
Os secretarios xerais de UGT e CCOO, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, respectivamente, cualifican a reforma laboral como «a maior agresión do período democrático» aos dereitos da clase traballadora. Por este motivo, no caso de que o Goberno non corrixa o rumbo adoptado, anuncian que as mobilizacións serán «crecentes e sostidas».
Para Aguión e Gómez, a reforma laboral obedece unicamente aos intereses da patronal e ás presións dos sectores máis ultraliberais. Entre as principais críticas á reforma están o abaratamento do despedimento, que pasa a ser «practicamente gratis», a creación dun novo tipo de «contrato lixo» ou a «barra libre» no caso dos expedientes de regulación de emprego (ERE).
A reforma laboral tamén deixa gravemente danada a negociación colectiva, pois faculta a empresa para pasar por riba dos convenio só con aducir dous trimestres de diminución de ingresos ou vendas, ao tempo que dá preferencia aos convenios de empresa sobre os de sector.
Segundo os secretarios xerais de CCOO e UGT, esta reforma «obvia e despreza o activo máis importante que teñen as empresas, os traballadores e traballadoras. Desprovistos dos seus dereitos laborais básicos pasan practicamente a ser servos das empresas». En opinión de ambos os dirixentes, trátase dunha «aposta pola precarización que non vai solucionar o principal problema deste país, que é o paro». Todo o contrario, afirman que esta reforma provocará, como xa o fixo a que a precedeu, un aumento do número de despedimentos.
Finalmente, emprazan a cidadanía a se sumar o próximo día 29 a unha xornada de mobilización convocada para todo o continente pola Confederación Europea de Sindicatos (CES), da que tanto CCOO como UGT forman parte.