martes, 19 de setembro de 2017

NON AO CADRO DE PERSOAL PROPOSTO POR RRHH




Acordo para sentarse a negociar a estrutura dos distintos centros de traballo


Reunido o Comité Intercentros con RRHH abordouse o cadro de persoal proposto pola empresa. Dende a dirección defenden que é un cadro que ven dado polas sentencias de indefinidos en distintos postos. Pola parte sindical rexeitouse de xeito unánime ese cadro por entender que o que fan realmente é adxudicar as prazas creadas por sentencias a postos e categorías que eles queren, aumentando nunhas e eliminando outras, sen aclarar que criterio están a seguir, polo que non acatan estritamente a legalidade. Dende a parte social defendeuse que cada sentencia crea un posto concreto nun centro de traballo concreto e ten que ser esa e só esa a praza que se ten que cubrir e non outra que dende RRHH queiran crear. . Por parte da empresa aseguran que están a elaborar un informe xurídico que apoia esta proposta que será remitido a parte social nuns días. Os representantes dos traballadores deixamos claro que o Consello de Administración, que é quen ten que aprobar o cadro, non vai contar coa complicidade do Comité Intercentros para xustificar esta manobra que consideramos irregular.


Dentro do debate xerado dende a dirección de recursos humanos comprometéronse a manter unha xuntanza a dez días vista para abordar unha negociación na que se revisará as necesidades dos distintos centros de traballo ao abeiro da adicional cuarta do convenio colectivo que di : “....a empresa e o Comité Intercentros ou a representación sindical negociarán unha proposta de actualización do cadro de persoal, e tamén negociarán a dimensión do cadro de persoal dos distintos centros de traballo detectando as vacantes existentes para proceder, de ser o caso, á súa cobertura polos procedementos adecuados, dentro do marco legal existente e cos prazos que se acorden”. Nesa negociación terase en conta as vacantes que se van xerar por xubilación ata o 2022, ademais dos postos que están en suspensión e sen cubrir, así como os contratos por obra e os contratos artísticos que están en activo