrais nos programas das eleccións sindicais,
senón tamén nalgunhas das campañas dos partidos políticos de esquerdas nas últimas
eleccións xerais.
A atención sindical específica de FSC-CCOO ás cuestións de xénero e o seu compromiso
para erradicar a discriminación laboral das mulleres tamén contribuíu a conseguir que
Comisións Obreiras sexa a primeira organización nas eleccións sindicais.
O traballo cotián obsérvase na maior participación das mulleres na organización e no
aumento do número de delegadas sindicais. Nunha federación con sectores
tradicionalmente masculinos, como por exemplo o do transporte, aumentou catro puntos
a porcentaxe de delegadas obtido nas eleccións sindicais. Se en 2011 a proporción de
delegadas no ámbito de FSC-CCOO era do 31,25 %, na actualidade é do 33,35 %. E a
pesar da mellora, a incorporación de mulleres mantense como un reto ao que esta
Federación segue facendo fronte, pois a súa presenza é vital para cambiar a sociedade e
recuperar os dereitos que as políticas conservadoras destruíron.
Exemplos de loitas das mulleres que alcanzaron o éxito foron a redución da proposta de
cambio de lei do aborto de Gallardón, que mantivo os prazos; ou a visualización que
supuxo a manifestación do 7N do rexeitamento social contra o maltrato ás mulleres.
É tempo de recuperar e reconstruír dereitos
Neste tempo de recortes de dereitos e liberdades, en que trescentos sindicalistas están
axuizados por defenderen os dereitos laborais, cómpre manter unha resposta sostida no
tempo contra as leis represivas. As respostas están sendo moitas e variadas; algunhas son
as tradicionais, pero existen expresións novas e practicamente a maioría delas están
encabezadas por xente nova e mulleres, o que osixena a sociedade e a renova.
É o tempo de reivindicar e reconstruír todo aquilo que «a crise» lles arrebatou ás
mulleres, o momento de loitar por recuperar postos de traballo seguros e con garantías, o
momento de reclamar medidas que
permitan ás nosas parellas compartir o coidado da nosa familia e de esixir a recuperación
duns servizos públicos que garantan o coidado das persoas maiores, da infancia e das
persoas dependentes. E é o momento de dicir BASTA XA DE ASASINATOS e de
reclamar as medidas necesarias para a erradicación da violencia contra as mulleres… É O
TEMPO DAS MULLERES!
FSC-CCOO reafírmase no seu compromiso activo coas loitas das mulleres, co proxecto
dunha sociedade igualitaria e, en especial, con cantas manifestacións, actos e
intervencións se produzan para garantir a presenza de mulleres na acción sindical e a
loita política, con identidade, autonomía e visibilidade. Por iso chamamos á participación
de traballadoras e traballadores nos actos e manifestacións que se celebran en cada
Unión, para facer do 8 de Marzo outro día de loita na emancipación das mulleres, no
camiño cara ao recoñecemento de dereitos e identidade.
Ramiro Otero Rodríguez. Nuria Rodríguez Lema
Secretario Xeral FSC-G -CCOO Galicia. Secretaria da Muller FSC-G-CCOO

mércores, 2 de marzo de 2016

MAÑÁ DE ACORDOS NAS XUNTANZAS DOS COMITÉS





VACACIÓNS
O Comité de San Marcos acordou pedirlle a empresa os criterios que vai seguir para que o persoal colla as súas vacacións. Despois de que varios xefes de departamentos lles comunicaran ao persoal que teñen que facer as súas peticións entre xullo e agosto rexeitando a posibilidade de facelas noutros meses, incluso, como recolle o convenio, no período de entre xuño e outubro o Comité quere que a empresa de unhas directrices claras.


PROGRAMAS DA RADIO GALEGA PREVIO PAGO
Tamén se lle vai pedir que a dirección expoña cal é o protocolo que emprega a Radio Galega cando fai programas en exteriores, do tipo da Festa do Cocido de Lalín, polos que están a facturar aos concellos tarifas que arredor dos 3 mil euros. Dentro da información solicitada está cales son os concellos nos que se fixeron os programas e as contías facturadas.


BOLSEIROS/AS PRECARIOS/AS
O Comité tamén se interesa pola situación dos bolseiros que nalgúns casos están a ser o branco de sobrecarga de traballo por parte de xefes directos, sen motorización de persoal da empresa, chegando a facer horas a maiores das asignadas. Dende Comisións entendemos que isto favorece a precariedade coa que están a traballar estes compañeiros/as cos que en ocasións se está a facer substitucións encubertas. Esta situación xa se puxo en coñecemento da empresa que advertiu aos responsables destes bolseiros que desistiron da súa actitude uns días para volver a sobrecargar aos bolseiros/as. O Comité denunciará esta situación a dirección de Recursos Humanos.


¿CAMBIOS NAS DIRECCIÓNS DA CRTVG?
O Comité Intercentros acordou pedirlle información a empresa que cal vai ser o impacto na contratación da posta en marcha da corporación no organigrama da dirección. Dentro da política da empresa de reducir xefaturas pódense ver afectadas as interinidades de traballadores/as que están a cubrir as vacantes de persoal asignado a alta dirección.

IRREGULARIDADES COAS NÓMINAS
Tamén lle vai pedir a empresa que informe sobre as irregularidades no pagamento de salarios que afectou a persoal, aos que se lles ingresou cartos de máis e agora se lles está reclamando que o devolvan de diversos xeitos e individualmente. O Comité solicitará datos de cantos afectados hai e ver se hai posibilidade de que se aborde de xeito conxunto. Outra petición que se lle fará é que nas nóminas se inclúa a antigüidade dato que foi suprimido de xeito unilateral pola empresa.




                                                                                             Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2016