venres, 30 de marzo de 2012

RESUMO DOS CONTIDOS MÁIS SALIENTABLES DA REFORMA LABORAL


RESUMO DOS CONTIIDOS MÁIIS SALIIENTABLES DA REFORMA LABORAL

EN MATERIA DE DESPEDIMENTO

Rebaixa xeneralizada do custo do despedimento:

A indemnización por despedimento improcedente redúcese para os contratos
indefinidos de 45 a 33 días por ano traballado, cun máximo de 24 mensualidades
(agora son 42).

Os contratos fixos que actualmente teñan dereito a 45 días por ano manterán esa
contía até a entrada en vigor da nova norma, e a partir dese día a indemnización
pasará a ser de 33 días. O límite para ambos os períodos será de 42 mensualidades.

O despedimento obxectivo —que lles permite ás empresas botar empregados por
causas económicas, organizativas, técnicas ou de produción cunha indemnización
de 20 días por ano traballado— poderá aplicarse cando a compañía teña unha caída
de ingresos ou vendas durante tres trimestres consecutivos, cuestión de moi fácil
xustificación.

Desaparece a esixencia de autorización administrativa previa para as regulacións de
emprego. Ata o de agora, nun 95% acadábase acordo entre a empresa e o persoal.
Agora redúcese a posibilidade de chegar a acordos que superen a indemnización
legal porque o desacordo é máis barato: decídeo o empresario e, se non estás
conforme coa medida, vaise ao xulgado onde se acreditan como sexa as perdas ou
caída de ingresos e a indemnización baixa a 20 días.

Suprímense os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes.

O resultado é unha redución do custo do despedimento improcedente do 43%, unha
caída que chega até o 71% se se xeneraliza o despedimento obxectivo, e que no caso
extremo das empresas de menos de 25 traballadores é do 83% pola achega do
FOGASA.

O novo contrato para PEMES pode rescindirse sen custo no período de proba.
Outras cuestións en materia de despedimentos:

O persoal con contrato nos diferentes ámbitos do sector público estará sometido
ás mesmas causas de despedimento (económicas, técnicas, organizativas ou de
produción) que o da empresa privada, pero aquí denominase «insuficiencia
orzamentaria sobrevida e persistente para o financiamento dos servizos públicos
correspondentes». É dicir, clarifícase o debate desde a anterior reforma sobre se se
poden promover ou non despedimentos colectivos no sector público.

As empresas que despidan máis de 100 traballadores/as deberán articular un plan
de recolocación externa deseñado para un período mínimo de seis meses.

O absentismo laboral individual deixa de estar vinculado ao que se establecera
para o conxunto do persoal, co fin de facilitar o despedimento. É dicir, será causa de despedimento faltar ao traballo, aínda que sexa xustificado, durante un 20% da
xornada en dous meses consecutivos ou o 25% en catro meses non consecutivos.

EN MATERIA DE CONTRATACIÓN:

Non se reduce o número de contratos, crease un máis precario:

Créase un novo contrato indefinido que poderán utilizar as PEMES e os autónomos
con menos de 50 traballadores; é dicir, o 95% das empresas poderán utilizalo. O
período de proba é dun ano o que, tendo en conta a duración media da
contratación en España, implica unha «fixeza» cunha finalización certa e con custo
de despedimento cero. Ademais, reportará unha dedución de 3.000 euros pola
contratación dun primeiro empregado/a menor de 30 anos.
Non se elimina a dualidade, intensifícase: hai persoas desempregadas «atractivas»
para contratar e outras non.

Unha empresa que contrate unha persoa desempregada poderá deducir unha
contía equivalente ao 50 % da prestación que recibe ese empregado por espazo dun
ano. A persoa desempregada poderá percibir, ademais, o 25% da súa prestación. É
dicir, as empresas van contratar unhas persoas e marxinar outras; ademais,
poderán ofertar menores salarios dado que a persoa «contribuirá» a eles.
Non é certo que o mercado laboral español sexa ríxido nin que as empresas teñan
dificultades para contratar. Dende 2002 a 2011, en dez anos, incluídos os últimos
catro de crise, rexistráronse nas oficinas de emprego 158.984.551 contratos de
traballo. Un gran fluxo que demostra a enorme flexibilidade de entrada nas
empresas. Iso si, o 95% son contratos temporais, moitos deles cunha duración de
días. Segundo o propio Goberno, que tamén nisto segue ao pé da letra os ideólogos da
contrarreforma, existe un número excesivo de modalidades de contratos.
Recórtanse dereitos adquiridos:

Fusiónanse nun só contrato indefinido o ordinario e o de fomento do emprego
estable, coas condicións establecidas para este último.
Empeóranse as condicións dalgúns contratos:

A idade máxima para acceder ao contrato de formación e aprendizaxe pasa de 25
a 30 anos (pode estenderse ata os 33) e pode durar entre 1 e 3 anos. O contrato
perde a súa esencia de formación: tras esgotar un período de formación nunha
actividade, o traballador ou traballadora poderá asinar outro contrato de formación
e aprendizaxe noutros sectores. Unha parte da formación pode recibirse na
empresa porque así o empresario se beneficia cunha bonificación equivalente.

Retroceso no contrato a tempo parcial xa que permite a realización de horas
extras, o que favorece a fraude na contratación e ten efectos negativos en
cotizacións e prestacións. Legalízase a fraude que xa se viña cometendo con este
tipo de contratos.

Outras cuestións:

Establécense bonificacións á contratación indefinida de persoas menores de 30
anos de ata 3.600 euros, mentres que para os parados e paradas de longa duración
a cifra será de ata 4.500 euros.

Prohíbese o encadeamento de contratos temporais que superen os 24 meses a
partir do 31 de decembro de 2012.

EN MATERIA DE FORMACIÓN:

Todos os traballadores e traballadoras terán dereito a 20 horas de formación anuais
pagadas pola empresa e vinculadas ao posto de traballo.

Créase unha conta que recompilará toda a formación recibida polo traballador/a
durante a súa vida activa.

Permitirase, ademais, que os centros de formación acreditados executen
directamente os plans de formación.

EN MATERIA DE CONVENIOS:

Deteriora a negociación colectiva, limita a intervención sindical, individualiza as
relacións laborais e consagra o poder unilateral do empresario:

A prórroga máxima dos convenios colectivos vencidos será de dous anos, o que pon
fin á ultraactividade.

Os convenios de empresa, independentemente do tamaño da empresa, terán
prioridade sobre os de ámbito superior.

As empresas con dificultades poderán descolgarse dos convenios con dous
trimestres de diminución de ingresos ou vendas (modificando unilateralmente
salario, xornada, horario, sistema de rendemento…). Se non hai acordo, a empresa
poderá solicitar unha arbitraxe obrigatoria a través da Comisión Consultiva de
Convenios Colectivos.

Descausalízanse as medidas de modificación substancial das condicións de
traballo, a mobilidade xeográfica e os traslados xa que non se require que a
empresa xustifique ningunha situación concreta.

EN MATERIA DE SALARIOS

O empresario pode modificar o salario tanto no recoñecido no convenio ou
acordo como nas propias condicións do contrato; é dicir, vaise producir unha
rebaixa salarial xeneralizada.

A reforma pretende mellorar a competitividade das empresas pola perigosa vía de
reducir os salarios no canto de apostar pola eficiencia. É a estratexia da
«desvalorización interna», unha alternativa cando non é posible desvalorizar a
moeda, que se chegou a cuantificar nunha redución do 25% dos salarios españois.
Para iso facilítase que as empresas non apliquen as cláusulas económicas dos
convenios colectivos do sector, se desvinculen deles e, o que é moito peor e perigoso, autorízase o empresario a reducir de forma discrecional o salario actual que cobran os seus traballadores e traballadoras.

Esta redución pode ser individual, aos empregados que o empresario considere
pouco produtivos, a un grupo ou sección ou a toda a empresa. Establécese un proceso formal de comunicación e negociación, pero a reforma outórgalle ao empresario a capacidade de decisión final.

Amplíanse as posibilidades de mobilidade xeográfica.

OUTRAS MATERIAS:

As Administracións públicas poderán facer convenios de colaboración para a
realización de servizos de interese xeral en beneficio da comunidade con persoas
que cobren a prestación por desemprego; é dicir, as Administracións (sobre todo
as locais) prescindirán de persoal laboral para contar con estas persoas que, por
seren desempregadas, «farán traballos forzosos» sen custo para a Administración.

Elimina a autorización administrativa para suspender ou reducir a xornada.

A suspensión do contrato por causas económicas, técnicas, organizativas ou de
produción ou derivadas de forza maior aplicarase ás Administracións públicas e ás
entidades de dereito público vinculadas ou dependentes que se financien
maioritariamente con ingresos obtidos como contrapartida de operacións
realizadas no mercado.

Retrocédese en dereitos de protección á maternidade: desaparecen as
bonificacións que percibían as empresas ao reincorporaren traballadoras en baixa
ou excedencia por conciliación, e introduce a posibilidade de que, por convenio, se
limite a elección de horarios para permisos por lactación.

Estréitase a colaboración coas mutuas para avaliar a incapacidade temporal dos
traballadores e traballadoras.

Proponse un plan especial da Inspección de Traballo para combater a fraude e a
economía somerxida.

As empresas de traballo temporal poderán actuar como axencias privadas de
colocación, por disporen dunha ampla rede de sucursais distribuídas por todo o
territorio e con ampla experiencia no mercado de traballo. Mercantilízase o dereito
ao traballo.

En resumo, dáselle ao empresario o poder absoluto.
A reforma provoca un desequilibro a favor dos empresarios porque debilita moitas
normas e procedementos que protexían as traballadoras e traballadores. Algúns xa se
dixeron. Facer despedimentos colectivos sen autorización previa, baixar os salarios,
facilitar o despedimento, desvincularse do convenio… son actuacións que reforzan o
poder empresarial. Pero hai máis: a reforma cede ao empresario todo o poder para
modificar as condicións fundamentais do traballo, de forma que os traslados a outros
centros, o horario, as quendas ou a mobilidade funcional e mesmo os ERE de
suspensión de contrato ou redución de xornada pasan a ser obxecto da decisión
unilateral do empresario sen necesidade de acordo ou autorización previa.

OS ATAQUES AOS SERVIZOS PÚBLICOS

O primeiro que fixo o novo Goberno do PP foi aprobar un novo plan de axuste que
recorta 18.000 millóns de gasto público. E anuncia que, para chegar ao obxectivo de
déficit público do 4,4% do PIB, os recortes terían que ser de 45.000 millóns en todo
2012; diñeiro que roubaría da sanidade e o ensino público, das pensións e do resto de
servizos públicos en xeral.

Rajoy conxelou o salario dos traballadores públicos, anula as reposicións de persoal… e concede novos avais por cen mil millóns de euros á banca.

Prepárase unha lei de «estabilidade orzamentaria» que imporá o déficit cero e que dá
prioridade absoluta ao pagamento da débeda por riba dos servizos de sanidade,
ensino, dependencia. Xa estamos sufrindo na sanidade os efectos dos recortes:
reducións de cadros de persoal, xubilacións que non se cobren, contratos eventuais
que deixan de anovarse, reorganización de servizos… E a cousa non fixo máis que
comezar.

A reforma engade novos recortes: postos de traballo ata agora ocupados con contratos
laborais poderán ser ocupados por desempregados perceptores de prestacións. Ás
mobilizacións contra a reforma laboral hai que unir a defensa dos servizos públicos, a loita pola renovación de contratos e contra o peche e a privatización de servizos.


POR TODO O DEVANDITO:·

A reforma aféctanos a todos os traballadores e traballadoras, as medidas que
contén non deixan lugar a dúbidas.

· Só a mobilización firme e sostida pode frear esta reforma laboral, desde as
empresas, os barrios, as cidades… É o maior ataque aos dereitos laborais.

· CCOO temos a responsabilidade de que as mobilizacións freen a reforma.
Para iso somos o primeiro sindicato no Estado.

· As manifestacións do domingo 11 de marzo deben ser a mellor mostra do
grao de responsabilidade e compromiso dos traballadores e as traballadoras
fronte á ofensiva que estamos a padecer.

SEGUES PENSANDO QUE A REFORMA NON CHE AFECTA?

AFÉCTANOS A TODOS E A TODAS, AFÉCTACHE, E MOITO, A TI NON MIRES PARA OUTRO LADO

A REFORMA LABORAL ABARATA E FACILITA O DESPEDIMENTO, REFORZA O PODER EMPRESARIAL E PRECARIZA MÁIS O EMPREGO.



A REFORMA LABORAL APROBADA POLO GOBERNO DO PP
ABARATA E FACILITA O DESPEDIMENTO, REFORZA O PODER
EMPRESARIAL E PRECARIZA AÍNDA MÁIS O EMPREGO

Unha reforma laboral feita ao ditado dos empresarios e mercados financeiros


É a primeira vez en democracia que un goberno decreta medidas no ámbito laboral
sen utilizar o período de consultas e negociacións cos axentes sociais.

As declaracións feitas por Rajoy e De Guindos en Europa non son froito da casualidade, estaban perfectamente dirixidas. A reforma xa estaba elaborada e preparada. Amosan ademais un sometemento total, unha perda de soberanía do Estado español e das súas institucións democráticas. Dítannos dende fóra o que temos que facer e obedecemos sen chistar e con docilidade e servilismo.

Foi aprobada, sometida antes ao visto e prace dos poderes fácticos da UE, por Merkel
e Sarkozy, e logo «validada» polo Consello de Ministros sen informar do seu contido
aos axentes sociais e a sociedade.

O Goberno do PP amosa un desprezo absoluto polo diálogo social, non se respecta,
arramplan á mantenta co Acordo Interconfederal sobre Negociación Colectiva acadado
entre CCOO, UGT e a CEOE.

É unha reforma moi dura, salvaxe, toca todos os paus, na entrada, na permanencia e
na saída do mercado de traballo. Facilita aínda máis o despedimento, faino máis
barato e individualiza as relacións laborais.

Obvia e despreza o activo, o valor máis importante que teñen as empresas, que ten a
nosa sociedade: os traballadores e traballadoras. Convérteos en escravos, en servos
desprotexidos e elimina os seus dereitos laborais básicos.

Esta reforma carga única e exclusivamente as consecuencias da crise sobre quen non
ten responsabilidade ningunha, só se protexen e amplían os dereitos dos empresarios,
dos poderosos, da banca e das grandes empresas, dos únicos responsables da crise.

Disque fan a reforma para crear emprego e axudar as persoas paradas, e o que en
realidade demostran, con esta reforma, é un desprezo absoluto por elas.

Anuncian sen rubor que ao longo deste ano 2012, e con esta reforma xa en marcha,
aumentará o desemprego en 600.000 persoas máis, é dicir, que a finais de ano
poderemos ter ao pé do 6.000.000 de persoas en paro.

Non é de lei que os que están á fronte da política económica do noso país sexan os
responsables directos dos que orixinaron esta situación de crise, coa burbulla
financeira e inmobiliaria. O ministro de economía De Guindos era, ata hai poucos
meses, o responsable de Lehman Brothers en España e Portugal, a empresa financeira
que desatou a actual crise financeira internacional. Responsable directo e, agora, quen nos quere dar as receitas para saír desta fochanca. Sinxelamente, é indecente.

Esta reforma ten un contido claro e netamente ideolóxico, pretende un cambio
profundo, radical do mundo laboral no noso país, no que os intereses neoliberais do
capitalismo campen polos seus respectos.

Esta reforma laboral do PP non está xustificada porque NON SERVE PARA CREAR
EMPREGO. O seu único e principal obxectivo é debilitar aínda máis a clase traballadora e as súas organizacións, os sindicatos, abaratando e simplificando o despedimento, deteriorando a estabilidade no emprego e os mecanismos de negociación colectiva.

Esta reforma vainos levar a unha maior precariedade das condicións laborais, feita á
mantenta co obxectivo de recortar a renda do traballo para ganar competitividade
abaratando o factor traballo. É dicir, quérennos levar a condicións laborais e sociais terceiromundistas, retrocedemos varias decenas de décadas nas conquistas sociais e laborais do noso país. Modelo terceiromundista fronte a modelo social europeo.

xoves, 29 de marzo de 2012

HOXE 29M, TODAS E TODOS DE FOLGA



Hoxe día 29 todos e todas estamos chamados á Folga Xeral contra o ataque frontal aos dereitos dos traballadores e traballadoras. Hai motivos máis que suficientes para parar a nosa actividade laboral e asistir,xunto aos compañeiros e compañeiras, ás mobilizacións convocadas para ese día nas cidades galegas. Temos que frear esta reforma laboral agresiva contra os nosos dereitos conquistados, que non regalados, co esforzo de xeracións de traballadores e traballadoras que deron incluso a súa vida para legarnos o que nos pertence a todos e todas.

Acode ás mobilizacións e transmite aos teus compañeiras e compañeiros a importancia de manifestar a nosa forza ao goberno do estado para que cambie a súa actitude e retire esta reforma INXUSTA, INUTIL E INEFICAZ.

PORQUE QUEREN ACABAR CON TODO cos dereitos laborais e sociais

FOLGA XERAL

Sección Sindical de CCOO na CRTVG

ACORDOS DO COMITÉ DE EMPRESA DE TVG Data:27 de marzo de 2011

ACORDOS DO COMITÉ DE EMPRESA DE TVG
Data:27 de marzo de 2011

Nesta xuntanza do Comité acordouse o seguinte:

1.- Pedirlle á Dirección da empresa o escrito de descargos presentado ante a Consellería de Traballo polo que ésta deixa sen efecto o expediente sancionador da Inspección de Traballo por mobilidade funcional dos redactores asignados á cabina de satélites. A seguinte acción do Comité ante este problema é a xestión para presentar conflito colectivo ante a autoridade xudicial pertinente. No taboleiro do Comité está exposta a resolución da Xunta.

O pleno debate sobre a situación derivada do fallo da Consellería de Traballo e a conclusión é que -de momento- o aconsellable é cumprir o expresado nesa resolución.
Ese documento indica no punto terceiro do epígrafe “feitos” as funcións e na páxina 3 (parágrafo 6) refírese concretamente á cuestión sobre o “coñecemento técnico” para a utilización dos equipos desa cabina.

2.-Pedirlle ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral a valoración de riscos no desenvolvemento dunha nova función do colectivo de cámaras de plató. E é que o Xulgado de instrucción no 2 de Santiago desestimou a demanda por mobilidade funcional e, en consecuencia, os/as operadores/as de cámara están obrigados/as a recoller os cable triax. Agora trátase de que Seguridade e Saúde Laboral determine os complementos de protección individual necesarios para acometer esa nova tarefa.

3.-Instar á Dirección de RRHH, na Comisión Paritaria, a que cumpra o Convenio Colectivo no referente á comunicación previa dos Eventos Especiais. E é que unha vez máis, informou do evento semanas despois de que se realizou e doutros máis recentes -xa finalizados- tampouco ten comunicado nada.

4.-A proposta da USO tratamos sobre o “plus” de produtividade que aprobou o Consello de Administración para o persoal directivo da CRTVG.

A sección sindical propoñente quedou en redactar unha nota para enviar aos medios de comunicación denunciando o despropósito desa “gratificación” económica mentres ao persoal nos están reducindo sistematicamente a remuneración.

A próxima xuntanza do Comité quedou convocada para o 10 de abril. San Marcos, 27 de marzo de 2012


SERVIZOS Á CIDADANÍA
Sección sindical de CCOO na CRTVG