venres, 3 de decembro de 2010

DI BASTA

O pasado día 30 de novembro, en torno a 48 traballadoras e traballadores que
desenvolvían a súa labor nas distintas delegacións da Televisión de Galicia e a Radio
Galega foron despedidos sen contemplacións. Ningún representante da Dirección desta
empresa foi quen de comunicarlles o cese da súa actividade laboral, pero si houbo quen reuniu a valentía suficiente como para decidir reforzar a vixilancia nestas instalacións. Os gardas de seguridade que ese día foron contratados tiñan a misión de impedir o paso os centros de traballo o persoal afectado polo despedimento. Persoal que nalgún caso levaba entre 10 e 20 anos ao servizo desta casa.

Nesa mesma data, o martes 30, pero en San Marcos, outros nove traballadores
corrían a mesma sorte, ou parecida. Neste caso, foi a empresa a que tivo a cortesía de notificarlles o fin do seu contrato, a través dunha carta. Algún destes traballadores ten máis de 20 anos de antigüidade en Televisión de Galicia ou Radio Galega.

Para a sección sindical de CCOO o día 30 de Novembro de 2010 é unha data
histórica, a data na que tódalas traballadoras e traballadores desta casa decidamos
aliarnos dunha vez por todas, e dicir BASTA. Porque ese día se traspasaron as fronteiras do ético e do legal. O que acaba de acontecer en Televisión de Galicia conculca os dereitos laborais máis básicos, e vulnera o marco legal máis inmediato que rexe e regula o funcionamento deste medio de comunicación.

A disposición adicional 3ª do noso Convenio Colectivo establece que o longo do
período de vixencia do mesmo, "a empresa comprometese a negociar a situación das
delegacións e das necesidades de descentralización territorial". A empresa non so non
abordou a negociación, senón que nin sequera informou a representación sindical. O
mesmo día 30, representantes da dirección reuníronse coa parte social para explicarlles o plan de limpeza laboral previsto para as delegacións, sen mencionar que ese plan se estaba executando nese momento.

Estes despedimentos, e os realizados en San Marcos, vulneran tamén os art. 40 e
41 do Estatuto dos Traballadores, que regulan a mobilidade xeográfica e as modificacións substanciais das condicións de traballo e que obrigan a unha comunicación previa, tantoao persoal afectado como ao comité de empresa.

No comité interempresas celebrado o pasado día 22 de novembro, a sección
sindical de CCOO reiterou a súa posición de defender a ultranza ante o Consello de
Administración da CRTVG a convocatoria das 220 prazas para a OEP, dando a coñecer
aos membros do Consello a nosa posición, sen renunciar ás medidas oportunas para a
defensa da imparcialidade nos tribunais. Pero esta postura non foi compartida por toda a representación sindical. O día seguinte, o Consello de Administración non aprobou a modificación do catalogo, o que implica unha reducción da OEP en 25 prazas.

Os despidos no centro de traballo en San Marcos están provocados pola non
ampliación do catálogo. CCOO teme que estas 25 prazas serán moi difíciles de recuperar, xa que considera moi improbable que a empresa realice unha convocatoria no ano 2011, dada a situación orzamentaria á que nos somete a Xunta de Galicia.

A dirección da Televisión de Galicia e a parte social chegaran a un acordo para
negociar a situación do persoal contratado afectado pola promoción interna, e buscar
fórmulas para que as traballadoras e traballadores en interinidade conservasen o seu
posto de traballo ata a celebración da OEP. Pero o pasado día 30 a empresa entregou as cartas de despido a estes empregados e empregadas, sen mencionar alternativas no seu futuro laboral.

O 30 de novembro quedou ben claro cal é a intención desta empresa con respecto
a estabilidade laboral da plantilla. Por iso a sección sindical de CCOO chama a
tódolos traballadores e traballadores a participar na asemblea xeral do xoves día 9
de decembro, porque chegou a hora de plantar cara e frear esta flagrante
vulneración dos dereitos laborais. Chegou a hora de facer entender a esta empresa
que as traballadoras e traballadores merecen un respeto, e que o trato que se lles deu o pasado día 30 foi deplorable. Nunca antes en Televisión de Galicia e na Radio Galega se viviu unha situación semellante.

Por iso:

Facemos un chamamento as traballadoras e traballadores para que nos unamos
fronte a esta agresión da dirección da CRTVG e participemos activamente en todas as
mobilizacións que contra a mesma se convoquen para dicir ¡¡¡BASTA!!!

SECCIÓN SINDICAL DE CCOO NA CRTVG