venres, 27 de novembro de 2009

FALLA DE RIGOR PROFESIONAL NOS INFORMATIVOS DE TVG E NULO COMPROMISO CONTRA A VIOLENCIA DE XENERO

Para deixar constancia da nosa desaprobación ante a falla de rigor profesional nos Informativos de Televisión de Galicia, a sección sindical de CCOO da CRTVG dirixiu este escrito a Directora de TVG, a Directora dos Informativos de TVG, e o Director Xeral da CRTVG.

“A Sección Sindical de CCOO na CRTVG quere facer manifesta a súa indignación ante o grave erro cometido o pasado 21 de Novembro de 2009 nos Telexornais da Fin de Semana.

No espazo informativo emitido esa data, a presentadora da paso a un vídeo sobre as terapias de reeducación dos maltratadores machistas. Na intro que le en plató refírese o 21 de Novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A continuación introduce outra información sobre un acto conmemorativo do BNG de cara a celebración do 25 de Novembro. Nesa intro, insístese de novo na conmemoración “deste día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres”.

A falta de rigor e veracidade da información repítese no Telexornal Serán dese mesmo día. A presentadora de novo fai referencia a varias informacións sobre actos celebrados ese 21 de novembro con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, sen mencionar en ningún momento a data do 25 de Novembro.

Este lamentable erro denota a falta de rigor no exercicio da profesión xornalística na canle pública da comunidade galega. A gravidade desta equivocación denota, por unha banda, a ausencia de contraste das informacións e de comprobación da veracidade, e pola outra, o fallo na cadea de responsabilidades que debe dirixir e controlar o proceso de elaboración dunha noticia.

Os medios de comunicación somos axentes socializadores, o noso compromiso na erradicación da violencia machista queda recollido nos textos de organismos internacionais e na Lei Integral 1/2004 contra a Violencia de Xénero. É unha tarefa que debemos desenvolver no día a día, e de xeito máis patente o día 25 de Novembro. O pasado día 21 de novembro, a Televisión de Galicia demostrou o seu nulo interese pola repercusión desta data, e a súa falla de compromiso na erradicación dun dos máis graves atentados contra os dereitos humanos.


San Marcos, 26 de Novembro de 2009