luns, 24 de abril de 2017

PROTOCOLO ANTI MANIPULACIÓN

Ante o incumprimento do artigo 35 da Lei 9/2011, de 9 de novembro dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, que establece a creación dun Consello de Informativos para a Corporación, o Comité de Empresa da CRTVG asume determinadas funcións contra a manipulación informativa que lle corresponderían a ese órgano.
Co obxecto de garantir a encomenda de servizo público esencial, o dereito fundamental á información e para ofrecerlles o debido amparo aos traballadores e traballadoras da radio e a televisión públicas no seu exercicio profesional, este Comité, seguindo o acordo do seu pleno celebrado o día 13 de marzo de 2017, dótase das seguintes normas de actuación para os casos nos que o persoal denuncie exercicios de manipulación sobre o seu labor informativo.
1.- O Comité estudará cada caso, sexa denunciado por unha persoa ou por un colectivo, recollendo as probas que considere necesarias e contactando co persoal implicado.
2.- O Comité contactará mediante nota interna coa Dirección de Informativos ou Programas e coa dirección do informativo, programa ou departamento responsable da emisión ou difusión da noticia en cuestión, para denunciar a práctica e, de ser necesario, pedir as aclaracións pertinentes
3.-.Transcorridas 48 horas desde a notificación á dirección, no caso de considerar lesionado algún dereito, o Comité emitirá unha nota pública denunciando a manipulación, agás nos casos nos que pola súa gravidade esixa unha reposta urxente .
4.- O Comité pedirá unha xuntanza coa dirección do departamento responsable para recadar a súa posición.
5.- O Comité porá o caso en coñecemento do Director Xeral e do Consello de Administración mediante nota interna.
6.- Daráselle traslado tamén do acontecido ao Colexio de Xornalistas de Galicia, para que se pronuncie se así o considera.
7.- Informarase igualmente a todos os grupos parlamentarios, para que adopten as medidas que estimen oportunas no marco da Comisión Parlamentaria Permanente non Lexislativa de Control da Corporación da RTVG .
8.- Presentarase unha queixa ante a Valedora do Pobo.
9.- No caso de existir solicitudes de amparo confrontadas, o Comité trasladaralle por escrito a súa resolución a cada unha das partes.
10.- O Comité observará especialmente que non se lesionen os dereitos das persoas denunciantes, garantíndolles a confidencialidade se o solicitan.

O Comité de empresa asume estas funcións con carácter temporal. As mesmas decaerán coa constitución do Consello de Informativos, órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG que, segundo a Lei 9/2011, terá por obxectivos “velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles”.