xoves, 21 de abril de 2016

Proposta da creacion dun portal para os contratos de substitución

EXPOÑEMOS

A información á que se pode acceder das listaxes de contratación é inservible tanto pola falla de claridade como pola falla de actualización. Nela mantense a orde que se obtivo na puntuación da OPE, pero os contratos están mesturados coa xente que non está contratada, as persoas que están activas na listaxe coas que pediron a suspensión dos chamamentos, non está actualizada e non se pode facer ningún tipo de consulta de datos anteriores. É dicir, non serve para nada.

SOLICITAMOS

Que se poña en marcha un portal onde se poida consultar o estado das contratacións e postos de listaxe de cada persoa por categorías semellante ás que se empregan noutros entes da administración pública (educación, sanidade). Dita consulta poder ser pública e totalmente aberta ou mediante unha clave facilitada aos/ás integrantes de cada lista.

Este tipo de ferramenta debería permitir consultar o estado de contratación do aspirante (activo, suspenso...), orde de chamamento, tipo de contrato (IT, licenza retribuída ou non retribuída, etc.), data de inicio e fin prevista (se a hai) do contrato, as modificacións que se van facendo en cada categoría de todas as persoas que están en cada listaxe, así como as vacantes libres e adxudicadas, ademais de poder consultar os datos de xeito nominal.

Os membros da Comisión de Listaxes deberán ter acceso de lectura como administrador do portal a unha información máis ampla de todas as incidencias de cada listaxe na que consten os contratos ofertados aceptados e rexeitados, data e motivos de renuncia ou suspensión de chamamentos, etc.

As listaxes poderán e deberán estar actualizadas en tempo real e sería óptimo que se puidese establecer un servizo de notificación vía correo electrónico ou mensaxe das novidades que se produzan e mesmo as posibles adxudicacións de contrato.

Ao mesmo tempo este portal podería servir para modificar o estado de cada aspirante na listaxe, de xeito que dende o seu usuario poida activar ou desactivar o seu estado na listaxe -temporal ou definitivamente- e aceptar ou rexeitar o chamamento, modificar as súas preferencias, etc.

Sería idóneo que a consulta permitise ao usuario/a elixir mediante pestanas ou filtros ver todos os aspirantes da listaxe (con e sen contrato en vigor), eliminar da súa vista de listaxe ás persoas con contrato indefinido ou obra ou só ver as persoas pendentes de chamamento, se así o decide o usuario.

Ante a dúbida que se pode presentar pola Lei de Protección de Datos (LPD), hai que dicir que, por exemplo en educación, calquera cidadán pode acceder aos datos do persoal que traballa como substituto e ver o historial de contratos. A seguinte é unha busca aleatoria de mostra na que se pode ver o resumo histórico que ten o primeiro substituto de ensino en secundaria na especialidade de debuxo.




É de supoñer que a LPD non é un atranco se noutros eidos da administración non hai problema para facer públicas as listaxes, a non ser que se invoque a privacidade dos datos para ocultar manobras que pouco teñen que ver coa transparencia tan anunciada no noso portal corporativo. Tamén é de supoñer que outros órganos públicos non están incumprindo as leis polo que non vemos impedimento á publicación actualizada e útil das listaxes de contratación.

Se a dificultade técnica é insuperable á hora de xestionar os usuarios e as claves, propoñemos que a consulta sexa aberta, pública, para todo o que queira consultala e en calquera categoría, pero sen posibilidade de modificación ou interacción coas persoas integrantes das listaxes. Iso si, puidendo ter acceso aos datos expostos anteriormente (estado de contratación, orde de chamamento, tipo de contrato, data de inicio e remate prevista do contrato e as modificacións que se van facendo en cada categoría de todas as persoas que están en cada listaxe), así como as vacantes libres e adxudicadas e o historial de contratación de cada substituto/a.

Vese a necesidade de poñer unha data para a posta en marcha deste portal, polo que propoñemos que sexa como moi tarde o 30 de xuño de 2016, cando se cumprirían 4 anos da entrada en vigor das listaxes, catro anos que levamos con información insuficiente e con semanas se non meses de atraso.