mércores, 9 de decembro de 2015

A MAIORÍA DO COMITÉ REXEITA A GRAVACIÓN DOS PLENOS PROPOSTA POR COMISIÓNS


Na xuntanza do día de hoxe do Comité de San Marcos a CIG, UXT e USO rexeitaron a proposta de CCOO de que se gravaran os plenos do Comité co fin de dar transparencia dos debates xerados nas xuntanzas. A CUT abstívose.

Nesta xuntanza a CIG trouxo unha proposta que finalmente retirou por falta de acordo na que se quería limitar os temas que se podían gravar e o tempo que tiñan que conservarse as gravacións.

Dende CCOO creemos que este era o último obxectivo que se perseguía dende un comezo polas seccións que votaron en contra; conseguir limitar o coñecemento que teñen os traballadores das posicións que se toman en cada asunto tratado.

A CUT despois de rexeitarse a proposta de gravación dos plenos rexeitou formar parte da Comisión Xestora que ven facendo as funcións da Presidencia e Secretaría ao non haber o consenso suficiente para designar os membros que tomen posesión dos cargos .

Despois votouse o regulamento do Comité que se aprobou por maioría votando a favor CIG, UXT e USO, en contra a CUT e a abstención de Comisións. Dende a sección sindical non o apoiamos porque entendemos que ao non incluírse no regulamento un artigo que obrigue a rexistrar por medios dixitais os plenos dita normativa queda incompleta. De tódolos xeitos non estamos en contra do resto dos artigos que se recollen, xa que traballamos de xeito activo nel co fin de ter un sistema de funcionamento organizado.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2015