xoves, 3 de marzo de 2016

RECURSOS HUMANOS SEGUE REXEITANDO PROPOSTAS E SEN FACILITAR INFORMACIÓN AO COMITÉ

Non permite a ampliación de horarios da cafetería 
Rexeita a posta en marcha dunha WIFI aberta
Descoñece o emprego de material da CRTVG por particulares 

EQUIPOS DA RADIO EN DOMICILIOS PARTICULARES 
Dende o Comité pedíuselle explicacións ao director de Recursos Humanos sobre a presenza de equipos da CRTVG en domicilios particulares para que certos colaboradores traballen dende a súa casa. Esta decisión tomouse pola dirección argumentando que ían gastar menos, pero dende a sección sindical entendemos que esa instalación de equipamento permanente de medios públicos para uso privado é cando menos irregular. RRHH recoñeceu a existencia de cesión de equipamentos pero só en casos puntuais aducindo descoñecer outras situacións.  A parte social pediulle unha relación dos colaboradores que teñen equipos na súas casas, data de instalación e persoal da empresa que fixo eses traballos. 

OS HORARIOS DE CAFETERÍA NON SE AMPLÍAN 
A parte social pediu que se lle permitira a empresa que xestiona o servizo de cafetería que amplíe os horarios. Dende CRTVG din que non se pode permitir que de xeito unilateral a concesionaria modifique as condicións do contrato. Tamén informou da demanda que presentou a anterior concesionaria de 422 MIL EUROS por considerar que a CRTVG é responsable da inviabilidade económica da empresa ao non manter as condicións que se lle ofertaran na contratación que a levou a rematar con perdas. 

AS VACACIÓNS VAN DE XUÑO A SETEMBRO 
RRHH negou que deran ordes para que as vacacións só se pidan nos meses de xullo e agosto como lle manifestaron algúns xefes de servizo a traballadores. Dende o departamento de persoal aseguran que o período para pedir vacacións é o establecido no convenio: de xuño a setembro, tamén podendo pedilo noutras datas, sempre que se chegue a un acordo coa empresa menos no Nadal, mes no que se xuntan moitas peticións de asuntos propios e libranzas. A empresa asegura que se vai facer un maior esforzo de planificación e económico a hora de cubrir as vacacións do persoal para que os servizos non queden desatendidos, nin haxa sobrecarga de traballo. Veremos se é verdade. 

SEN WIFI ABERTA 
A parte social pediulle a empresa ter unha rede wifi aberta para todo o persoal, unha petición rexeitada alegando problemas de seguridade, o custe e alegando a prohibición de usar equipos propios no centro. Dende Comisións non entendemos que na era da dixitalización, e cando todos os edificios públicos teñen redes abertas se prive aos traballadores/as dunha ferramenta de traballo e teñamos que estar a empregar os datos dos nosos dispositivos particulares para consultar información indispensable para o noso traballo. Dende a parte social pediuse un informe por escrito que ampare esta decisión. 

ABUSO DE BOLSEIROS/AS 
O Comité de San Marcos informou a empresa da situación de abuso que sofren algúns bolseiros/as por parte de xefes de servizo aos que se lles sobrecarga de traballo e están a traballar sen supervisión de persoal da empresa. Unha situación que xa foi posta en coñecemento da Comisión de Formación e que persiste. RRHH comprometeuse a erradicar os ese comportamentos que considera puntuais. 







Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2016