xoves, 27 de abril de 2017

FEIJÓO E A EXCELENCIA DO QUE CONVÉN



HINCHANDO O PEITO COA AUDIENCIA E OS RECORTES ORZMAMENTARIOS
O presidente da Xunta en sesión parlamentaria defendeu o 26 de abril o bo traballo da Dirección da CRTVG e o milagre obrado ao facer o mesmo traballo contando cun orzamento que minguou 50 millóns de euros e que é a canle autonómica con mellor audiencia.
O que non conta o presidente é que todo este milagre baséase nun empobrecemento brutal da calidade técnica dos contidos que se emiten, xa sen entrar a valorar o traballo que se lle encarga na súa maioría a produtoras que alimentan a grella da radio e da televisión pública mantendo aos seus traballadores e traballadoras en condicións laborais propias do século XIX.
Un esforzo que tamén esixiu ao persoal a sufrir varios recortes salariais, o aumento da xornada laboral e a diminución á mínima expresión dos chamamentos das listaxes de contratación, que fai que moitos dos equipos estean a traballar baixo mínimos o que obriga, sobre todo nas datas de verán a reemitir contidos xa caducos e a refacer reportaxes emitidas con diferentes versións para disimular a falla man de obra, co resultado dunha degradación do servizo público ata uns niveis ata agora nunca coñecidos.
Tamén hai que contar que dos 90 millóns que gasta ao ano a CRTVG máis de 1 millón vai a parar aos petos dos seus xefes, a través de  complementos salariais de responsabilidade que en ocasións se ven multiplicados por cobros de outros complementos, horas extras incluídas noutros pluses e demais artimañas as que só acceden uns poucos. De feito a cantidade destinada a pagar os xefes no 2016 foi a máis dos últimos 9 anos na TVG.

En canto as audiencias da CRTVG son datos que só aos que acceden as direccións dos distintos departamentos da corporación, así que pouco se pode contrastar do particular. Cocíñanas nos despachos e danlle as voltas que queren para argumentar as súas xustificacións, dando sempre datos que máis lles interesan.