venres, 25 de novembro de 2016

COMPROMISO COA TRANSPARENCIA

Desde CCOO levamos anos reclamando á empresa un exercicio de transparencia e unha xestión eficiente dos recursos públicos que, ao noso entender, non se está a reflectir en todos os aspectos empresariais, por exemplo nos datos das audiencias dos programas da grella e o custe das producións alleas, exteriorizacións, etc. Así como na asignación arbitraria dos complementos salariais regulados no Convenio Colectivo. En aras desa transparencia e para clarificar a información sobre os custos sindicais que a empresa publicou na web, CCOO quere dar a coñecer a todas as traballadoras e traballadores da empresa a situación da súa representación sindical na empresa.

CCOO ten na CRTVG catro representantes electos no comité de empresa único da CRTVG en San Marcos, do que unha é tamén delegada sindical e, a maiores, outro delegado sindical. Esta representación non seu conxunto outórgalle unha dispoñibilidade de 4.400 horas sindicais, que se distribúen internamente na Sección Sindical do seguinte xeito:

- 1650 horas para a liberación de Enrique Rodríguez Marcos, para a atención da Sección Sindical, control da información entregada pola empresa (copias básicas, incidencias de nómina, etc.) así como a participación no Comité de Seguridade e Saúde Laboral como delegado de prevención da empresa.

- 1650 horas para a liberación de Teté Pérez Pardo, Secretaria Xeral da Sección Sindical de CCOO na CRTVG, para a participación no comité da CRTVG en San Marcos, na Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio Colectivo, e a asistencia como delegada sindical ao resto de órganos de representación sindical. Ademais do traballo como responsable do Sector de Medios de Comunicación de Galicia de CCOO.

- 1100 horas para a súa distribución entre o resto de representación nos seus distintos ámbitos:

  • Carlos Juanatey Silva, membro do Comité de empresa da CRTVG en San Marcos, membro do Comité Intercentros da CRTVG, membro da Comisión Paritaria, membro da Comisión para Nova Clasificación Pofesional.
  • Jesús Domínguez Lama, membro do Comité de empresa da CRTVG en San Marcos, membro da Comisión de Xestión de Listaxes de Contratación, xestión da páxina web e redes sociais da Sección Sindical.
  • Javier López Quian, membro do Comité de empresa da CRTVG en San Marcos, membro do Comité Intercentros da CRTVG.