xoves, 7 de xuño de 2012

DÍA DE LOITA NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

“Queren acabar con todo” non é unha frase feita nin un lema para unha folga xeral. O propio presidente do Goberno, Mariano Rajoy, declarou que haberá recortes en cada reunión do Consello de Ministros. Seica para toda a lexislatura porque non deu unha data límite. Ata o de agora é posible que o cidadán só notase que gaña menos diñeiro cada mes pola suba do IRPF. Iso si, non quedou no paro ou non lle reduciron o salario. Pero nos próximos meses subirá o IVE e incrementaranse os impostos. É dicir, vivirá peor porque gañará menos e as cousas custarán máis. Os outros recortes iraos notando máis tarde. Pouco e pouco, non de golpe. Nun momento dado descubrirá que, case sen se decatar, desapareceu o que xenericamente se coñece como Estado do benestar. E lembrará a famosa frase que di “un non sabe o que ten ata que o perde”. “E non queren que o contemos”. De verdade que no medio da maior crise da nosa historia, cando o paro leva camiño de superar os seis millóns de persoas, é tan importante para o Goberno do PP aprobar unha lei que permita a privatización da información nas radiotelevisións públicas? O mesmo ocorre cos medios privados. A crítica situación dos xornais impresos pode acabar provocando o peche de equipos de investigación. Non sairán á luz casos de abusos, corrupción, suborno ou nepotismo. Ao cidadán só lle chegará a información que interese aos propietarios e na liña que lles conveña. Non fará falta xente que participe na información nos próximos vinte ou trinta anos. Só persoas dispostas a actuar ao ditado dos que decidan como debe pensar, sentir e opinar a cidadanía. Os contrastes de opinións desaparecerán, salvo nos casos de enfrontamentos entre empresas de comunicación. A información e a comunicación non poden quedar ao ditado do mercado e dos especuladores, que esconderán a realidade e farán camiñar a cidadanía rumbo a unha sociedade carente de principios, ética e democracia. A sociedade dos seus intereses e as súas comenencias. Non se engane. Recortes para os cidadáns en educación, sanidade, comunicación e onde lle conveña ao Goberno de Rajoy, e todo o diñeiro do mundo para os bancos. Aínda llo podemos contar e vostede pode sabelo. Pero dentro dalgún tempo… Non o esqueza: “Un non sabe o que ten ata que o perde”.