xoves, 21 de abril de 2016

Proposta da creacion dun portal para os contratos de substitución

EXPOÑEMOS

A información á que se pode acceder das listaxes de contratación é inservible tanto pola falla de claridade como pola falla de actualización. Nela mantense a orde que se obtivo na puntuación da OPE, pero os contratos están mesturados coa xente que non está contratada, as persoas que están activas na listaxe coas que pediron a suspensión dos chamamentos, non está actualizada e non se pode facer ningún tipo de consulta de datos anteriores. É dicir, non serve para nada.

SOLICITAMOS

Que se poña en marcha un portal onde se poida consultar o estado das contratacións e postos de listaxe de cada persoa por categorías semellante ás que se empregan noutros entes da administración pública (educación, sanidade). Dita consulta poder ser pública e totalmente aberta ou mediante unha clave facilitada aos/ás integrantes de cada lista.

Este tipo de ferramenta debería permitir consultar o estado de contratación do aspirante (activo, suspenso...), orde de chamamento, tipo de contrato (IT, licenza retribuída ou non retribuída, etc.), data de inicio e fin prevista (se a hai) do contrato, as modificacións que se van facendo en cada categoría de todas as persoas que están en cada listaxe, así como as vacantes libres e adxudicadas, ademais de poder consultar os datos de xeito nominal.

Os membros da Comisión de Listaxes deberán ter acceso de lectura como administrador do portal a unha información máis ampla de todas as incidencias de cada listaxe na que consten os contratos ofertados aceptados e rexeitados, data e motivos de renuncia ou suspensión de chamamentos, etc.

As listaxes poderán e deberán estar actualizadas en tempo real e sería óptimo que se puidese establecer un servizo de notificación vía correo electrónico ou mensaxe das novidades que se produzan e mesmo as posibles adxudicacións de contrato.

Ao mesmo tempo este portal podería servir para modificar o estado de cada aspirante na listaxe, de xeito que dende o seu usuario poida activar ou desactivar o seu estado na listaxe -temporal ou definitivamente- e aceptar ou rexeitar o chamamento, modificar as súas preferencias, etc.

Sería idóneo que a consulta permitise ao usuario/a elixir mediante pestanas ou filtros ver todos os aspirantes da listaxe (con e sen contrato en vigor), eliminar da súa vista de listaxe ás persoas con contrato indefinido ou obra ou só ver as persoas pendentes de chamamento, se así o decide o usuario.

Ante a dúbida que se pode presentar pola Lei de Protección de Datos (LPD), hai que dicir que, por exemplo en educación, calquera cidadán pode acceder aos datos do persoal que traballa como substituto e ver o historial de contratos. A seguinte é unha busca aleatoria de mostra na que se pode ver o resumo histórico que ten o primeiro substituto de ensino en secundaria na especialidade de debuxo.




É de supoñer que a LPD non é un atranco se noutros eidos da administración non hai problema para facer públicas as listaxes, a non ser que se invoque a privacidade dos datos para ocultar manobras que pouco teñen que ver coa transparencia tan anunciada no noso portal corporativo. Tamén é de supoñer que outros órganos públicos non están incumprindo as leis polo que non vemos impedimento á publicación actualizada e útil das listaxes de contratación.

Se a dificultade técnica é insuperable á hora de xestionar os usuarios e as claves, propoñemos que a consulta sexa aberta, pública, para todo o que queira consultala e en calquera categoría, pero sen posibilidade de modificación ou interacción coas persoas integrantes das listaxes. Iso si, puidendo ter acceso aos datos expostos anteriormente (estado de contratación, orde de chamamento, tipo de contrato, data de inicio e remate prevista do contrato e as modificacións que se van facendo en cada categoría de todas as persoas que están en cada listaxe), así como as vacantes libres e adxudicadas e o historial de contratación de cada substituto/a.

Vese a necesidade de poñer unha data para a posta en marcha deste portal, polo que propoñemos que sexa como moi tarde o 30 de xuño de 2016, cando se cumprirían 4 anos da entrada en vigor das listaxes, catro anos que levamos con información insuficiente e con semanas se non meses de atraso.



mércores, 13 de abril de 2016

O DIRECTOR XERAL NON RECIBE AO COMITÉ INTERCENTROS



Pedimos explicacións dos criterios das vacacións, libranzas e asuntos propios

O director xeral, Sanchez Izquierdo, remitiu unha nota ao Comité Intercentros na que delega a explicación do nomeamento da nova xefa de servizo de Responsabilidade Social e Asesoramento Lingüístico, ao director de recursos humanos. Un xesto que amosa o desprezo que ten o director, que vai camiño de converterse que máis tempo bote no cargo, polos representantes dos traballadores.

Un asunto máis ao que terá que atender Jorge Varela e dos que o comité está esperando unha resposta, algúns dende nai máis dun mes, e dos que tampouco informa e xa van máis dunha ducia as comunicacións que ten pendentes.

A todo isto terá que engadirlle as explicacións por parte da empresa dos criterios obxectivos que se van empregar na concesións de vacacións, libranza e festivos, xa que cada xefe de servizo está a aplicar os criterios que lle peta e como medida preventiva aos conflitos que se presentan ao ter que desfrutar os días de vacacións e asuntos propios do 2015. Será nunha xuntanza que se solicitou con Recursos Humanos e esperemos que o señor Varela atenda en tempo e forma.


martes, 5 de abril de 2016

DIMISIÓN DA DIRECTORA DE INFOMRATIVOS, DENUNCIA EN INSPECCIÓN DE TRABALLO, ABUSO DOS CONTRATOS EN PRÁCTICAS E PROBLEMAS COAS SUBSTITUCIÓNS


Na xuntanza do comité de San Marcos acordouse remitir un escrito a dirección da CRTVG para pedir a dimisión de Pilara Bermúdez e unha explicación do que parece ser a presión da directora de Informativos da casa que exerceu sobre o director accidental do Telexornal Serán para que lle asignara menos carga de traballo a un redactor, que resultou ser o seu esposo nun día no que por ser festivo o persoal estaba en cadro.
Denuncia na inspección de traballo
A proposta de Comisións Obreiras o Comité da CRTVG en San Marcos vai denunciar na inspección de traballo para que a empresa entregue a información desagregada dos contratos dos provedores da Radio Galega, despois de que xa se denunciara a negativa da empresa a dar eses datos. Despois de que lle obrigaron a dalos, deron unha versión que non se entende.
Abuso dos contratos en prácticas
O Comité tivo coñecemento de que nos departamentos de reporteiros gráficos e grafismo están a cambiar de quenda continuamente aos traballadores con contratos en prácticas sen cobrar dispoñibilidade, evitando así empregar outro tipo de persoal que sí cobra este complemento ou non seu defecto contratar xente das listaxes de substitución. Dende o comité váiselle pedir a RRHH que remate con esta práctica.
Situación precaria na Radio Galega
Tamén se tomou a decisión de esixir a empresa que controle os recursos da Radio Galega despois da queixa dun xefe de área queixándose da calidade dos cortes que se emiten no informativo da mañá despois de que só quedase un técnico na quenda de noite ao que se pide que faga un control dun programa en directo e máis edite os cortes dos tres redactores que están na súa quenda.
Sen información da empresa
Despois de máis dun mes que se lle pediu información ao director de Recursos Humanos sobre a presenza de equipos da Radio Galega en domicilios particular de colaboradores seguimos sen resposta e imos urxir a resposta por escrito.


Santiago de Compostela, 5 de abril de 2016