venres, 13 de xullo de 2012

INFORMACIÓN SOBRE A COMISIÓN DE LISTAXES DE CONTRATACIÓN TEMPORAL.

Nunha reunión da Comisión de Xestión das Listaxes de Contratación Temporal mantida o pasado luns día 9 de xullo, os membros da parte social rexeitaron aprobar a proposta de regulamento sobre a contratación temporal presentada pola empresa. Dita proposta regulaba a exclusión temporal das listas daqueles traballadores e traballadoras que rexeitaran un número de chamamentos determinado ou non responderan ás chamadas realizadas pola División de Recursos Humanos. O documento proposto pola empresa foi valorado previamente pola parte social, quen asumiu por unanimidade o rexeitamento proposto por CCOO, ao entender que non existe ningún control por parte da representación legal dos traballadores e traballadoras, sobre o procedemento a seguir nos chamamentos e as causas de rexeitamento dos contratos, ou desatención das chamadas, que os aspirantes puideran alegar. Isto deixaría mans libres á empresa para excluír unilateralmente a determinadas persoas das listas e realizar así a elección do persoal contratado de maneira selectiva. Inexplicablemente á empresa volve á carga, convocando unha nova reunión para o venres ás 10,00 horas, co único punto na orde do día de valorar e acordar o devandito documento. En CCOO mantemos o rexeitamento á proposta da empresa e así nos manifestaremos na citada reunión, solicitándolles ás outras Seccións Sindicais que, no caso de que estiveran en disposición de aceptala, este regulamento fose sometido a unha asemblea de traballadores e traballadoras para a súa aprobación. Sección Sindical de CCOO na CRTVG - San Marcos a 11 de xullo de 2012