venres, 8 de xuño de 2012

CCOO ORGANIZOU UNHA XORNADA DE LOITA NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Comisións Obreiras organizou hoxe unha «xornada de loita» nos medios para todo o Estado. En Galicia houbo concentracións o martes 5 na Coruña (ás 12 horas) e Santiago de Compostela (ás 20 horas). Ademais, fíxose reparto de material informativo en Vigo e Ourense. Ramiro Otero, secretario xeral da Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO —da que forma parte o Sector de Medios—, a información e a comunicación non poden quedar ao ditado do mercado e dos especuladores, que «esconderán a realidade e farán camiñar a cidadanía rumbo a unha sociedade carente de principios, ética e democracia». A privatización dos medios de comunicación públicos —vitais para garantir o dereito da cidadanía a recibir unha información plural e veraz—, así como a fonda crise que afecta os medios privados —especialmente aos xornais impresos—, pode provocar que acaben por non saír á luz casos de abusos, corrupción, suborno e nepotismo. Precisamente, grazas ao labor dos medios de comunicación, lembra o secretario xeral da FSC-CCOO, aínda é posible contarlle á cidadanía en que consisten os recortes sociais e económicos que se están a producir. Porén, se non cambian as cousas, «ao cidadán só lle chegará a información que interese aos propietarios dos medios e na liña que lles conveña». Pola súa parte, a responsable do Sector de Medios de CCOO de Galicia, Teté Pérez Pardo, lamenta a destrución de postos de traballo que se produciron no sector dos medios de comunicación. Nos últimos tempos os expedientes de regulación de emprego, os recortes de cadros de persoal, a redución salarial ou as negociacións dos convenios «á baixa» foron, criticou, «práctica habitual nun sector afectado por unha crecente precariedade laboral». Desde o ano 2008 destruíronse preto do 15% dos postos de traballo no sector en todo o Estado. En Galicia, nos últimos seis meses perdéronse entre 400 e 500 postos de traballo.