xoves, 24 de xuño de 2010

XORNALISTAS DE CCOO, TEÑEN DEREITOS DE AUTOR OS XORNALISTAS?

O próximo 29 de xuño, martes, a partir das catro e media da tarde no salón de actos da Fundación Caixa Galicia (Rúa Nova, 33, Santiago), os xornalistas de CCOO celebraremos un encontro aberto aos traballadores dos medios de comunicación interesados nos DEREITOS DE AUTOR DOS XORNALISTAS e o proxecto de LEI DE PROPIEDADE INTELECTUAL.
Este tema, tan de actualidade coma importante e escasamente debatido entre os profesionais da comunicación, foi abordado polos representantes de CCOO no congreso que a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) celebrou en España. Neste encontro teremos a oportunidade de informarnos e debater coas persoas que, desde o sector de medios de comunicación de Comisións Obreiras, traballan sobre estes asuntos, defendendo as reivindicacións profesionais e laborais dos xornalistas en foros como o citado congreso da FIP.
Os temas de debate, introducidos pola xornalista de TVG Ana Sanmartín, serán desenvolvidos polos seguintes relatores:
Ana Molano, (xornalista de RTVE), e Nacho Bazarra (xornalista da Axencia EFE), redactores da proposta de CCOO sobre os dereitos de autor dos xornalistas.
Silvia Tubio, (xornalista do Diario de Cádiz), representante de CCOO no recente congreso que a Federación Internacional de Xornalistas celebrou en España. Paco Audije (xornalista de RTVE), único representante español na dirección da Federación Internacional de Xornalistas, por proposta de CCOO.
Os xornalistas de CCOO consideramos imprescindibles estes debates, como paso previo a unha toma de conciencia que favoreza novas actitudes reivindicativas, especialmente necesarias en tempos de crise… aproveitados polos empresarios do sector da comunicación para reduciren persoal e precarizaren o emprego.
As novas tecnoloxías, especialmente sedutoras para os xornalistas máis novos, aprovéitanas moitas empresas para crearen de feito unha nova figura: o «xornalista multimedia», un redactor que, a modo de moderno «home-orquestra» fai de todo por un salario moitas veces inferior. E esas modernas tecnoloxías, aplicadas polas «empresas multimedia», aumentan a reutilización dun mesmo traballo en diferentes medios, edicións ou momentos.
Os xornalistas de CCOO pensamos que xa é hora de reaccionar contra prácticas que, de feito, precarizan o noso emprego. Temos que esixir os dereitos de autor do noso traballo, e para iso deberiamos comezar pola introdución do concepto nos convenios colectivos.
Os interesados en participar, enviade un correo a: xornalistas@galicia.ccoo.es .ou chamado os teléfonos : 981-551800 / 696 49 28 65
Os medios de comunicación interesados en cubrir o encontro ou en entrevistar algún dos relatores poden facelo sen problemas poñéndose en contacto con CCOO Galicia.