xoves, 23 de marzo de 2017

NON A MANIPULACION NA CRTVG

Esta semana o Comité de San Marcos como consecuencia da petición de amparo do compañeiro Luís Quintas, denunciando un caso de manipulación dunha reportaxe súa, acudimos aos grupos parlamentarios para que tiveran información de primeira man.
Das xuntanzas cos grupos parlamentarios do PSdeG e BNG arrancamos o compromiso de meter na axenda política deste mes de abril a necesidade de desenvolver a a lei 9/2011, a Lei de Medios Públicos Audiovisuais de Galicia aprobada hai xa case seis anos e que contempla un Estatuto Profesional e un Consello de Informativos non desenvolvidos e que son unha ferramenta que pode garantir un traballo profesional e protexer aos traballadores e traballadoras dos abusos que sofren no transcurso do desenvolvemento da súa profesión.
Por suposto, tamén pedirán explicacións polo miúdo ao director xeral da CRTVG na comisión de control do Parlamento que se celebrará o vindeiro 30 de marzo. Xa que Sánchez Izquierdo non respondeu a petición dos seus propios traballadores de información sobre este grave caso de manipulación, unha petición feita a través dunha nota interna que lle enviou o Comité, esperemos que perante a comisión si saiba explicar polo miúdo os porques do caso e non garde silencio.
O luns manteremos unha xuntanza con En Marea da que daremos conta. O Partido Popular contestou que recibira a petición do Comité para unha xuntanza e que xa nos avisaban.........




luns, 13 de marzo de 2017

Un redactor da TVG pide amparo pola emisión dunha noticia súa manipulada


Eliminaron as críticas a Xunta de Galicia e un parágrafo da información.





Esta mañá tratouse a denuncia por manipulación que fixo chegar ao Comité o compañeiro Luis Quintas.
O luns, 6 de marzo no Galicia Serán emitiron unha noticia premeditadamente recortada para eliminar partes que se emitiran na edición do mediodía.
Luis, redactor de longa traxectoria e recoñecido prestixio, elaborou unha peza informativa sobre o cultivo de ostras en Galicia baseado en entrevistas feitas na Universidade de Santiago a un equipo de investigación en acuicultura. Unhas entrevistas que non buscou el senón que, neste caso, llas asignaron a primeira hora da mañá sen tempo para documentarse sobre o tema do que versaban ditas entrevistas. Despois elaborou esta información para o programa Galicia Noticias Mediodía:


http://www.crtvg.es/informativos/investigadores-galegos-reducen-a-metade-o-tempo-de-cria-da-ostra-autoctona-2777439


Na edición da tarde, Galicia Noticias Serán, quedou “MUTILADA”, como o mesmo traballador afirma, aínda que mantiveron a súa “voz en off”. Esta mutilación foi para evitar que os espectadores puideran escoitar a declaración dun técnico que criticaba a actitude do goberno autonómico na cría e cultivo de moluscos en Galicia. Ese técnico dicía que a Xunta está desaparecida na atención a explicaba o porqué en 22 segundos de intervención.




Tamén suprimiron o parágrafo final da noticia, que dicía:


"Este especialista en cultivo de moluscos afirma que á Xunta non lle interesa aumentar a produción destas especies e lembra que nas depuradoras galegas predomina o marisco foráneo".


http://www.crtvg.es/informativos/investigadores-galegos-descobren-como-reducir-o-tempo-de-cria-a-metade-da-ostra-autoctona-2777981

As excusas e argumentacións falsas que dan para casos coma este que se dan tódolos días na redacción é que a noticia é moi longa, para repetila integramente.


Dende o Comité de San Marcos elaboramos unha nota pública, pedimos o amparo do Colexio de Xornalista, comunicamos esta lamentable e intolerable situación ao Consello de Administración e pedimos explicacións Dirección Xeral, Dirección de Informativos, e Dirección do programa. Tamén pedimos unha xuntanza cos grupos parlamentarios para darlles conta do acontecido. Así mesmo estamos a traballar nun protocolo de amparo para as traballadoras e traballadores que se enfrontes a unha situación semellante.


Tamén esiximos que cesen as prácticas de manipulación e a posta en marcha inmediata do Consello de Informativos comprometido na Lei de Medios. Ademais que se asinen os traballos con rótulos onde apareza o nome da redactora ou redactor como xeito de visualizar o traballo ben feito por parte das traballadoras e traballadores..


O Comité de San Marcos rexeita enerxicamente que se faga este uso perverso da información elaborada por un xornalista con criterios profesionais e non dependentes do que lles gusta oír aos gabinetes de comunicación en San Caetano.


Dentro doutro orde de asuntos tamén se tratou as irregularidades de 11 traballadoras que denunciaron durante o proceso de acreditación de competencias. Aseguran que dende o departamento de Recursos Humanos influíron nun centro que convocou probas prácticas contempladas no proceso para que mudara os horarios despois de que tiveran unha data fixada. En concreto a problemática que se plantexa é que estaban convocadas durante todo un día para a súa avaliación práctica en Ferrol e agora convocáronas durante cinco días só polas tardes, o que ocasiona un maior trastorno e gasto as traballadoras, ademais de non podelas incluír nas horas de formación a que teñen dereito. Estase a espera dunha resposta do departamento de RRHH para que explique o porqué desa inxerencia.


A calidade do material enviado polo novo correspondente en O Porto tamén foi abordado.


Segundo o criterio do Comité as condicións do traballo resultante non son as desexables para os estándares de calidade. O Comité decidiu pedir unha xuntanza coa Directora da División de Radio Televisión de Galicia, Rosa Vilas, para que explique cales son os medios cos que conta o traballador asinado a tales tarefas e cales foran as condicións nas que se estableceu o tema desta reportaxe.


Noutra orde de cousas tratouse o cobro de dous complementos de responsabilidade por parte dunha persoa, o que se consideraría a vulneración do convenio colectivo. Dende RRHH aseguraron que se trataba dun erro que xa corrixiron, aínda que a parte social non ten os datos suficientes para corroborar tal afirmación. Por iso se acordou pedir a dito departamento que envíe a información sobre os traballadores ao día e non con meses de atraso.


Dentro do proxecto piloto de “radio en streaming” que se está a facer no programa A Tarde o emprego das cámaras de emisión do estudio 4 da Radio Galega están abertas en ocasións as 24 horas tal e como comunicaron varios traballadores e traballadoras. Dende a Dirección da División de Radio Televisión de Galicia asegurouse que só unha unha cámara estaría operativa de 16:00 a 19:00 durante a emisión do programa, por iso se acordou comunicar a empresa que cumpra coas directrices expostas por Rosa Vilas.


martes, 7 de marzo de 2017

O 8 DE MARZO A CRTVG TAMÉN PARA

 O Comité Intercentros da CRTVG súmase á CONVOCATORIA DE FOLGA MOTIVADA POLO PARO INTERNACIONAL DE MULLERES convocado para mañá mércores 8 de marzo e chama a todas as traballadoras e traballadores dos medios públicos a secundar os paros parciais que se producirán nas seguintes franxas horarias: 

de 12:00 a 14:00 horas 
de 18:00 a 20:00 horas 
de 21:00 a 23:00 horas 

Na tarde, o Intercentros recoméndalle ao persoal ao que lle coincidan dúas franxas na súa quenda que escolla unha delas para parar. Co ánimo de manter o espíritu das convocantes internacionais (paro convocado por mulleres para mulleres) o comité pediulle á empresa que permitise que aquelas compañeiras que recibisen a carta de servizos mínimos puidesen voluntariamente intercambiar esa convocatoria que impide realizar o paro cun compañeiro que voluntariamente se preste a substituíla no servizo mínimo. 

Aquelas persoas que non poidan parar por estar en mínimos, poderán amosar o seu apoio a esta convocatoria participando nas CONCENTRACIÓNS que se convocarán NO CONTROL DE ACCESO á CRTVG ás 12:00, ás 18:00 e as 21:00 horas, aproveitando os seus 20 minutos de descanso. 

Lembrámoslle ao persoal que secunde o paro que haberá que deixar constancia do mesmo fichando nos tornos de saída, onde nos concentraremos para deixar claro que SE AS MULLERES PARAN, O MUNDO PARA. 



San Marcos a 7 de marzo de 2017

mércores, 1 de marzo de 2017

MAÑÁ DE ACORDOS NO INTERCENTROS


Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros acordouse pedirlle a empresa que comunique o traslado temporal de traballadores para cubrir baixas nas delegacións, unhas adscricións temporais que nalgúns casos fanse de xeito arbitrario. O Comité tamén lle vai pedir información dos cambios de quenda entre traballadores, que agora se está a facer entre os distintos centros de traballo da CRTVG e a actualización dos permisos de maternidade e paternidade que ampliaron os seus prazos e as traballadoras e traballadores teñen que presentar formularios adicionais xa que os novos permisos non están ao día no portal de incidencias informáticas. En canto ao aumento de coordinadores no departamento de informativos da TVG vaise pedir que a empresa concrete as funcións que fai cada un, xa que ven de aumentar o número de redactores xefes.

Fora xa do Comité os distintos representantes acordamos pedirlle de xeito urxente a empresa unha xuntanza para tratar a clasificación profesional despois de 8 meses sen convocar a comisión creada para tal efecto.



Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2017

venres, 24 de febreiro de 2017

PROGRAMCIÓN CONTINUISTA, PROBAS DE STREAMING NA RADIO E CORRESPONSALÍA EN OPORTO





Na xuntanza do día de hoxe do Comité de San Marcos cos Directora de División da Radio Televisión, Rosa Vilas, tratouse a nova programación, que seguirá sen novidade agás dunha nova reformulación dun programa que se vai gravar a partir da semana que ven chamado As Luces. Serán 13 programas que aínda non se sabe en que franxa se van emitir e que presentará Xosé Carlos Caneiro, a través dunha contratación artística, xustificado por Rosa Vilas por ser un persoeiro que aporta valor engadido. Dende a parte social reclamouse que se de a oportunidade as traballadoras e traballadores da casa a presentar este tipo de programas.

Na radio a partir do seis de marzo comezará en streaming a retransmisión do programa a A Tarde na radio. Un proxecto piloto que será a proba para despois facer extensible a máis programación. Despois de que CRTVG quixera comezar a emitir tres programas e o malestar dun grupo de traballadores pola falla de previsión e comunicación dos procedementos que se van seguir nas retransmisións en streaming, procedeuse a facer esta proba contando coa voluntariedade do equipo de A Tarde.


A comezos de marzo tamén está previsto que comece a traballar en Oporto como correspondente Alfonso Pérez Caneiro ao abeiro do convenio asinado entre a CRTVG e a RTP para colaborar en proxectos comúns como a serie Vidago Palace.

mércores, 25 de xaneiro de 2017

CAMBIO DE CRITERIOS NA READMSIÓN DE DESPEDIDOS


Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros acordouse pedir unha xuntanza coa empresa para que aclare cales son os criterios cos que está a tratar os despedimentos improcedentes. Ata o momento o que facía era pagar a indemnización, pero nun caso recente readmitiu a unha persoas, polo que a parte social esixe unha explicación deste cambio de actitude e solicitará un trato igualitario para todas a traballadoras e traballadores.

Asuntos propios.
Tamén se acordou pedirlle a empresa unha resposta concreta sobre as solicitudes de asuntos propios. En novembro fíxose unha proposta pola parte social para limitar o tempo de resposta as peticións de asuntos particulares por parte dos xefes de departamento, unha resposta que aínda estamos a esperar.


venres, 25 de novembro de 2016

COMPROMISO COA TRANSPARENCIA

Desde CCOO levamos anos reclamando á empresa un exercicio de transparencia e unha xestión eficiente dos recursos públicos que, ao noso entender, non se está a reflectir en todos os aspectos empresariais, por exemplo nos datos das audiencias dos programas da grella e o custe das producións alleas, exteriorizacións, etc. Así como na asignación arbitraria dos complementos salariais regulados no Convenio Colectivo. En aras desa transparencia e para clarificar a información sobre os custos sindicais que a empresa publicou na web, CCOO quere dar a coñecer a todas as traballadoras e traballadores da empresa a situación da súa representación sindical na empresa.

CCOO ten na CRTVG catro representantes electos no comité de empresa único da CRTVG en San Marcos, do que unha é tamén delegada sindical e, a maiores, outro delegado sindical. Esta representación non seu conxunto outórgalle unha dispoñibilidade de 4.400 horas sindicais, que se distribúen internamente na Sección Sindical do seguinte xeito:

- 1650 horas para a liberación de Enrique Rodríguez Marcos, para a atención da Sección Sindical, control da información entregada pola empresa (copias básicas, incidencias de nómina, etc.) así como a participación no Comité de Seguridade e Saúde Laboral como delegado de prevención da empresa.

- 1650 horas para a liberación de Teté Pérez Pardo, Secretaria Xeral da Sección Sindical de CCOO na CRTVG, para a participación no comité da CRTVG en San Marcos, na Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio Colectivo, e a asistencia como delegada sindical ao resto de órganos de representación sindical. Ademais do traballo como responsable do Sector de Medios de Comunicación de Galicia de CCOO.

- 1100 horas para a súa distribución entre o resto de representación nos seus distintos ámbitos:

  • Carlos Juanatey Silva, membro do Comité de empresa da CRTVG en San Marcos, membro do Comité Intercentros da CRTVG, membro da Comisión Paritaria, membro da Comisión para Nova Clasificación Pofesional.
  • Jesús Domínguez Lama, membro do Comité de empresa da CRTVG en San Marcos, membro da Comisión de Xestión de Listaxes de Contratación, xestión da páxina web e redes sociais da Sección Sindical.
  • Javier López Quian, membro do Comité de empresa da CRTVG en San Marcos, membro do Comité Intercentros da CRTVG.