luns, 24 de abril de 2017

Eliminación do programa O Agro da grella da TVG


-Os traballadores e traballadoras teñen dereito a horas de formación para asistir ao procedemento de acreditación de competencias.
-Apróbase por unanimidade o protocolo de actuación ante as denuncias de manipulación informativa.
-Acórdase esixir a modificación do procedemento de solicitude de vacacións por incumprir o convenio colectivo.
ACABOUSE O AGRO
Ao longo da semana vimos asistindo a unha serie de informacións de corredor nas que se afirmaba que o programa O Agro, que leva en antena dende 1991, deixaba de emitirse. Por unha banda os compañeiros que están a traballar nos seus contidos enteráronse práticamente dun día para outro. Unha compañeira do Comité deu conta na reunión do contido dunha conversa telefónica do luns día 17 con Rosa Vilas, Directora da División de Radio Televisión de Galicia, na que lle aseguraban que o tema tratárase no comité de dirección dese día, no que Pilar Bermúdez, Directora de Informativos, anunciara o remate do programa por mor de que o convenio asinado coa Consellería de Medio Rural remataba e na renovación non ían aportar os cartos que viñan poñendo (reducen os cartos un 75%) así que o programa diario que vai incluido dentro do espezo A Revista deixa de emitirse e unha redactora incorpórase ao Telexornal Mediodía. Mentras os outros dous traballadores seguen elaborando o programa Labranza que se emite a fin de semana.
Dende o Comité pedíuse por teléfono unha xuntanza urxente coa Directora da División de Radio Televisión de Galicia, Rosa Vilas. Mentras esperabamos a resposta chegou unha chamada do director de Recursos Humanos, Jorge Varela, ao presidente do Comité de San Marcos para un encontro breve. Nel díxolle que a supresión do Agro era unha decisión que aínda non estaba tomada ( a todo esto a véspera os dous xa mantiveran unha conversa de xeito informal sobre o particular na que Varela aseguraba que non tiña nin idea, malia que o director de persoal asiste aos comités de dirección). O Comité insiste na xuntanza con Vilas e vai en pleno ao seu despacho para forzar un encontro. De camiño comunícannos que a Dirección de Informativos confirmou que o luns 24 non hai programa. Entregamos a solicitude de xuntanza e agardamos unha resposta “in situ” decididos a non marchar sen pechar un encontro. Finalmente a Directora da División de Radio Televisión de Galicia accede a un encontro ao que asiste tamén o Director de Recursos Humanos na que asegura que hai unha xuntanza pendente coa consellería para tentar recuperar a aportación de Medio Rural. No transcurso da reunión Rosa Vila amosa o seu malestar pola presión do Comité para conseguir falar con ela, no que considera unha actitude “preto do acoso”. Dende CCOO fáiselle ver o malestar que hai entre os traballadores e traballadoras pola falla de información sobre as decisións que afectan a súa labor diaria e polo “ping-pong” de versións que dende a dirección se lle ofreceu ao Comité onde dende cada departamento se ofrecían informacións contradictorias. Vilas asumíu os problemas de comunicación derivados desta decisión e afirmou que a desaparición do Agro non é un tema tan importante para darlle este tratamento.
Despois disto entendemos que a decisión está tomada e que ese último intento por recuperar parte dese financiamento da Consellería de Medio Rural ten moitas probabilidades de ser infrutuoso e que O Agro o luns 24 non se emitirá.
Dende o Comité defendemos e defenderemos o mantemento deste programa histórico, de servizo público, vinculado a un sector productivo estratéxico e cunha identidade propia fondamente arraigada na poboación galega e que debe estar por riba dunha aportación extra do cartos públicos, dos que xa se nutre a CRTVG. Polo que estamos a traballar en máis medidas para amosar o malestar dos traballadores e traballadoras así como tomar medidas de presión encamiñadas a poñer O Agro na grella outra vez.
TEMOS DEREITO A HORAS DE FORMACIÓN PARA A ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS
Despois de que a varias persoas lles rexeitaran permisos con cargo as horas de formación en distintos departamentos para acudir as citas postas polos tribunais no proceso de acreditación de competencias, dende o Comité decidiuse informar aos traballadores e traballadoras que temos dereito a empregar as horas de formación para o proceso de acreditación de competencias, un dereito recollido no Estatuto dos Traballadores e no Convenio. O procedemento que hai que seguir é facer unha comuniación por escrito ao departamento de formación (non vale o formulario que está colgado no portal con encabezado formación e exames). Nalgúns casos a denegación fíxose de xeito verbal, polo que se vos convocan para dar unha resposta procurade ir acompañados dunha testemuña, a ser posible un membro do Comité.
PROTOCOLO ANTI-MANIPULACIÓN
Aprobouse por unanimidade un decálogo de actuación ante as denuncias feitas polos redactores e redactoras que se poidan ver lesionados os seus dereitos e pidan amparo ao Comité. O texto é o seguinte:
Ante o incumprimento do artigo 35 da Lei 9/2011, de 9 de novembro dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, que establece a creación dun Consello de Informativos para a Corporación, o Comité de Empresa da CRTVG asume determinadas funcións contra a manipulación informativa que lle corresponderían a ese órgano.
Co obxecto de garantir a encomenda de servizo público esencial, o dereito fundamental á información e para ofrecerlles o debido amparo aos traballadores e traballadoras da radio e a televisión públicas no seu exercicio profesional, este Comité, seguindo o acordo do seu pleno celebrado o día 13 de marzo de 2017, dótase das seguintes normas de actuación para os casos nos que o persoal denuncie exercicios de manipulación sobre o seu labor informativo.
1.- O Comité estudará cada caso, sexa denunciado por unha persoa ou por un colectivo, recollendo as probas que considere necesarias e contactando co persoal implicado.
2.- O Comité contactará mediante nota interna coa Dirección de Informativos ou Programas e coa dirección do informativo, programa ou departamento responsable da emisión ou difusión da noticia en cuestión, para denunciar a práctica e, de ser necesario, pedir as aclaracións pertinentes
3.-.Transcorridas 48 horas desde a notificación á dirección, no caso de considerar lesionado algún dereito, o Comité emitirá unha nota pública denunciando a manipulación, agás nos casos nos que pola súa gravidade esixa unha reposta urxente .
4.- O Comité pedirá unha xuntanza coa dirección do departamento responsable para recadar a súa posición.
5.- O Comité porá o caso en coñecemento do Director Xeral e do Consello de Administración mediante nota interna.
6.- Daráselle traslado tamén do acontecido ao Colexio de Xornalistas de Galicia, para que se pronuncie se así o considera.
7.- Informarase igualmente a todos os grupos parlamentarios, para que adopten as medidas que estimen oportunas no marco da Comisión Parlamentaria Permanente non Lexislativa de Control da Corporación da RTVG .
8.- Presentarase unha queixa ante a Valedora do Pobo.
9.- No caso de existir solicitudes de amparo confrontadas, o Comité trasladaralle por escrito a súa resolución a cada unha das partes.
10.- O Comité observará especialmente que non se lesionen os dereitos das persoas denunciantes, garantíndolles a confidencialidade se o solicitan.
O Comité de empresa asume estas funcións con carácter temporal. As mesmas decaerán coa constitución do Consello de Informativos, órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG que, segundo a Lei 9/2011, terá por obxectivos “velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles”.
XUNTANZA CO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN
Despois de manter xuntanzas cos distintos grupos parlamentarios sobre o problema da manipulación informativa, o Comité solicitará unha xuntanza formal co pleno do Consello de Administración, despois da voluntariedade amosada na xuntaza do grupo Popular de instar aos membros do Consello propostos por eles a acceder a reunirse cos representantes dos traballadores e traballadoras..... Veremos en que queda.
A SOLICITUDE DAS VACACIÓNS INCUMPRE O CONVENIO
A ferramenta habilitada para a solicitude das vacacións incumple o convenio colectivo en varios artigos ademais de condicionar a elección de datas dun xeito non acordado nas negociacións. O Comité vai esixir que se amplie o prazo para que esté aberto a cursar as solicitudes en todo o primeiro trimestre do ano e que se eliminen as limitacións por datas por impedir unha escolla libre. Tamén denunciará que a CRTVG incumpre o convenio de xeito reiterado non publicando a listaxe das vacacións antes do 15 de abril.