mércores, 16 de decembro de 2009

A DERROGACIÓN DA LEI DA TERCEIRA CANLE DEIXA SEN GARANTÍAS A TITULARIDADE E A XESTIÓN PÚBLICA DAS TELEVISIÓNS AUTONÓMICAS

O Sector de Medios de Comunicación de CC OO manifesta a súa preocupación polo proxecto de lei audiovisual, como vén facendo desde o pasado mes de xullo cando coñeceu o anteproxecto


CC OO considera que o Executivo «despezou» o proxecto, desvirtuando a proposta inicial e deixándoo nun «proxecto de mínimos», e que non contou cos axentes sociais. Así mesmo, afirma que o texto supón unha completa desregulación do sector, que non garante o emprego nin o desenvolvemento do sector nun modelo de economía sostible.
O proxecto de lei derroga toda a lexislación vixente do sector audiovisual e, aínda que CC OO considera que todas esas normativas requirían unha ordenación, o texto aprobado supón unha desregulación e non unha ordenación do sector.
Para o Sector de Medios de Comunicación de CC OO, o proxecto non define o modelo de produción audiovisual na España do século xxi, «é meramente unha concesión para que os operadores fortes fagan o que queiran sen control ningún. Con este texto ábrese a posibilidade de que proliferen compañías dedicadas a emitir o que contratan a pequenas produtoras. Unha lexislación desta magnitude debería potenciar a produción propia interna, para evitar a precarización do traballo en todas as empresas audiovisuais. A destrución do sector supón a perda das conquistas da negociación colectiva, que moitos traballadores e traballadoras dos medios están padecendo pola falta de regulación e de control».
O proxecto, de chegar a ser lei, derrogará o Estatuto da Radio e a Televisión e a lei da terceira canle, que ata o de agora garantiron a titularidade e a xestión pública dos entes de radio e televisión propiedade das comunidades autónomas.
A razón de ser é a prestación dun servizo público e a garantía da pluralidade informativa, valor protexido pola Constitución. Isto podería ser unha fraude política, destinar un importante esforzo económico, tecnolóxico e de formación de profesionais para, ao cabo, poñer ao dispor de intereses privados os entes constituídos con ese esforzo público.
CC OO segue apostando por un modelo que informe, entreteña, eduque e constrúa identidade democrática, tanto nas radiotelevisións de titularidade estatal como nos operadores privados, desde o respecto e o cumprimento do marco normativo sectorial, laboral e social.
Por último, o sindicato afirma que espera que o Parlamento sexa permeable ás modificacións propostas polos axentes sociais e que se poida modificar substancialmente o proxecto.

10 de decembro 2009