venres, 13 de maio de 2016

17 MAIO DE 2016, DÍA DAS LETRAS GALEGAS


DECLARACIÓN DAS COMISIÓNS EXECUTIVAS DO SINDICATO NACIONAL DE CC OO
DE GALICIA E A UNIÓN XERAL DE TRABALLADORES DE GALICIA

Ante un novo 17 de Maio, Día das Letras Galegas, as Comisións Executivas da Unión Xeral de Traballadores de Galicia e do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para a nosa sociedade, tanto na dimensión de vehículo de comunicación como na de valioso herdo cultural. Os traballadores e traballadoras de Galicia asumimos a responsabilidade de coidalo, protexelo e difundilo, como manifestación de cidadanía responsable.

O galego perténcelle a toda a sociedade; é un tesouro colectivo que debe manterse alleo a calquera tipo de confrontación. Son aínda relativamente recentes episodios vergoñentos en que a lingua galega foi utilizada co obxectivo de obter réditos políticos. Cadrando coas eleccións autonómicas do ano 2009, viviuse unha situación de crispación como non se lembraba, chegándose incluso a cuestionar o papel da lingua galega no ensino.
Daquela tempestade vivimos aínda hoxe as consecuencias por culpa do mal chamado decreto do plurilingüismo, que rebaixou a presenza do galego no ensino, e por culpa tamén da nova lei educativa, a LOMCE, que degradou as linguas cooficiais distintas do castelán.
Ano electoral
Neste ano, que será dobremente electoral, esiximos que os futuros gobernos estatal e galego derroguen estas dúas normas e, no caso de Galicia, que se recuperen os consensos sobre unha cuestión tan importante. O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia no 2004, ha ser o principio reitor para recuperar un consenso que xamais se debeu arrecantar por culpa de intereses espurios. Coa ollada posta nas eleccións galegas do vindeiro outono, esiximos que a lingua sexa un elemento de consenso ou, polo menos, que quede fóra da liorta partidista.
O homenaxeado, Manuel María
Por último, CCOO e UGT alentamos a cidadanía galega a tomar parte nesta permanente e esencial tarefa de lograr a plena normalización lingüística. Instamos, tamén, a todas as traballadoras e traballadores galegos a que se sumen a este compromiso e a que celebren con entusiasmo o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao polifacético escritor Manuel María.
Galicia somos nós,
a xente e máis a fala.
Se buscas a Galicia,
en ti tés que atopala.

Sirvan as palabras do homenaxeado como colofón, mais tamén para reiterar o que expresamos nesta declaración.