mércores, 23 de maio de 2012

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA DE TVG. 14 de maio de 2012

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA DE TVG 14 de maio de 2012 Nesta xuntanza extraordinaria do Comité de TVG, a solicitude de CCOO, tratouse o seguinte: 1.- A Sección Sindical de CCOO solicitou esta xuntanza extraordinaria para tratar o asunto da rectificación, no Galicia Noticias do 4 de maio, para “aclarar” que o bar que aparecía nas imaxes dunha nova non tiña relación coa mesma. A noticia rectificada con esa “aclaración” é a titulada “Droga Culleredo”, 8ª na escaleta emitida ás 14h05. Relata a denuncia de habitantes dun bloque de vivendas contra os veciños dun dos pisos, porque –segundo contan- venden droga. A información visual da noticia é coma a da maioría das novas dese informativo: a imaxe das testemuñas, a localización do problema (edificio), a do contorno (rúa),.. Nos setenta e nove_segundos que dura a noticia en ningún instante se destaca, nin se ve, nin se distingue a imaxe dun bar. O relato en off e as testemuñas tampouco citan en ningún momento ningún bar. Esta Sección Sindical recolleu de fontes directas a explicación sobre o sucedido: Desde a dirección de informativos, en plena emisión do espazo, telefonouse ao director do programa para dicirlle que tiña que emitir no mesmo esa rectificación da noticia. A argumentación foi que chamara a propiedade dun bar pedíndoa, xa que no seu negocio non tiña relación coa noticia relatada. Consideracións: 1.-A xefa de Informativos desprestixia o bo traballo e esforzo de profesionais dese Servizo sen ningún tipo de miramento. En consecuencia, desacredita e desprestixia esta Empresa sustentada cos impostos da cidadanía. 2-A xefa de Informativos non ve a emisión dos programas elaborados nese departamento. É máis; nin sequera ve a noticia en cuestión antes de ordenar a rectificación. Se a tivera mirado e escoitado, non perdería o tempo outorgándolle valor a unha demanda absurda e dando ordes descabelladas . 3.-Con esa decisión extraña, a xefa de Informativos establece un precedente negativo para que quen queira, e sen razón, esixa que rectifiquemos o que lle dea a gana. Sen embargo, á vista dos acontecementos nos últimos tempos, cando a realidade si esixe rectificación, non a ordena. 4.- Aos reiterados casos de manipulación informativa (caso Campión, folga xeral, marcha do Comité Interempresas contra a represión e a manipulación, etc.) denunciados polos Comités e algúns na prensa, á discriminación profesional (Mentres a uns xornalistas case non se lles asigna traballo, outros/as están sobrecargados/as) practicada a cotío no desenvolvemento do traballo na redacción de Informativos e á realización de entrevistas a altos cargos da Xunta sen participación de xornalista da Casa engádese agora este despropósito, inédito na profesión . 5.- A xestión da xefa de Informativos evidencia que non ten interese ningún e/ou non está cualificada para desenvolver a súa responsabilidade coa eficacia e equidade que require esta empresa pública de comunicación. Cremos que xa van excesivas falcatruadas. Estes feitos afastan máis aos Servizos Informativos do obxectivo de conseguir unha TVG auténticamente democrática e de servizo público, que difunda información veraz, imparcial e plural. Polo tanto, propoñemos a este comité que solicite a quen corresponda que a destitúa do cargo. É evidente que a actual xefa de Informativos é incapaz ou non ten ningún interese en exercer tal responsabilidade nas condicións que esta Empresa Pública require. Vótase a proposta de CCOO: A favor da proposta..............1 - (CCOO) En contra da proposta...........1 - (USO) Abstencións..........................11 - (4 CUT, 3 CIG, 2 USO, 1 UXT, 1 SXG)