xoves, 20 de xullo de 2017

A FALSEDADE DA TVG




DIRECTOS FALSOS DAN PASO A INFORMACIÓNS GRAVADAS HORAS ANTES


Nas últimas semanas dende o sindicato CCOO vimos detectando que nos espazos informativos da televisión pública de tódolos galegos se está empregando unha estratexia para presentar informacións dicindo que son en directo cando son gravadas. Todo consiste en que as xornalistas ou os xornalistas se poñen diante da cámara e simulan que están en directo e que presentan un vídeo. Iso grávase e despois os presentadores dende o plató danlles paso dicindo que están en directo. Algo que pouco ten que ver co carácter inmediato e de veracidade que se lle debe esixir aos contidos informativos.
Unha situación que xa non só se repite en profesionais que están atendendo a un programa concreto, senón que agora vemos como a redactores e redactoras da mañá se lles obriga a facer este tipo de traballo para os informativos da tarde, argumentando que para os programas so seran non teñen persoal suficiente para cubrir a emisión.
Dende CCOO queremos denunciar primeiro, e máis grave, que o emprego deste sistema de traballo é un xeito lamentable de enganar ao espectador, presentando como directo información que xa levan horas feitas. Un xeito de manipulación máis dos que vimos denunciando durante anos. Polo que pedimos que se erradique esta práctica.
En segundo lugar, esta práctica ven derivada da escaseza de contratación de persoal para cubrir as necesidades básicas de produción que ten a Galega. Unha escaseza que ten unha consecuencia directa como é a perda de calidade dos contidos e o emprego de artimañas que lonxe de encubrir as deficiencias resáltanas aínda máis.