martes, 28 de marzo de 2017

Acordos da comisión de listaxes: cada baixa xera un contrato novo




Na última xuntanza do Comisión de Listaxes chegouse ao acordo de que nas xestión dos chamamentos cada modificación nos permisos ou baixas dos traballadores xere un novo chamamento. Ata o momento RRHH prorrogaba os contratos de xeito unilateral e arbitrario para un mesmo candidato na listaxe como se fose unha mesma causa cando ao mellor eran dúas ou tres causas distintas. Por exemplo: unha persoa que está de baixa e pega un permiso despois desa baixa, como poden ser as vacacións ou unha baixa a que lle segue unha maternidade, permiso de lactancia e vacacións. Esta modificación que se lle esixiu dende a parte social veu motiva porque detectouse que en ocasións dende RRHH o que facían era non asignar nun primeiro momento a baixa e ir outorgando contratos de máis curta duración ata que chegaba a unha persoa en concreto coa que si activaban a substitución desa baixa a que encadeaban os distintos permisos.


Tamén se esixiu que quedara rexistrado na acta da xuntanza que no caso de aparecer varios contratos un mesmo día se lle ofreza o de maior duración ao primeiro candidato ou candidata na listaxe, despois de detectar un caso no que a unha persoa que estaba no primeiro posto se lle adxudicara un contrato de días mentres que ao seguinte se lle ofreceu un permiso de seis meses no mesmo día.


Non se chegou a acordo na pretensión de RRHH de manter unha excepcionalidade perenne nos chamamentos de curta duración da listaxe de técnico de control.


Xuntanza con En Marea




Esta xuntanza está dento da xeira de contactos que estamos a manter cos grupos parlamentarios para denunciar a manipulación informativa que motivou a denuncia do compañeiro Luís Quintas.



Polo grupo parlamentario En Marea quedou demostrado o interese por erradicar estas preocupantes manobras dentro da televisión pública galega e tamén a vontade de iniciar contactos cos distintas forzas políticas para tentar desatoar a situación na que se encontra a Lei de Medio Públicos de Galicia 9/2011 onde está recollido a creación de Estatuto Profesional e o Consello de Informativos. Tamén expuxeron a posibilidade de facer unha pregunta no Parlamento sobre o particular despois de que non se lles admitira a tramitada na Comisión de control para a sesión que se celebra este xoves 30 de marzo e da que tería que dar explicacións o director Xeral Alfonso Sánchez Izquierdo. Unha pregunta para a Comisión de control que, aseguraron, malia presentarse en tempo e forma e que quedará para o vindeiro mes de abril.


Como quedará para o próximo mes de abril a pregunta do BNG na mesma comisión e sobre o mesmo tema, desta volta por non entrar en prazo, segundo nos comunicaron do grupo parlamentario.





xoves, 23 de marzo de 2017

NON A MANIPULACION NA CRTVG

Esta semana o Comité de San Marcos como consecuencia da petición de amparo do compañeiro Luís Quintas, denunciando un caso de manipulación dunha reportaxe súa, acudimos aos grupos parlamentarios para que tiveran información de primeira man.
Das xuntanzas cos grupos parlamentarios do PSdeG e BNG arrancamos o compromiso de meter na axenda política deste mes de abril a necesidade de desenvolver a a lei 9/2011, a Lei de Medios Públicos Audiovisuais de Galicia aprobada hai xa case seis anos e que contempla un Estatuto Profesional e un Consello de Informativos non desenvolvidos e que son unha ferramenta que pode garantir un traballo profesional e protexer aos traballadores e traballadoras dos abusos que sofren no transcurso do desenvolvemento da súa profesión.
Por suposto, tamén pedirán explicacións polo miúdo ao director xeral da CRTVG na comisión de control do Parlamento que se celebrará o vindeiro 30 de marzo. Xa que Sánchez Izquierdo non respondeu a petición dos seus propios traballadores de información sobre este grave caso de manipulación, unha petición feita a través dunha nota interna que lle enviou o Comité, esperemos que perante a comisión si saiba explicar polo miúdo os porques do caso e non garde silencio.
O luns manteremos unha xuntanza con En Marea da que daremos conta. O Partido Popular contestou que recibira a petición do Comité para unha xuntanza e que xa nos avisaban.........




luns, 13 de marzo de 2017

Un redactor da TVG pide amparo pola emisión dunha noticia súa manipulada


Eliminaron as críticas a Xunta de Galicia e un parágrafo da información.





Esta mañá tratouse a denuncia por manipulación que fixo chegar ao Comité o compañeiro Luis Quintas.
O luns, 6 de marzo no Galicia Serán emitiron unha noticia premeditadamente recortada para eliminar partes que se emitiran na edición do mediodía.
Luis, redactor de longa traxectoria e recoñecido prestixio, elaborou unha peza informativa sobre o cultivo de ostras en Galicia baseado en entrevistas feitas na Universidade de Santiago a un equipo de investigación en acuicultura. Unhas entrevistas que non buscou el senón que, neste caso, llas asignaron a primeira hora da mañá sen tempo para documentarse sobre o tema do que versaban ditas entrevistas. Despois elaborou esta información para o programa Galicia Noticias Mediodía:


http://www.crtvg.es/informativos/investigadores-galegos-reducen-a-metade-o-tempo-de-cria-da-ostra-autoctona-2777439


Na edición da tarde, Galicia Noticias Serán, quedou “MUTILADA”, como o mesmo traballador afirma, aínda que mantiveron a súa “voz en off”. Esta mutilación foi para evitar que os espectadores puideran escoitar a declaración dun técnico que criticaba a actitude do goberno autonómico na cría e cultivo de moluscos en Galicia. Ese técnico dicía que a Xunta está desaparecida na atención a explicaba o porqué en 22 segundos de intervención.




Tamén suprimiron o parágrafo final da noticia, que dicía:


"Este especialista en cultivo de moluscos afirma que á Xunta non lle interesa aumentar a produción destas especies e lembra que nas depuradoras galegas predomina o marisco foráneo".


http://www.crtvg.es/informativos/investigadores-galegos-descobren-como-reducir-o-tempo-de-cria-a-metade-da-ostra-autoctona-2777981

As excusas e argumentacións falsas que dan para casos coma este que se dan tódolos días na redacción é que a noticia é moi longa, para repetila integramente.


Dende o Comité de San Marcos elaboramos unha nota pública, pedimos o amparo do Colexio de Xornalista, comunicamos esta lamentable e intolerable situación ao Consello de Administración e pedimos explicacións Dirección Xeral, Dirección de Informativos, e Dirección do programa. Tamén pedimos unha xuntanza cos grupos parlamentarios para darlles conta do acontecido. Así mesmo estamos a traballar nun protocolo de amparo para as traballadoras e traballadores que se enfrontes a unha situación semellante.


Tamén esiximos que cesen as prácticas de manipulación e a posta en marcha inmediata do Consello de Informativos comprometido na Lei de Medios. Ademais que se asinen os traballos con rótulos onde apareza o nome da redactora ou redactor como xeito de visualizar o traballo ben feito por parte das traballadoras e traballadores..


O Comité de San Marcos rexeita enerxicamente que se faga este uso perverso da información elaborada por un xornalista con criterios profesionais e non dependentes do que lles gusta oír aos gabinetes de comunicación en San Caetano.


Dentro doutro orde de asuntos tamén se tratou as irregularidades de 11 traballadoras que denunciaron durante o proceso de acreditación de competencias. Aseguran que dende o departamento de Recursos Humanos influíron nun centro que convocou probas prácticas contempladas no proceso para que mudara os horarios despois de que tiveran unha data fixada. En concreto a problemática que se plantexa é que estaban convocadas durante todo un día para a súa avaliación práctica en Ferrol e agora convocáronas durante cinco días só polas tardes, o que ocasiona un maior trastorno e gasto as traballadoras, ademais de non podelas incluír nas horas de formación a que teñen dereito. Estase a espera dunha resposta do departamento de RRHH para que explique o porqué desa inxerencia.


A calidade do material enviado polo novo correspondente en O Porto tamén foi abordado.


Segundo o criterio do Comité as condicións do traballo resultante non son as desexables para os estándares de calidade. O Comité decidiu pedir unha xuntanza coa Directora da División de Radio Televisión de Galicia, Rosa Vilas, para que explique cales son os medios cos que conta o traballador asinado a tales tarefas e cales foran as condicións nas que se estableceu o tema desta reportaxe.


Noutra orde de cousas tratouse o cobro de dous complementos de responsabilidade por parte dunha persoa, o que se consideraría a vulneración do convenio colectivo. Dende RRHH aseguraron que se trataba dun erro que xa corrixiron, aínda que a parte social non ten os datos suficientes para corroborar tal afirmación. Por iso se acordou pedir a dito departamento que envíe a información sobre os traballadores ao día e non con meses de atraso.


Dentro do proxecto piloto de “radio en streaming” que se está a facer no programa A Tarde o emprego das cámaras de emisión do estudio 4 da Radio Galega están abertas en ocasións as 24 horas tal e como comunicaron varios traballadores e traballadoras. Dende a Dirección da División de Radio Televisión de Galicia asegurouse que só unha unha cámara estaría operativa de 16:00 a 19:00 durante a emisión do programa, por iso se acordou comunicar a empresa que cumpra coas directrices expostas por Rosa Vilas.


martes, 7 de marzo de 2017

O 8 DE MARZO A CRTVG TAMÉN PARA

 O Comité Intercentros da CRTVG súmase á CONVOCATORIA DE FOLGA MOTIVADA POLO PARO INTERNACIONAL DE MULLERES convocado para mañá mércores 8 de marzo e chama a todas as traballadoras e traballadores dos medios públicos a secundar os paros parciais que se producirán nas seguintes franxas horarias: 

de 12:00 a 14:00 horas 
de 18:00 a 20:00 horas 
de 21:00 a 23:00 horas 

Na tarde, o Intercentros recoméndalle ao persoal ao que lle coincidan dúas franxas na súa quenda que escolla unha delas para parar. Co ánimo de manter o espíritu das convocantes internacionais (paro convocado por mulleres para mulleres) o comité pediulle á empresa que permitise que aquelas compañeiras que recibisen a carta de servizos mínimos puidesen voluntariamente intercambiar esa convocatoria que impide realizar o paro cun compañeiro que voluntariamente se preste a substituíla no servizo mínimo. 

Aquelas persoas que non poidan parar por estar en mínimos, poderán amosar o seu apoio a esta convocatoria participando nas CONCENTRACIÓNS que se convocarán NO CONTROL DE ACCESO á CRTVG ás 12:00, ás 18:00 e as 21:00 horas, aproveitando os seus 20 minutos de descanso. 

Lembrámoslle ao persoal que secunde o paro que haberá que deixar constancia do mesmo fichando nos tornos de saída, onde nos concentraremos para deixar claro que SE AS MULLERES PARAN, O MUNDO PARA. 



San Marcos a 7 de marzo de 2017

mércores, 1 de marzo de 2017

MAÑÁ DE ACORDOS NO INTERCENTROS


Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros acordouse pedirlle a empresa que comunique o traslado temporal de traballadores para cubrir baixas nas delegacións, unhas adscricións temporais que nalgúns casos fanse de xeito arbitrario. O Comité tamén lle vai pedir información dos cambios de quenda entre traballadores, que agora se está a facer entre os distintos centros de traballo da CRTVG e a actualización dos permisos de maternidade e paternidade que ampliaron os seus prazos e as traballadoras e traballadores teñen que presentar formularios adicionais xa que os novos permisos non están ao día no portal de incidencias informáticas. En canto ao aumento de coordinadores no departamento de informativos da TVG vaise pedir que a empresa concrete as funcións que fai cada un, xa que ven de aumentar o número de redactores xefes.

Fora xa do Comité os distintos representantes acordamos pedirlle de xeito urxente a empresa unha xuntanza para tratar a clasificación profesional despois de 8 meses sen convocar a comisión creada para tal efecto.



Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2017