xoves, 24 de xuño de 2010

Así, non. 29 setembro, FOLGA XERAL

MANIFESTO

As confederacións sindicais de Comisións Obreiras e da Unión Xeral de Traballadores tomamos a decisión de iniciar un proceso de mobilizacións que culminará coa celebración dunha folga xeral o próximo 29 de setembro, para expresar o contundente rexeitamento dos traballadores e traballadoras deste país ás políticas de recortes sociais e supresión de dereitos dos traballadores decretadas polo Goberno, baixo o amparo e escusa de directrices europeas.
O Goberno español e mais os europeos defraudaron a cidadanía á que representan. Os brutais axustes económicos que se están adoptando como terapias de choque para saír da crise económica son inxustos socialmente, regresivos laboralmente e errados economicamente porque comprometen as posibilidades de crecemento económico e de creación de emprego.
O Goberno español, ademais, emendouse a si mesmo, provocando unha viraxe radical na súa política económica e social, que agora se orienta ás claras, en primeiro lugar, a un duro recorte do gasto público que recae fundamentalmente no lombo dos traballadores e dos pensionistas; en segundo lugar, a unha redución do investimento público que freará a medra económica e a creación de emprego, e que terá como principais vítimas os traballadores e traballadoras en paro; e en terceiro lugar, impón unha reforma laboral que elimina dereitos da cidadanía nos seus postos de traballo.
Tras unha actuación irresponsable das organizacións empresariais, centradas exclusivamente en obteren réditos no abaratamento das condicións de traballo e a debilitación dos traballadores, o Goberno decidiu optar por unha desregulación laboral que pode continuar con outros recortes sociais e laborais.
A reforma laboral
Non servirá para crear emprego.
Non reducirá a dualidade do mercado laboral e aumentará a temporalidade.
Facilita e abarata o despedimento, porque se amplían as causas para facelo máis doado e redúcense os dereitos indemnizadores dos traballadores.
Reforza o poder empresarial para modificar unilateralmente as condicións de traballo (horarios, mobilidade xeográfica, funcional…).
Debilita a negociación colectiva, facilitándolles ás empresas a adopción de medidas de desvinculación salarial e non aplicación de compromisos adquiridos previamente nos convenios colectivos.
Privatiza a xestión do desemprego e amplía o campo de actuación das empresas de traballo temporal aos sectores de risco e ao emprego público.
En definitiva, o Goberno puxo o poder do Estado ao servizo daqueles que esixen «flexibilidade» no mercado de traballo e, aínda así, consideran esta reforma insuficiente porque en realidade non queren máis flexibilidade: quérena toda. Cando se esixen menos cotizacións sociais, menos custo do despedimento, menos tutela xudicial, menos negociación colectiva, menos regulación da contratación, o que se está reclamando en realidade é a absoluta desregulación do mercado de traballo, ou a aplicación neste ámbito das políticas neoliberais que fracasaron estrepitosamente nos mercados financeiros, que son a causa desta crise e que nos abocarían a unha terceiromundización laboral.
Rexeitamos as políticas practicadas polos gobernos da Unión Europea ao ditado dos mercados financeiros, causantes da crise, e que agora propoñen as políticas de axuste á custa de reducir as condicións de vida e traballo da cidadanía europea.
Unha economía que non crea emprego non lles serve aos cidadáns, e uns gobernos que actúan contra os seus intereses, tampouco. As organizacións sindicais non estamos dispostas a aceptar políticas que se nos presentan como as únicas posibles, baseadas nun determinismo falso, e que non son máis que as opcións do inmobilismo e a resignación.
Hai outras opcións e outras políticas. É necesario apostar por unha Europa máis social, na que as negociacións sociais deixen de estar sometidas ás forzas do mercado. E en España, UGT e CCOO convocamos unha folga xeral o 29 de setembro para esixir:
Unha política que reduza o déficit público mediante o incremento dos ingresos e non mediante a redución do gasto, e planificar o cumprimento dos obxectivos de déficit do Pacto de Estabilidade e Crecemento da Unión Europea en prazos compatibles coa reactivación económica e a creación de emprego.
A retirada dunha reforma laboral lesiva que facilita o despedimento e empeora as condicións de traballo.
A defensa da negociación colectiva como marco de protección das condicións de traballo, fronte aos intentos de lles atribuír ás empresas a capacidade de incumprir os acordos alcanzados de forma unilateral.
A defensa do sistema público de pensións como eixe central do noso sistema de protección social, e a súa adecuación á evolución social exclusivamente con acordo político e social.
A esixencia dunha nova política fiscal, que reforce a estrutura de ingresos do Estado, recuperando impostos suprimidos e apostando por unha maior recadación baseada na progresividade fiscal, á vez que se combate con maior determinación e medios a fraude fiscal que lastra a nosa economía, alcanzado taxas que practicamente duplican a media da Unión Europea.


NON ao despedimento máis fácil e barato
NON á temporalidade abusiva
NON a dar máis poder aos empresarios
NON á conxelación das pensións
NON aos recortes salariais e sociais

POR UNHA SAÍDA XUSTA E EQUILIBRADA
DA CRISE