mércores, 1 de xuño de 2016

SEN ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS, SEN CONSELLO DE INFORMATIVOS, SEN INFORMACIÓN , SEN NADA


Esta mañá os membros do Comité Intercentros reuníronse co Director Económico pra desbloquear o proceso de acreditación de competencias. Alí aseguróuselle a representación sindical que despois de dous anos non había unha proposta seria por parte do departamento de persoal dun convenio, nin memoria explicativa nin previsión de gasto. O Comité xa pediu unha xuntanza de urxencia con recursos humanos para aclarar a situación despois de reiterar en numerosas ocasións que dende o departamento económico tiñan 50 mil euros bloqueados da partida de formación que se tiñan que adicar a formación dos 178 traballadores que queren optar a normalizar a súa titulación con vistas a nova clasificación profesional que tamén está bloqueada, dito sexa de paso. O atraso que leva acumulado este proceso fai que este ano moitas traballadoras/es non se matriculasen no ensino ordinario esperando esta vía extraordinaria polo que perderán un curso.

Acordouse pedir unha xuntanza co Consello de Administración para que poña en marcha o Consello de Informativos, despois de que nunha comunicación da Dirección Xeral se aclarara que é o órgano competente para iniciar os procedementos. Ademais iniciará unha xeira de xuntanzas con todos os partidos políticos para acadar con eles un compromiso por escrito para a creación do Consello e se garanta o cumprimento da Lei de Medios Audiovisuais de Galicia. Ante a ausencia deste órgano Comisións Obreiras propuxo que se pedira a Xunta Electoral un especial seguimento dos contidos políticos non espazos informativos non electorais da CRTVG, para evitar que se vulnere a lei.

Ao abeiro do artigo 64 do Estatuto dos Traballadores o Comité Intercentros vai poñer unha denuncia ante a inspección de traballo polo bloqueo sistemático de todo tipo de información á representación sindical.

Dentro desta petición de información tamén se solicitará a Dirección Xeral a entrega ao Comité do Informe de Servizo Público do 2015 que se acaba de presentar na comisión de control da Corporación CRTVG do Parlamento e do que a representación sindical tivo coñecemento pola prensa.




O Comité tamén quere desmentir que propuxera membros para o grupo de traballo da dixitalización que recentemente ven de facer público o director xeral. Aclara isto porque algúns traballadores amosaron o seu descontento polas persoas elixidas e nos departamentos correspondentes aseguraron que foran propostos polos sindicatos. Iso é rotundamente falso.

Dentro de outros temas tamén se acordou colaborar na campaña denominada Badaladas pola prevención do suicidio, do Movemento Galego de Saúde Mental, de concienciación para a creación dun Plan de Prevención do Suicidio en Galicia.




Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2016