luns, 18 de marzo de 2013

INFORMACIÓN NEGOCIACIÓN COLECTIVA 13-MARZO-2013

Na última reunión da mesa negociadora do convenio colectivo, a empresa entregou unha relación do persoal con praza fixa, das vacantes existentes e do persoal con contratos de longa duración a 31 de decembro de 2013. Total de prazas de catalogo: 769 (710 ocupadas e 59 vacantes) Por empresas: CRTVG 84 (77 ocupadas e 7 vacantes) RTG 133 (125 ocupadas e 8 vacantes) TVG 552 (508 ocupadas e 44 vacantes) Total persoal contratado de longa duración: 272 Por empresas: CRTVG 12 RTG 41 TVG 219 A empresa non realizou unha proposta concreta de estabilización do emprego temporal, pero instou á parte social a chegar a un acordo que permita, en catro ou cinco anos, "converxer" os contratos de longa duración e os fixos, sen que isto incremente o catalogo de persoal aprobado neste momento, e dicir, a base de ir ocupando as vacantes existentes e as xeradas nese período, que calculou nunhas 120 procedentes de xubilacións. O certo é que esta proposta tería que ser aprobada pola Xunta de Galicia, posto que nas instrucións recollidas na lei de orzamentos, obrígase á administración e ás sociedades públicas a amortizar, no prazo de tres meses, as vacantes existentes no momento da súa aprobación. Nesa xuntanza, CCOO instou á empresa a entregar xa a masa salarial (que xa entregou esta semana) e a empresa comprometeuse a entregar na reunión seguinte toda a información obxecto de estudio, e pactar, a instancias da parte social, unha periodicidade maior de reunións, así como separar das xuntanzas xerais, as destinadas a pactar unha nova clasificación profesional. Tamén se comprometeu, e tamén a instancias da parte social, a entregar datos sobre os gastos realizados en produtoras. Con respecto a solicitude de pacto de ultractividade do convenio colectivo ata que se asine un novo, debido ao retraso ao que se está a someter a negociación por parte da empresa, esta nega que se estea a producir tal retraso, e so se comprometeu a que, si chegado ao final de ano so quedasen por perfilar algúns puntos, non habería problema en prorrogar o convenio nun mes máis. No apartado de xubilación parcial, a parte social propuxo á empresa asinar un acordo antes do 1 de abril, data na que se preve unha modificación da actual lei, de forma que se permita aos traballadores e traballadoras acollerse á lexislación anterior, que se preve máis beneficiosa. Neste punto CCOO propuxo que este acordo deixase a posibilidade de que o persoal que se acolla a esta modalidade de xubilación, poda pactar coa empresa agrupar o período que lle corresponda traballar ao inicio da mesma.