martes, 4 de xaneiro de 2011

Contestación da Sección Sindical de CCOO ao editorial publicado o día 31 de decembro de 2010 no diario El Correo Gallego

Ao director de El Correo Gallego José Manuel Rey


Sr. Director:
 
En relación co editorial do pasado día 31 de decembro de 2010 "El audiovisual en peligro de muerte", a Sección Sindical de CCOO da CRTVG quere desmentir afirmacións que se realizan no devandito editorial en relación cos salarios do persoal da TVG, así como os xuizos de valor realizados con respecto ao número de traballadores e traballadoras necesarios.

A TVG ten unha plantilla menor aos 700 traballadores e traballadoras, dos cales o 33% son persoal temporal, non chegando a superar os 1000 traballadores e traballadoras si temos en conta as tres empresas, CRTVG, TVG e a RTG. Polo que é falso que a CRTVG sexa excedantaria en Recursos Humanos. Xestionando catro canles de televisión, tres canles de radio e unha páxina web, somos, entre as empresas públicas de radio e televisión, a que ten menos persoal e menor orzamento.

Respecto dos salarios do persoal de TVG, non é correcto o dato publicado polo seu xornal, dado que ningún traballador de TVG nin das outras empresas obtén un salario de 50000 euros nin cifra que se lle aproxime. Entendemos que para que unha información sexa veraz, debería contrastarse coa dirección da CRTVG ou coa sús representación sindical, e non realizar unha

operación consistente en dividir o presuposto de gasto de persoal entre un número de Traballadores e traballadoras que non se corresponde coa realidade, ignorando que nesta partida están incluídos os salarios da alta dirección e os membros do Consello de Administración, que non se computan no cadro de persoal. Ademáis tamén se contemplan as partidas destinadas á substitución das vacacións do persoal e as das licencias establecidas no Convenio Colectivo.

A Sección sindical de CCOO na CRTVG manifesta que con estes datos, non é o gasto de persoal da TVG o que pon en perigo a subsistencia das empresas privadas do audiovisual galego. O que si pode ser cuestionable é que, en 25 anos de existencia do Ente Público, a maioría das empresas galegas deste sector, non foran quen de abrirse ao mercado audiovisual, mantendo unha dependencia exclusiva das partidas recibidas da CRTVG.

Agardamos que teña a ben a publicación destes datos correxindo os erros vertidos no seu editorial.
 


San Marcos a 4 de xaneiro de 2011



Sección Sindical de CCOO na CRTVG

http://www.elcorreogallego.es/opinion/la-quinta/ecg/audiovisual-peligro-muerte/idEdicion-2010-12-31/idNoticia-625564/