venres, 30 de marzo de 2012

A REFORMA LABORAL ABARATA E FACILITA O DESPEDIMENTO, REFORZA O PODER EMPRESARIAL E PRECARIZA MÁIS O EMPREGO.



A REFORMA LABORAL APROBADA POLO GOBERNO DO PP
ABARATA E FACILITA O DESPEDIMENTO, REFORZA O PODER
EMPRESARIAL E PRECARIZA AÍNDA MÁIS O EMPREGO

Unha reforma laboral feita ao ditado dos empresarios e mercados financeiros


É a primeira vez en democracia que un goberno decreta medidas no ámbito laboral
sen utilizar o período de consultas e negociacións cos axentes sociais.

As declaracións feitas por Rajoy e De Guindos en Europa non son froito da casualidade, estaban perfectamente dirixidas. A reforma xa estaba elaborada e preparada. Amosan ademais un sometemento total, unha perda de soberanía do Estado español e das súas institucións democráticas. Dítannos dende fóra o que temos que facer e obedecemos sen chistar e con docilidade e servilismo.

Foi aprobada, sometida antes ao visto e prace dos poderes fácticos da UE, por Merkel
e Sarkozy, e logo «validada» polo Consello de Ministros sen informar do seu contido
aos axentes sociais e a sociedade.

O Goberno do PP amosa un desprezo absoluto polo diálogo social, non se respecta,
arramplan á mantenta co Acordo Interconfederal sobre Negociación Colectiva acadado
entre CCOO, UGT e a CEOE.

É unha reforma moi dura, salvaxe, toca todos os paus, na entrada, na permanencia e
na saída do mercado de traballo. Facilita aínda máis o despedimento, faino máis
barato e individualiza as relacións laborais.

Obvia e despreza o activo, o valor máis importante que teñen as empresas, que ten a
nosa sociedade: os traballadores e traballadoras. Convérteos en escravos, en servos
desprotexidos e elimina os seus dereitos laborais básicos.

Esta reforma carga única e exclusivamente as consecuencias da crise sobre quen non
ten responsabilidade ningunha, só se protexen e amplían os dereitos dos empresarios,
dos poderosos, da banca e das grandes empresas, dos únicos responsables da crise.

Disque fan a reforma para crear emprego e axudar as persoas paradas, e o que en
realidade demostran, con esta reforma, é un desprezo absoluto por elas.

Anuncian sen rubor que ao longo deste ano 2012, e con esta reforma xa en marcha,
aumentará o desemprego en 600.000 persoas máis, é dicir, que a finais de ano
poderemos ter ao pé do 6.000.000 de persoas en paro.

Non é de lei que os que están á fronte da política económica do noso país sexan os
responsables directos dos que orixinaron esta situación de crise, coa burbulla
financeira e inmobiliaria. O ministro de economía De Guindos era, ata hai poucos
meses, o responsable de Lehman Brothers en España e Portugal, a empresa financeira
que desatou a actual crise financeira internacional. Responsable directo e, agora, quen nos quere dar as receitas para saír desta fochanca. Sinxelamente, é indecente.

Esta reforma ten un contido claro e netamente ideolóxico, pretende un cambio
profundo, radical do mundo laboral no noso país, no que os intereses neoliberais do
capitalismo campen polos seus respectos.

Esta reforma laboral do PP non está xustificada porque NON SERVE PARA CREAR
EMPREGO. O seu único e principal obxectivo é debilitar aínda máis a clase traballadora e as súas organizacións, os sindicatos, abaratando e simplificando o despedimento, deteriorando a estabilidade no emprego e os mecanismos de negociación colectiva.

Esta reforma vainos levar a unha maior precariedade das condicións laborais, feita á
mantenta co obxectivo de recortar a renda do traballo para ganar competitividade
abaratando o factor traballo. É dicir, quérennos levar a condicións laborais e sociais terceiromundistas, retrocedemos varias decenas de décadas nas conquistas sociais e laborais do noso país. Modelo terceiromundista fronte a modelo social europeo.