luns, 13 de marzo de 2017

Un redactor da TVG pide amparo pola emisión dunha noticia súa manipulada


Eliminaron as críticas a Xunta de Galicia e un parágrafo da información.





Esta mañá tratouse a denuncia por manipulación que fixo chegar ao Comité o compañeiro Luis Quintas.
O luns, 6 de marzo no Galicia Serán emitiron unha noticia premeditadamente recortada para eliminar partes que se emitiran na edición do mediodía.
Luis, redactor de longa traxectoria e recoñecido prestixio, elaborou unha peza informativa sobre o cultivo de ostras en Galicia baseado en entrevistas feitas na Universidade de Santiago a un equipo de investigación en acuicultura. Unhas entrevistas que non buscou el senón que, neste caso, llas asignaron a primeira hora da mañá sen tempo para documentarse sobre o tema do que versaban ditas entrevistas. Despois elaborou esta información para o programa Galicia Noticias Mediodía:


http://www.crtvg.es/informativos/investigadores-galegos-reducen-a-metade-o-tempo-de-cria-da-ostra-autoctona-2777439


Na edición da tarde, Galicia Noticias Serán, quedou “MUTILADA”, como o mesmo traballador afirma, aínda que mantiveron a súa “voz en off”. Esta mutilación foi para evitar que os espectadores puideran escoitar a declaración dun técnico que criticaba a actitude do goberno autonómico na cría e cultivo de moluscos en Galicia. Ese técnico dicía que a Xunta está desaparecida na atención a explicaba o porqué en 22 segundos de intervención.




Tamén suprimiron o parágrafo final da noticia, que dicía:


"Este especialista en cultivo de moluscos afirma que á Xunta non lle interesa aumentar a produción destas especies e lembra que nas depuradoras galegas predomina o marisco foráneo".


http://www.crtvg.es/informativos/investigadores-galegos-descobren-como-reducir-o-tempo-de-cria-a-metade-da-ostra-autoctona-2777981

As excusas e argumentacións falsas que dan para casos coma este que se dan tódolos días na redacción é que a noticia é moi longa, para repetila integramente.


Dende o Comité de San Marcos elaboramos unha nota pública, pedimos o amparo do Colexio de Xornalista, comunicamos esta lamentable e intolerable situación ao Consello de Administración e pedimos explicacións Dirección Xeral, Dirección de Informativos, e Dirección do programa. Tamén pedimos unha xuntanza cos grupos parlamentarios para darlles conta do acontecido. Así mesmo estamos a traballar nun protocolo de amparo para as traballadoras e traballadores que se enfrontes a unha situación semellante.


Tamén esiximos que cesen as prácticas de manipulación e a posta en marcha inmediata do Consello de Informativos comprometido na Lei de Medios. Ademais que se asinen os traballos con rótulos onde apareza o nome da redactora ou redactor como xeito de visualizar o traballo ben feito por parte das traballadoras e traballadores..


O Comité de San Marcos rexeita enerxicamente que se faga este uso perverso da información elaborada por un xornalista con criterios profesionais e non dependentes do que lles gusta oír aos gabinetes de comunicación en San Caetano.


Dentro doutro orde de asuntos tamén se tratou as irregularidades de 11 traballadoras que denunciaron durante o proceso de acreditación de competencias. Aseguran que dende o departamento de Recursos Humanos influíron nun centro que convocou probas prácticas contempladas no proceso para que mudara os horarios despois de que tiveran unha data fixada. En concreto a problemática que se plantexa é que estaban convocadas durante todo un día para a súa avaliación práctica en Ferrol e agora convocáronas durante cinco días só polas tardes, o que ocasiona un maior trastorno e gasto as traballadoras, ademais de non podelas incluír nas horas de formación a que teñen dereito. Estase a espera dunha resposta do departamento de RRHH para que explique o porqué desa inxerencia.


A calidade do material enviado polo novo correspondente en O Porto tamén foi abordado.


Segundo o criterio do Comité as condicións do traballo resultante non son as desexables para os estándares de calidade. O Comité decidiu pedir unha xuntanza coa Directora da División de Radio Televisión de Galicia, Rosa Vilas, para que explique cales son os medios cos que conta o traballador asinado a tales tarefas e cales foran as condicións nas que se estableceu o tema desta reportaxe.


Noutra orde de cousas tratouse o cobro de dous complementos de responsabilidade por parte dunha persoa, o que se consideraría a vulneración do convenio colectivo. Dende RRHH aseguraron que se trataba dun erro que xa corrixiron, aínda que a parte social non ten os datos suficientes para corroborar tal afirmación. Por iso se acordou pedir a dito departamento que envíe a información sobre os traballadores ao día e non con meses de atraso.


Dentro do proxecto piloto de “radio en streaming” que se está a facer no programa A Tarde o emprego das cámaras de emisión do estudio 4 da Radio Galega están abertas en ocasións as 24 horas tal e como comunicaron varios traballadores e traballadoras. Dende a Dirección da División de Radio Televisión de Galicia asegurouse que só unha unha cámara estaría operativa de 16:00 a 19:00 durante a emisión do programa, por iso se acordou comunicar a empresa que cumpra coas directrices expostas por Rosa Vilas.