xoves, 3 de marzo de 2016

Como sabes a vindeira semana celébrase o 8 de Marzo," Día Internacional da Muller" . A Secretaría da Muller da Federación de Servizos á Cidadanía vai a realizar unha xornada en Santiago da que che envío adxunto o programa, mais o manifesto de este ano. ACHÉGATE O TEU SINDICATO COMARCAL SE DESEXAS ANóTARTE Á XORNADA. TAMÉN PODERÁS RECOLLER ALÍ O TEU PRESENTE DE ESTE ANO.




Estimada compañeira:
A crise económica e social que se lle impuxo á sociedade española ten como especiais
destinatarias as mulleres. Nos padecemos os maiores rigores da hecatombe que afundiu a
economía e arruinou a vida de millóns de persoas, estragando os nosos proxectos vitais e
afastándonos da sociedade democrática.
Aos asañamentos da crise coas mulleres, parte máis debilitada da cadea produtiva e
desfavorecidas pola distribución do traballo, sumouse a virulencia coa que o Partido
Popular impuxo as súas doutrinas conservadoras en temas como a identidade de xénero,
os dereitos das mulleres ou atacando as políticas que, con certo criterio, permitiron
avanzar nestes anos de democracia política e social.
Hoxe, cando se produce un leve rebote da economía, con melloras de curto alcance, é
imprescindible que as mulleres se incorporen aos beneficios que disto puidesen obter,
facéndose presentes na reconstrución da sociedade democrática desde a perspectiva de
xénero e con decisión, pois cómpre que este tempo, que é novo e aberto aos xogos e as
dialécticas políticas, conten coas mulleres como protagonistas do que se está construíndo
de presente e futuro.
Os dereitos sociais, identitarios e de xénero, os dereitos democráticos, pasan
ineludiblemente por recompoñer a situación económica e laboral, atendendo ás
necesidades de millóns de persoas sen ingresos, en risco grave de exclusión social.
O emprego, elemento determinante
Os contratos temporais alcanzaron en Galicia o 92,61 % do total, mentres que os
indefinidos,a tempo completo, apenas supuxeron o 4,62 %.O incesante aumento de
persoas desempregadas, das que 125.517 son mulleres, o que constitúe o 53,8 % do paro
rexistrado. A taxa de actividade das mulleres é do 48,7 % e a taxa de emprego do 39,0 %,
o que representa unha brecha aproximada en relación cos homes de 10 e 9 puntos,
respectivamente. A diferenza entre os salarios medios anuais de mulleres e homes,
segundo a última Enquisa de estrutura salarial, foi de 5.264,34 euros: o salario medio
feminino foi o 76,6 % do masculino.
Os últimos sete anos foron difíciles para toda a poboación en xeral e para as mulleres en
particular. A crise económica púxose como escusa para levar a cabo políticas moi austeras
e reducir o incompleto estado de benestar español. A redución de servizos, de prestacións
e, obviamente, de empregos públicos maioritariamente femininos foi constante. Así, a
taxa de paro feminino seguiu sendo superior á masculina, cunha taxa de actividade
menor pois, aínda que se perden emprego públicos, uns minguan máis ca outros. Os
empregos socialmente vitais en sanidade, educación, asistencia social, orientación,
coidados ás persoas dependentes, atención cidadá e de administración, postos mormente
femininos, van a menos, mentres que os relativos ao control e a seguridade, onde
predominan os homes, mantéñense.
Mulleres protagonistas dun tempo novo
Esta situación é lamentable. Porén, o positivo, e por iso falamos do tempo das mulleres, é
que para dar solucións aos problemas hai que velos e, ata o de agora, os diagnosticos que
se facían erraban porque non recollían a posición das mulleres. Agora esta situación tense
en conta e por iso se adoptan determinadas medidas para tentar erradicar a brecha
laboral de xénero, así como a brecha salarial. Estes temas, xunto co acoso sexual e por
razón de sexo, non só foron elementos centrais nos programas das eleccións sindicais,
senón tamén nalgunhas das campañas dos partidos políticos de esquerdas nas últimas
eleccións xerais.
A atención sindical específica de FSC-CCOO ás cuestións de xénero e o seu compromiso
para erradicar a discriminación laboral das mulleres tamén contribuíu a conseguir que
Comisións Obreiras sexa a primeira organización nas eleccións sindicais.
O traballo cotián obsérvase na maior participación das mulleres na organización e no
aumento do número de delegadas sindicais. Nunha federación con sectores
tradicionalmente masculinos, como por exemplo o do transporte, aumentou catro puntos
a porcentaxe de delegadas obtido nas eleccións sindicais. Se en 2011 a proporción de
delegadas no ámbito de FSC-CCOO era do 31,25 %, na actualidade é do 33,35 %. E a
pesar da mellora, a incorporación de mulleres mantense como un reto ao que esta
Federación segue facendo fronte, pois a súa presenza é vital para cambiar a sociedade e
recuperar os dereitos que as políticas conservadoras destruíron.
Exemplos de loitas das mulleres que alcanzaron o éxito foron a redución da proposta de
cambio de lei do aborto de Gallardón, que mantivo os prazos; ou a visualización que
supuxo a manifestación do 7N do rexeitamento social contra o maltrato ás mulleres.
É tempo de recuperar e reconstruír dereitos
Neste tempo de recortes de dereitos e liberdades, en que trescentos sindicalistas están
axuizados por defenderen os dereitos laborais, cómpre manter unha resposta sostida no
tempo contra as leis represivas. As respostas están sendo moitas e variadas; algunhas son
as tradicionais, pero existen expresións novas e practicamente a maioría delas están
encabezadas por xente nova e mulleres, o que osixena a sociedade e a renova.
É o tempo de reivindicar e reconstruír todo aquilo que «a crise» lles arrebatou ás
mulleres, o momento de loitar por recuperar postos de traballo seguros e con garantías, o
momento de reclamar medidas que
permitan ás nosas parellas compartir o coidado da nosa familia e de esixir a recuperación
duns servizos públicos que garantan o coidado das persoas maiores, da infancia e das
persoas dependentes. E é o momento de dicir BASTA XA DE ASASINATOS e de
reclamar as medidas necesarias para a erradicación da violencia contra as mulleres… É O
TEMPO DAS MULLERES!
FSC-CCOO reafírmase no seu compromiso activo coas loitas das mulleres, co proxecto
dunha sociedade igualitaria e, en especial, con cantas manifestacións, actos e
intervencións se produzan para garantir a presenza de mulleres na acción sindical e a
loita política, con identidade, autonomía e visibilidade. Por iso chamamos á participación
de traballadoras e traballadores nos actos e manifestacións que se celebran en cada
Unión, para facer do 8 de Marzo outro día de loita na emancipación das mulleres, no
camiño cara ao recoñecemento de dereitos e identidade.
Ramiro Otero Rodríguez. Nuria Rodríguez Lema
Secretario Xeral FSC-G -CCOO Galicia. Secretaria da Muller FSC-G-CCOO