xoves, 15 de abril de 2010

A COMISION DE FORMACIÓN HOXE


A Comisión de Formación leva dous meses discutindo o Plan de Formación da CRTVG para este ano 2010. CCOO non acepta a rebaixa real de case o 70% do presuposto en relación co do ano 2009. Cremos que a actual dirección da nosa Empresa non aposta pola formación dos seus traballadores, xa que ese é o reflexo do plan que ten para a CRTVG. Estamos volvendo ao tipo de formación que existía na Casa anos atrás. Ou sexa, que imos quedar sen formación.

Aínda que a Comisión estea paralizada pola actitude da Empresa, chegamos ao acordo de que se realicen aqueles cursos que poidan axudar na formación dos traballadores e traballadoras que se van presentar á OPE.

A situación está nun momento complicado despois de rebaixar a Empresa o presuposto de formación para a CRTVG de 146.000 a 60.000 euros, aínda que en realidade a Comisión só pode dispoñer de 25.000 euros para este ano, pois 35.000 son para pagar parte da formación xa comprometida en 2009. A Empresa comunicounos unha redución de 45.000 euros no mes de novembro pasado, cando xa estaba gastado o 80% do presuposto. E agora a Empresa quere que gastemos 6000 euros nun curso de “posta en marcha dunha mesa de mesturas”. Este tipo de cursos facturouse sempre ao departamento de compras, pois negóciase cos provedores no momento de adquirir o material novo.

Hai un mes solicitámoslle á Empresa un traspaso da partida destinada á formación de bolsas FEUGA e outras prácticas de estudos para a formación dos traballadores e traballadoras da CRTVG e das súas sociedades. A empresa destina moito máis presuposto á formación desas persoas que probablemente acaben desenvolvendo o seu traballo profesional noutras empresas que á formación dos traballadores e traballadoras da Casa.

A Dirección ofreceunos un cambio de 5.000 euros, cantidade que nos pareceu insuficiente. Esta proposta levaríanos a realizar dez cursos para toda a Empresa e elimináronse as clases de idiomas nos diferentes centros, suplindo estes con dous grupos de idiomas para impartir as clase nas instalacións da CRTVG.

Desde a representación sindical cremos que nunha empresa coma a nosa, apostar pola formación continuada dos traballadores e traballadoras é apostar pola Empresa, apostar para que a CRTVG estea sempre na primeira liña. Unha empresa que depende da tecnoloxía e novos avances. Ademais encontrámonos nun momento de cambios vertixinosos no mundo televisivo ; TDT, HD, DIXITALIZACIÓN, etc. Quen non aposta pola formación só pretende que a Empresa quede atrasada e perdamos o compás da tecnoloxía e do futuro. Aínda que, probablemente, esa sexa a folla de ruta do actual goberno da Xunta de Galicia, dos Secretario Xeral de Comunicación e da dirección da CRTVG.

O Comité Interempresas acordou solicitar que o presuposto de Formación para a CRTVG sexa o mesmo ca o ano pasado. E mentres non ocorra isto, non lle daremos a nosa conformidade ao Plan de Formación de 2010.

Agardamos que a Empresa recapacite. Nos seguiremos defendendo que a CRTVG teña a formación axeitada para o desenvolvemento profesional dos seus traballadores e traballadoras.

FITO FERREIRO SEOANE
Representante de CCOO na Comisión de Formación da CRTVG.