xoves, 24 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ INTEREMPRESAS do 17 de NOVEMBRO

REUNIÓN DO COMITÉ INTEREMPRESAS
DÍA: 17 de novembro de 2011


Na reunión de hoxe tratouse da problemática xerada coas funcións desenvolvidas por operadores montadores de vídeo nas delegacións da TVG. Como realizan funcións que non son propias da categoría laboral que posúen, as sentenzas estanlle a recoñecer a categoría superior, operador de posprodución, aínda que esta non se axusta a estas funcións que desenvolven a maiores, iluminación, son, etc., polo que a empresa está a chegar a acordos puntuais con algunha das persoas afectadas.

Na comisión paritaria de onte, a empresa propuxo acordar unha solución temporal para esta problemática mediante a asignación dun complemento de responsabilidade que equipare en salario a súa categoría co conxunto de funcións que desenvolven, ata que se acorden as novas definicións de categorías na negociación que se iniciará o vindeiro xoves 24 de novembro.

CCOO, na reunión do comité de hoxe, deixou clara a súa postura aberta a este acordo, sempre que se condicione á apertura da mesa negociadora que poña fin a indefinición actual das categorías. Este complemento debería abonarse a todos os traballadores e traballadoras que desempeñen estas funcións nas delegacións, e debe aplicarse na mesma porcentaxe.
O tema quedou pendente para o posicionamento das Seccións.


Outro tema tratado foi a sentenza que desestimaba a demanda de conflito colectivo, presentada no TSXG, sobre a suba do 2,1% resultante da aplicación da cláusula de revisión salarial para o 2010. A CIG comunicou que o seu avogado xa presentou no TSXG o anuncio de recurso ante o TS.

A terceira cuestión tratada nesta reunión foi a preparación dos tramites necesarios para a constitución da Plataforma en defensa dos Medios de Comunicación Públicos de Galicia. A CIG fixo varias propostas a valorar: unha mobilización a nivel nacional de todas as organizacións e movementos sociais que se queiran adherir, un manifesto formal con recollida de sinaturas, un debate coloquio con figuras de recoñecido prestixio e a organización de festivais. O tema quedou pendente da valoración das Seccións Sindicais para unha posta en común o día 30 de novembro.

Sección Sindical de CCOO
San Marcos a 17 de novembro de 2011
Bando San Marcos
Telef.: 981 540 807 ccoo@crtvg.es
http://ccoocrtvg.blogspot.com/