Amosando publicacións coa etiqueta Santiago de Compostela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Santiago de Compostela. Amosar todas as publicacións

mércores, 1 de xuño de 2016

SEN ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS, SEN CONSELLO DE INFORMATIVOS, SEN INFORMACIÓN , SEN NADA


Esta mañá os membros do Comité Intercentros reuníronse co Director Económico pra desbloquear o proceso de acreditación de competencias. Alí aseguróuselle a representación sindical que despois de dous anos non había unha proposta seria por parte do departamento de persoal dun convenio, nin memoria explicativa nin previsión de gasto. O Comité xa pediu unha xuntanza de urxencia con recursos humanos para aclarar a situación despois de reiterar en numerosas ocasións que dende o departamento económico tiñan 50 mil euros bloqueados da partida de formación que se tiñan que adicar a formación dos 178 traballadores que queren optar a normalizar a súa titulación con vistas a nova clasificación profesional que tamén está bloqueada, dito sexa de paso. O atraso que leva acumulado este proceso fai que este ano moitas traballadoras/es non se matriculasen no ensino ordinario esperando esta vía extraordinaria polo que perderán un curso.

Acordouse pedir unha xuntanza co Consello de Administración para que poña en marcha o Consello de Informativos, despois de que nunha comunicación da Dirección Xeral se aclarara que é o órgano competente para iniciar os procedementos. Ademais iniciará unha xeira de xuntanzas con todos os partidos políticos para acadar con eles un compromiso por escrito para a creación do Consello e se garanta o cumprimento da Lei de Medios Audiovisuais de Galicia. Ante a ausencia deste órgano Comisións Obreiras propuxo que se pedira a Xunta Electoral un especial seguimento dos contidos políticos non espazos informativos non electorais da CRTVG, para evitar que se vulnere a lei.

Ao abeiro do artigo 64 do Estatuto dos Traballadores o Comité Intercentros vai poñer unha denuncia ante a inspección de traballo polo bloqueo sistemático de todo tipo de información á representación sindical.

Dentro desta petición de información tamén se solicitará a Dirección Xeral a entrega ao Comité do Informe de Servizo Público do 2015 que se acaba de presentar na comisión de control da Corporación CRTVG do Parlamento e do que a representación sindical tivo coñecemento pola prensa.




O Comité tamén quere desmentir que propuxera membros para o grupo de traballo da dixitalización que recentemente ven de facer público o director xeral. Aclara isto porque algúns traballadores amosaron o seu descontento polas persoas elixidas e nos departamentos correspondentes aseguraron que foran propostos polos sindicatos. Iso é rotundamente falso.

Dentro de outros temas tamén se acordou colaborar na campaña denominada Badaladas pola prevención do suicidio, do Movemento Galego de Saúde Mental, de concienciación para a creación dun Plan de Prevención do Suicidio en Galicia.




Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2016

xoves, 21 de abril de 2016

Proposta da creacion dun portal para os contratos de substitución

EXPOÑEMOS

A información á que se pode acceder das listaxes de contratación é inservible tanto pola falla de claridade como pola falla de actualización. Nela mantense a orde que se obtivo na puntuación da OPE, pero os contratos están mesturados coa xente que non está contratada, as persoas que están activas na listaxe coas que pediron a suspensión dos chamamentos, non está actualizada e non se pode facer ningún tipo de consulta de datos anteriores. É dicir, non serve para nada.

SOLICITAMOS

Que se poña en marcha un portal onde se poida consultar o estado das contratacións e postos de listaxe de cada persoa por categorías semellante ás que se empregan noutros entes da administración pública (educación, sanidade). Dita consulta poder ser pública e totalmente aberta ou mediante unha clave facilitada aos/ás integrantes de cada lista.

Este tipo de ferramenta debería permitir consultar o estado de contratación do aspirante (activo, suspenso...), orde de chamamento, tipo de contrato (IT, licenza retribuída ou non retribuída, etc.), data de inicio e fin prevista (se a hai) do contrato, as modificacións que se van facendo en cada categoría de todas as persoas que están en cada listaxe, así como as vacantes libres e adxudicadas, ademais de poder consultar os datos de xeito nominal.

Os membros da Comisión de Listaxes deberán ter acceso de lectura como administrador do portal a unha información máis ampla de todas as incidencias de cada listaxe na que consten os contratos ofertados aceptados e rexeitados, data e motivos de renuncia ou suspensión de chamamentos, etc.

As listaxes poderán e deberán estar actualizadas en tempo real e sería óptimo que se puidese establecer un servizo de notificación vía correo electrónico ou mensaxe das novidades que se produzan e mesmo as posibles adxudicacións de contrato.

Ao mesmo tempo este portal podería servir para modificar o estado de cada aspirante na listaxe, de xeito que dende o seu usuario poida activar ou desactivar o seu estado na listaxe -temporal ou definitivamente- e aceptar ou rexeitar o chamamento, modificar as súas preferencias, etc.

Sería idóneo que a consulta permitise ao usuario/a elixir mediante pestanas ou filtros ver todos os aspirantes da listaxe (con e sen contrato en vigor), eliminar da súa vista de listaxe ás persoas con contrato indefinido ou obra ou só ver as persoas pendentes de chamamento, se así o decide o usuario.

Ante a dúbida que se pode presentar pola Lei de Protección de Datos (LPD), hai que dicir que, por exemplo en educación, calquera cidadán pode acceder aos datos do persoal que traballa como substituto e ver o historial de contratos. A seguinte é unha busca aleatoria de mostra na que se pode ver o resumo histórico que ten o primeiro substituto de ensino en secundaria na especialidade de debuxo.




É de supoñer que a LPD non é un atranco se noutros eidos da administración non hai problema para facer públicas as listaxes, a non ser que se invoque a privacidade dos datos para ocultar manobras que pouco teñen que ver coa transparencia tan anunciada no noso portal corporativo. Tamén é de supoñer que outros órganos públicos non están incumprindo as leis polo que non vemos impedimento á publicación actualizada e útil das listaxes de contratación.

Se a dificultade técnica é insuperable á hora de xestionar os usuarios e as claves, propoñemos que a consulta sexa aberta, pública, para todo o que queira consultala e en calquera categoría, pero sen posibilidade de modificación ou interacción coas persoas integrantes das listaxes. Iso si, puidendo ter acceso aos datos expostos anteriormente (estado de contratación, orde de chamamento, tipo de contrato, data de inicio e remate prevista do contrato e as modificacións que se van facendo en cada categoría de todas as persoas que están en cada listaxe), así como as vacantes libres e adxudicadas e o historial de contratación de cada substituto/a.

Vese a necesidade de poñer unha data para a posta en marcha deste portal, polo que propoñemos que sexa como moi tarde o 30 de xuño de 2016, cando se cumprirían 4 anos da entrada en vigor das listaxes, catro anos que levamos con información insuficiente e con semanas se non meses de atraso.



mércores, 13 de abril de 2016

O DIRECTOR XERAL NON RECIBE AO COMITÉ INTERCENTROS



Pedimos explicacións dos criterios das vacacións, libranzas e asuntos propios

O director xeral, Sanchez Izquierdo, remitiu unha nota ao Comité Intercentros na que delega a explicación do nomeamento da nova xefa de servizo de Responsabilidade Social e Asesoramento Lingüístico, ao director de recursos humanos. Un xesto que amosa o desprezo que ten o director, que vai camiño de converterse que máis tempo bote no cargo, polos representantes dos traballadores.

Un asunto máis ao que terá que atender Jorge Varela e dos que o comité está esperando unha resposta, algúns dende nai máis dun mes, e dos que tampouco informa e xa van máis dunha ducia as comunicacións que ten pendentes.

A todo isto terá que engadirlle as explicacións por parte da empresa dos criterios obxectivos que se van empregar na concesións de vacacións, libranza e festivos, xa que cada xefe de servizo está a aplicar os criterios que lle peta e como medida preventiva aos conflitos que se presentan ao ter que desfrutar os días de vacacións e asuntos propios do 2015. Será nunha xuntanza que se solicitou con Recursos Humanos e esperemos que o señor Varela atenda en tempo e forma.


xoves, 3 de marzo de 2016

RECURSOS HUMANOS SEGUE REXEITANDO PROPOSTAS E SEN FACILITAR INFORMACIÓN AO COMITÉ

Non permite a ampliación de horarios da cafetería 
Rexeita a posta en marcha dunha WIFI aberta
Descoñece o emprego de material da CRTVG por particulares 

EQUIPOS DA RADIO EN DOMICILIOS PARTICULARES 
Dende o Comité pedíuselle explicacións ao director de Recursos Humanos sobre a presenza de equipos da CRTVG en domicilios particulares para que certos colaboradores traballen dende a súa casa. Esta decisión tomouse pola dirección argumentando que ían gastar menos, pero dende a sección sindical entendemos que esa instalación de equipamento permanente de medios públicos para uso privado é cando menos irregular. RRHH recoñeceu a existencia de cesión de equipamentos pero só en casos puntuais aducindo descoñecer outras situacións.  A parte social pediulle unha relación dos colaboradores que teñen equipos na súas casas, data de instalación e persoal da empresa que fixo eses traballos. 

OS HORARIOS DE CAFETERÍA NON SE AMPLÍAN 
A parte social pediu que se lle permitira a empresa que xestiona o servizo de cafetería que amplíe os horarios. Dende CRTVG din que non se pode permitir que de xeito unilateral a concesionaria modifique as condicións do contrato. Tamén informou da demanda que presentou a anterior concesionaria de 422 MIL EUROS por considerar que a CRTVG é responsable da inviabilidade económica da empresa ao non manter as condicións que se lle ofertaran na contratación que a levou a rematar con perdas. 

AS VACACIÓNS VAN DE XUÑO A SETEMBRO 
RRHH negou que deran ordes para que as vacacións só se pidan nos meses de xullo e agosto como lle manifestaron algúns xefes de servizo a traballadores. Dende o departamento de persoal aseguran que o período para pedir vacacións é o establecido no convenio: de xuño a setembro, tamén podendo pedilo noutras datas, sempre que se chegue a un acordo coa empresa menos no Nadal, mes no que se xuntan moitas peticións de asuntos propios e libranzas. A empresa asegura que se vai facer un maior esforzo de planificación e económico a hora de cubrir as vacacións do persoal para que os servizos non queden desatendidos, nin haxa sobrecarga de traballo. Veremos se é verdade. 

SEN WIFI ABERTA 
A parte social pediulle a empresa ter unha rede wifi aberta para todo o persoal, unha petición rexeitada alegando problemas de seguridade, o custe e alegando a prohibición de usar equipos propios no centro. Dende Comisións non entendemos que na era da dixitalización, e cando todos os edificios públicos teñen redes abertas se prive aos traballadores/as dunha ferramenta de traballo e teñamos que estar a empregar os datos dos nosos dispositivos particulares para consultar información indispensable para o noso traballo. Dende a parte social pediuse un informe por escrito que ampare esta decisión. 

ABUSO DE BOLSEIROS/AS 
O Comité de San Marcos informou a empresa da situación de abuso que sofren algúns bolseiros/as por parte de xefes de servizo aos que se lles sobrecarga de traballo e están a traballar sen supervisión de persoal da empresa. Unha situación que xa foi posta en coñecemento da Comisión de Formación e que persiste. RRHH comprometeuse a erradicar os ese comportamentos que considera puntuais. 







Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2016

Como sabes a vindeira semana celébrase o 8 de Marzo," Día Internacional da Muller" . A Secretaría da Muller da Federación de Servizos á Cidadanía vai a realizar unha xornada en Santiago da que che envío adxunto o programa, mais o manifesto de este ano. ACHÉGATE O TEU SINDICATO COMARCAL SE DESEXAS ANóTARTE Á XORNADA. TAMÉN PODERÁS RECOLLER ALÍ O TEU PRESENTE DE ESTE ANO.




Estimada compañeira:
A crise económica e social que se lle impuxo á sociedade española ten como especiais
destinatarias as mulleres. Nos padecemos os maiores rigores da hecatombe que afundiu a
economía e arruinou a vida de millóns de persoas, estragando os nosos proxectos vitais e
afastándonos da sociedade democrática.
Aos asañamentos da crise coas mulleres, parte máis debilitada da cadea produtiva e
desfavorecidas pola distribución do traballo, sumouse a virulencia coa que o Partido
Popular impuxo as súas doutrinas conservadoras en temas como a identidade de xénero,
os dereitos das mulleres ou atacando as políticas que, con certo criterio, permitiron
avanzar nestes anos de democracia política e social.
Hoxe, cando se produce un leve rebote da economía, con melloras de curto alcance, é
imprescindible que as mulleres se incorporen aos beneficios que disto puidesen obter,
facéndose presentes na reconstrución da sociedade democrática desde a perspectiva de
xénero e con decisión, pois cómpre que este tempo, que é novo e aberto aos xogos e as
dialécticas políticas, conten coas mulleres como protagonistas do que se está construíndo
de presente e futuro.
Os dereitos sociais, identitarios e de xénero, os dereitos democráticos, pasan
ineludiblemente por recompoñer a situación económica e laboral, atendendo ás
necesidades de millóns de persoas sen ingresos, en risco grave de exclusión social.
O emprego, elemento determinante
Os contratos temporais alcanzaron en Galicia o 92,61 % do total, mentres que os
indefinidos,a tempo completo, apenas supuxeron o 4,62 %.O incesante aumento de
persoas desempregadas, das que 125.517 son mulleres, o que constitúe o 53,8 % do paro
rexistrado. A taxa de actividade das mulleres é do 48,7 % e a taxa de emprego do 39,0 %,
o que representa unha brecha aproximada en relación cos homes de 10 e 9 puntos,
respectivamente. A diferenza entre os salarios medios anuais de mulleres e homes,
segundo a última Enquisa de estrutura salarial, foi de 5.264,34 euros: o salario medio
feminino foi o 76,6 % do masculino.
Os últimos sete anos foron difíciles para toda a poboación en xeral e para as mulleres en
particular. A crise económica púxose como escusa para levar a cabo políticas moi austeras
e reducir o incompleto estado de benestar español. A redución de servizos, de prestacións
e, obviamente, de empregos públicos maioritariamente femininos foi constante. Así, a
taxa de paro feminino seguiu sendo superior á masculina, cunha taxa de actividade
menor pois, aínda que se perden emprego públicos, uns minguan máis ca outros. Os
empregos socialmente vitais en sanidade, educación, asistencia social, orientación,
coidados ás persoas dependentes, atención cidadá e de administración, postos mormente
femininos, van a menos, mentres que os relativos ao control e a seguridade, onde
predominan os homes, mantéñense.
Mulleres protagonistas dun tempo novo
Esta situación é lamentable. Porén, o positivo, e por iso falamos do tempo das mulleres, é
que para dar solucións aos problemas hai que velos e, ata o de agora, os diagnosticos que
se facían erraban porque non recollían a posición das mulleres. Agora esta situación tense
en conta e por iso se adoptan determinadas medidas para tentar erradicar a brecha
laboral de xénero, así como a brecha salarial. Estes temas, xunto co acoso sexual e por
razón de sexo, non só foron elementos centrais nos programas das eleccións sindicais,
senón tamén nalgunhas das campañas dos partidos políticos de esquerdas nas últimas
eleccións xerais.
A atención sindical específica de FSC-CCOO ás cuestións de xénero e o seu compromiso
para erradicar a discriminación laboral das mulleres tamén contribuíu a conseguir que
Comisións Obreiras sexa a primeira organización nas eleccións sindicais.
O traballo cotián obsérvase na maior participación das mulleres na organización e no
aumento do número de delegadas sindicais. Nunha federación con sectores
tradicionalmente masculinos, como por exemplo o do transporte, aumentou catro puntos
a porcentaxe de delegadas obtido nas eleccións sindicais. Se en 2011 a proporción de
delegadas no ámbito de FSC-CCOO era do 31,25 %, na actualidade é do 33,35 %. E a
pesar da mellora, a incorporación de mulleres mantense como un reto ao que esta
Federación segue facendo fronte, pois a súa presenza é vital para cambiar a sociedade e
recuperar os dereitos que as políticas conservadoras destruíron.
Exemplos de loitas das mulleres que alcanzaron o éxito foron a redución da proposta de
cambio de lei do aborto de Gallardón, que mantivo os prazos; ou a visualización que
supuxo a manifestación do 7N do rexeitamento social contra o maltrato ás mulleres.
É tempo de recuperar e reconstruír dereitos
Neste tempo de recortes de dereitos e liberdades, en que trescentos sindicalistas están
axuizados por defenderen os dereitos laborais, cómpre manter unha resposta sostida no
tempo contra as leis represivas. As respostas están sendo moitas e variadas; algunhas son
as tradicionais, pero existen expresións novas e practicamente a maioría delas están
encabezadas por xente nova e mulleres, o que osixena a sociedade e a renova.
É o tempo de reivindicar e reconstruír todo aquilo que «a crise» lles arrebatou ás
mulleres, o momento de loitar por recuperar postos de traballo seguros e con garantías, o
momento de reclamar medidas que
permitan ás nosas parellas compartir o coidado da nosa familia e de esixir a recuperación
duns servizos públicos que garantan o coidado das persoas maiores, da infancia e das
persoas dependentes. E é o momento de dicir BASTA XA DE ASASINATOS e de
reclamar as medidas necesarias para a erradicación da violencia contra as mulleres… É O
TEMPO DAS MULLERES!
FSC-CCOO reafírmase no seu compromiso activo coas loitas das mulleres, co proxecto
dunha sociedade igualitaria e, en especial, con cantas manifestacións, actos e
intervencións se produzan para garantir a presenza de mulleres na acción sindical e a
loita política, con identidade, autonomía e visibilidade. Por iso chamamos á participación
de traballadoras e traballadores nos actos e manifestacións que se celebran en cada
Unión, para facer do 8 de Marzo outro día de loita na emancipación das mulleres, no
camiño cara ao recoñecemento de dereitos e identidade.
Ramiro Otero Rodríguez. Nuria Rodríguez Lema
Secretario Xeral FSC-G -CCOO Galicia. Secretaria da Muller FSC-G-CCOO

xoves, 17 de decembro de 2015

O INTERCENTROS ACORDA PEDIR UNHA XUNTANZA COA EMPRESA PARA QUE EXPLIQUE COMO SE PAGA A COMPRA DE ANTIGÜIDADE


Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros acordouse pedir unha reunión coa empresa para que cambie o criterio que ten a hora de pagar as nóminas. Ata o de agora a nóminas pagábanse en base a 30 días e agora a empresa mudou o criterio de xeito unilateral e está a pagar dependendo dos días que ten o mes. Ademais detectáronse diferenzas no pago da compra de antigüidade aos traballadores que non teñen o máximo. Na mesma xuntanza vaiselle pedir a empresa que explique cal é o sistema que emprega para calcular o pago do complemento de capacitación e permanencia laboral consolidado.





Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2015

xoves, 10 de decembro de 2015

ACORDADO O REXEITAMENTO DA LEI DE ACOMPAÑAMENTO QUE MANTÉN AO DIRECTOR XERAL


Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros acordouse face un comunicado público de rexeitamento a aprobación do día 22 por disposición na Lei de Acompañamento dos Orzamentos na que mantén o Director Xeral da RTVG se non hai acordo no Parlamento o que na práctica supón unha continuidade no cargo do actual director afín ao goberno do PP. Tamén se están a valorar medidas de desaprobación para levar adiante nas vindeiras semanas.

Tamén se tratou as irregularidades nas nóminas que a instancias da CUT se están a producir, como diferencias na chamada “compra de antigüidade” e o prorrateo da terceira paga. Quedou pendente da valoración das asesorías xurídicas.

As seccións sindicais están a estudar a supresión por parte da empresa das axudas para estudos aos fillos dos traballadores falecidos, un seguro que está vinculado aos recortes da Xunta en materia de gasto social.




Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2015

mércores, 9 de decembro de 2015

A MAIORÍA DO COMITÉ REXEITA A GRAVACIÓN DOS PLENOS PROPOSTA POR COMISIÓNS


Na xuntanza do día de hoxe do Comité de San Marcos a CIG, UXT e USO rexeitaron a proposta de CCOO de que se gravaran os plenos do Comité co fin de dar transparencia dos debates xerados nas xuntanzas. A CUT abstívose.

Nesta xuntanza a CIG trouxo unha proposta que finalmente retirou por falta de acordo na que se quería limitar os temas que se podían gravar e o tempo que tiñan que conservarse as gravacións.

Dende CCOO creemos que este era o último obxectivo que se perseguía dende un comezo polas seccións que votaron en contra; conseguir limitar o coñecemento que teñen os traballadores das posicións que se toman en cada asunto tratado.

A CUT despois de rexeitarse a proposta de gravación dos plenos rexeitou formar parte da Comisión Xestora que ven facendo as funcións da Presidencia e Secretaría ao non haber o consenso suficiente para designar os membros que tomen posesión dos cargos .

Despois votouse o regulamento do Comité que se aprobou por maioría votando a favor CIG, UXT e USO, en contra a CUT e a abstención de Comisións. Dende a sección sindical non o apoiamos porque entendemos que ao non incluírse no regulamento un artigo que obrigue a rexistrar por medios dixitais os plenos dita normativa queda incompleta. De tódolos xeitos non estamos en contra do resto dos artigos que se recollen, xa que traballamos de xeito activo nel co fin de ter un sistema de funcionamento organizado.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2015

mércores, 2 de decembro de 2015

DÍA DE ACORDOS NO COMITÉ INTERCENTROS

DÍA DE ACORDOS NO COMITÉ INTERCENTROS

  1. Pediráselle a empresa que corrixa os cálculos dos conceptos retributivos nas nóminas
  2. Primeiro paso para colaborar co Consello de Informativos de RTVE
  3. Rexeitamento do Mandato Marco
Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros acordouse pedir por escrito a corrección dos conceptos retributivos das nóminas a empresa. Dende Recursos Humanos están a calcular o pagamento mensual dependendo dos días que ten o mes e non en base a 30 días como viña sendo normal. Isto provoca, primeiro, unha discriminación cos compañeiros/as contratados que ven minguados o seus soldos en función do mes no que traballen, e segundo, malia que non se note tamén afecta ao persoal fixo. Por un lado hai unha diminución de entre 1 e 2 euros na nóminas mensuais e hai tamén diminución de entre 14 e 16 euros ao mes no complemento específico de convenio que se calculou co mesmo procedemento e que xa é fixo dende que se incorporou no novo Convenio Colectivo.

Deuse un primeiro paso para comezar a consecución dun Consello de Informativos na RTVG. Para iso o Comité vai solicitar un achegamento ao Consello de Informativos de RTVE cos traballadores da CRTVG para coñecer de primeira man como é o seu funcionamento e como é o impacto deste órgano no traballo diario.
A proposta de CCOO o Comité elaborou unha resposta conxunta de rexeitamento ante a aprobación en solitario por parte do PP no Parlamento de Galicia do Mandato Marco. Una lei que non garante a prestación dun servizo público de calidade, non establece medidas para asegurar a pluralidade e imparcialidade dos informativos, nin o unhas bases para a divulgación da lingua e a cultura galegas.




Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2015

Recurtes e devolucións nas nóminas do mes de decembro

COMPENSACIÓN POLA EXTRA DO 2012
Na nómina do mes de novembro inclúese unha parte da extra que nos furtaron en 2012. Con esta parte, e a que nos devolveron no mes de maio, completamos o 51% da paga, que era o que xa a xustiza obrigara a devolver, pois fora aplicada con efecto retroactivo (a norma saíu un 7 de xullo). O resto aínda queda pendente de devolución ao longo do 2016.
EXTRA DE NADAL
En canto á extra de decembro, como todos os anos, Feijoo decidiu recortar o salario dos empregados públicos, unha vez máis desde o 2013, entre un 4% e un 7% dependendo do salario percibido.
Con este recorte, o ano pasado, a empresa decidira, ante a nosa negativa para negociar nada que tivese que ver con recortes, aplicar o mesmo, integramente, na paga extraordinaria de decembro, pero este ano, ao ser prorrateada a terceira paga, e para que non supuxese unha mingua considerable en datas de incremento de gasto, decidiron subtraer unha parte na extra de xuño e a outra na de decembro, por iso é polo que non a imos a cobrar íntegra como xa pasou na de xuño.
Cobraremos entre o 18 e o 20 a nómina de decembro e a metade da extra aproximadamente.

martes, 1 de decembro de 2015

RECUPERAMOS ASUNTOS PROPIOS E VACACIÓNS POR ANTIGÜIDADE


Nunha xuntanza de hoxe da empresa coas seccións sindicais informou que vai aplicar a devolución de asuntos propios e vacacións por antigüidade que recurtaron coa crise. Hai dúas excepcións: o desfrute amplíase ata o 31 de maio de 2016 e como norma xeral farase a partir do 7 de xaneiro, unha vez pasadas as datas de Nadal.

A proposta da empresa de pedir flexibilidade nos prazos de desfrute aceptouse unanimemente pola parte social.

Externalización
Na xuntanza do Comité de San Marcos de hoxe abordouse a externalización de varios programas dos servizos informativos. As distintas seccións consultarán aos gabinetes xurídicos para ver a vía para frear a sangría de persoal que supón a contratación, sobre todo, dos programas da tarde.

CCOO pide o TX 3 en directo
Tamén se acordou instar a empresa a que dote aos distintos informativos do persoal necesario. En concreto a presenza de rexedor e do decorador no TX3 e rexedor no América, e a proposta de CCOO pedir que o “peche” se faga en directo.

Dentro doutro orden de cousas tamén se celebrou unha xuntanza extraordinaria do Comité de San Marcos para aprobar o regulamento interno. Unha aprobación que quedou adiada despois de que CIG e UXT pedira que se retirara, do documento xa pactado, as gravacións das xuntanzas polos problemas xurídicos de vulneración de dereitos que poden ter, pero que se fagan sen regulación.

CCOO entende que esta é unha estratexia para dilatar e non aprobar unha proposta que vai en contra da transparencia do funcionamento do Comité e amosa, unha vez máis, o emprego desleal do funcionamento da Comité que teñen algúns sindicatos.

Comisións defende que é imprescindible un regulamento para evitar problemas na xestión de ditas gravacións.

USO sempre se negou a que se graven e que os traballadores/as poidan ter acceso aos plenos alegando problemas de vulneración de dereitos a terceiros (lei de protección de datos, etc...), que en opinión de CCOO non existen.

Finalmente a xuntanza rematou sen acordo e aprazouse para o mércores que ven.







Santiago de Compostela, 1 dedecembro 2015

mércores, 25 de novembro de 2015

CCOO irá ao conflito colectivo se a CRTVG no aplica o Real Decreto Lei 10/2015



Quedou en nada a xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros na que se ía tratar a aplicación da transposición do Real Decreto Lei 10/2015 de permisos por asuntos particulares e vacacións por antigüidade.
A empresa pediu un informe a Función Pública para ver cal é a posición na que está a CRTVG, polo que dixo non estaba en disposición de dar unha postura, asegurando que é custión de días. Uns días que comezaron a contar o 17 de outubro que se sentou por primeira vez cos sindicatos a falar deste asunto.

En opinión de CCOO esta é unha manobra máis para ir adiando a aplicación directa do dereitos de tódalas traballadoras/es, que vai camiño de acabar pola vía do conflito colectivo se non se resolve antes de que acabe novembro.

Equipo de eleccións
Comisións tamén lle preguntou a RRHH, cales son os criterios que se sigue na escolma dos equipos de eleccións, solicitoulle un informe no que se recolla unha relación dos participantes dos últimos anos e se preguntou como van substituír a estas persoas. Non é de recibo que ano tras ano vexamos sacando proveito practicamente as mesmas persoas e que ao mesmo tempo non se bote man das listaxes de contratación e que os ocos destes traballadores acaben cubríndose con horas extraordinarias que se lle ofrecen a uns poucos.

Externalizando retransmisións
CCOO tamén pediu información sobre a contratación de Tele Salnés para as retransmisións de partidos de Terceira División. Ao parecer encargarase delas despois de que a produtora Setemedia rematase o contrato. Desta nova actividade non se informou nada, o que ven a ser outra manobra opaca máis as que xa nos ten afeitos a Dirección da CRTVG, e Comisións non a vai deixar pasar sen que se clarexe.

Boicot aos sindicatos
CCOO advertiu a Dirección de RRHH que porá unha denuncia na Inspección de Traballo por obstaculizar o labor sindical se segue sen recibir os partes de incidencias que levan un atraso de catro meses, despois de pedilos case semanalmente.


Dentro de outro orde de cousas outros sindicatos pedíronlle a RRHH que diga cal é a súa posición de cara a poder xuntar os días de libranzas que se teñan pegados as vacacións, un criterio que se viña aplicando ultimamente.
Tamén se lle pediu a empresa que clarexe en que capítulo vai ingresar os cartos que a produtora El Progreso ten que pagarlle por cederlle traballadores ilegalmente a CRTVG e beneficiarse de cartos públicos.


martes, 17 de novembro de 2015

A EMPRESA SEGUE RETRASANDO A RECUPERACIÓN DE DEREITOS


Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros co director de Recursos Humanos veu a retrasar a aplicación da transposición do Real Decreto Lei 10/2015 de permisos por asuntos particulares e vacacións por antigüidade. A empresa veu a pedir unha posición aos sindicatos mentres que dende RRHH non houbo unha proposta concreta, e esta xa é a segunda xuntanza para tratar este tema. Dende Recursos Humanos queren negociar e chegar a un acordo nos asuntos particulares pero non en vacións por antigüidade pero non explican en qué consiste ese acordo. Dende CCOO entendemos que o decreto é de aplicación inmediata aos traballadores e traballadoras de toda a Compañía sen excepción e que non é negociable en ningún punto.

A Empresa propón solicitar unha mediación para a constitución do Comité de Seguridade e Saúde Laboral

Despois dos desencontros na creación da comisión RRHH propuxo unha mediación do Consello de Relacións Laborais para desbloquear a falla deste Comité. Unha mediación que CCOO acepta, pero que ten a oposición doutros sindicatos, que insiten en acudir ao xulgado para solucionar cal debe ser a composición de dito Comité. En opinión de Comisións a postura da parte social ten que ser unánime á hora de aceptar a mediación porque perdería a súa efectividade, non serviría para ninguén se hai unha parte que se nega a asumir a decisión da mediación.


Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2015

xoves, 29 de outubro de 2015

ACORDO COA EMPRESA NA COMPENSACIÓN DE FESTIVOS


A sección sindical pide unha xuntanza da Área Pública
Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros acordouse coa empresa que os festivos traballados polos traballadores/as dende o 1 de setembro ata o 31 de decembro serán desfrutados do seguinte xeito por todos independentemente dos días que xa traballaran:

  • Os dous primeiros festivos teráse a opción de cobralos íntegramente ou cobrar un día e librar outro.

  • Os seguintes póndese cobrar integramente, cobrar un día e librar outro ou pedir dous días libres de compensación.

Pola parte social pedíuse a empresa que se pronunciara sobre a devolución de días de asuntos propios, asuntos propios por antigüidade e días de vacacións por antigüidade. Dende CCOO entendemos que a de aplicación da devolución é de recibo cando por lei se nos recurtaron. En virtude do acordo firmado por Xunta e sindicatos de trasposición do Real Decreto 10/2015 a empresa debe restituir eses días aos traballadores/as, uns días que dende RRHH só lles recoñecen aos integrantes da Compañía e non a TVG. Comisiós entende que para evitar discriminar a traballadores/as que están baixo un mesmo convenio colectivo debe ser de aplicación xeral a todos. A dirección de RRHH dixo que ía a estudar os tres casos por entedenlos distintos.

PETICIÓN DE CONVOCATORIA DA MESA XERAL DA FUNCIÓN PÚBLICA
A sección sindical de CCOO se dirixiu aso sindicato para que inste a convocatoria da Mesa da Xeral da Función Pública para que se inclua no acordo explícitamente a socidade mercantil Televisión de Galicia.


Tamén se abordou a xa vello tema do proceso de dixitalización do que a empresa quedou de ofrecer información no marco da xuntaza de clasificación profesional que se celebrará a máis tardar en dúas semanas.  

martes, 27 de outubro de 2015

FESTIVOS PENDENTES, RECUPERACIÓN DE DEREITOS E DIXITALIZACIÓN TEMAS URXENTES A DEBATER COA EMPRESA


Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros acordouse pedir unha reunión urxente coa empresa para que aclare cal será o criterio a aplicar para a compensación de festivos, xa que ata o momento non se pronunciou, aínda que xa houbo indicacións diferentes a algúns traballadores de como llos ían a compensar. Tamén se lle pide que comunique a decisión en canto a devolver os días de vacacións por antigüidade recurtados por decreto. Así mesmo se lle pedirá o proxecto de dixitalización que xa está recollido nos orzamentos previstos para o 2017.

Lactación e asuntos propios a paritaria.
Ante a solicitude de información por parte de varias traballadoras dos dereitos do permiso de lactación acordouse pedir unha convocatoria da Comisión Paritaria para aclarar como se desfrutan as hora de lactación acumuladas que se piden con cargo ao crédito horario, xa que hai sospeitas de que a empresa está a facer unha interpretación restritiva deste dereito. Tamén a recuperación dos días de asuntos propios ten que ver coa interprestación da aplicación do convenio que se debaterá nesa xuntanza.

Sen Comité de Seguridade e Saúde Laboral
Despois dos desencontros na creación da comisión debateuse sobre a composición de dito órgano. A postura de CCOO é clara: 8 membros, 4 de San Marcos e 4 das delegacións. USO, CIG e UXT entende que debe ser proporcional aos votos resultantes das elección sindicais, polo que UXT gañaría un representante que non ten e a CIG pasaría a ter dous. A CUT mantén unha postura igual a Comisións, que entende que é a interpretación que dende a nosa sección sindical lle parece correcta. CCOO mantén esta postura sen prexuízo de que se poida chegar a un acordo maioritario. Dende Comisión lamentamos a falla de acordo na creación deste comi que é fundamental para tratar aspectos fundamentais do traballo diario.

Director Xeral perenne

Outro dos puntos acordados foi o rexeitamento da modificación da Lei de Medios 9/20011 por disposición na Lei de Acompañamento dos Orzamentos na que mantén o Director Xeral da RTVG se non hai acordo no Parlamento o que na práctica supón unha pervivencia no cargo do actual director afín ao goberno do PP. Ante esta situación vaise a facer un comunicado oficial e estúdase a data para a convocatoria dunha mobilización. 

xoves, 22 de outubro de 2015

A EMPRESA NON QUERE DEVOLVER OS DÍAS DE ASUNTOS PROPIO E DE VACACIÓNS POR ANTIGÜEDADE



Na xuntanza do Comité de San Marcos a dirección de Recursos Humanos en canto a aplicación do acordo ao que chegaron os sindicatos coa Xunta para a recuperación dos días por asuntos propios e de vacacións por antigüedade a empresa di que non é de aplicación a RTVG. Neste caso CCOO pensa que se debe cumprir inmediatamente como se fixeron por decreto os recurtes que nos aplicaron no pasado.
No tocante aos criterios que RRHH vai aplicar cos festivos despois da entrada en vigor o novo Convenio a empresa dí que aínda non ten tomada unha decisión.
Da parte proporcional da paga extra do 2012 está previsto devolvela na nómina que ven ou na de novembro.

En canto a petición de Comisións de que os programas de producción propia da TVG incorporen os títulos de crédito, RRHH afirmou que é unha decisión da Dirección por enternder que é unha tendencia no resto das televisións xeneralistas, argumento que CCOO non comparte en absoluto.

Tamén se lle notificou a RRHH a situación de numerosos traballadores/as que están a facer horas extras encubertas sustituíndo a outros/as compañeiros afectando as contratacións e aos listaxes. A empresa comprometeuse a estudar os casos.

En canto a situación dos colaboradores de deportes na Radio Galega a empresa asegura que é completamente normal, extremo que CCOO non comparte por entender que están a traballar nunha situación de cesión ilegal, xa que é un traballo contínuo e empregan medios da RG.

Entre outros temas RRHH asegurou que aos traballadores/as con contratos en prácticas lles pagaron de máis e que aplicarán unha devolución do 30% no tramo do pagamento que non é salario base, sen perxuízo de que se poida negociar en cada caso concreto.




Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2015

xoves, 15 de outubro de 2015

APRAZADA A PROPOSTA DE COMISIÓNS DE GRABAR AS XUNTANZAS DO COMITÉ DE SAN MARCOS

O pleno do Comité acordou aprazar a proposta de CCOO de gravar as xuntanzas do comité co fin de que calquera traballador as poida consultar e que deste xeito a transparencia sexa máxima. A petición de varios membros nunha próxima xuntanza Comisións proporá un regulamento que estableza un protocolo para gravar e custodiar as copias de cada xuntanza. Dende Comisións entendemos que esto non é máis que aprazar unha decisión a falla tomar unha postura clara a prol ou en contra desta proposta que xera moitas incomodidades no seo do Comité.

Tamén se acordou pedir unha reunión urxente con Recursos Humanos para tratar varios temas, entre eles os propostos por CCOO como son a inclusión de títulos de crédito nos programas de producción propia, tamén os informativos, xa que ata o de agora os únicos que reflicten os membros da dirección e compoñentes de equipo son os de producción externa ademáis de tratar as irregularidades cometidas nas nóminas dos traballadores/as con contratos en prácticas aos que a empresa lles reclama varios miles de euros despois de estarlles pagando de máis durante todo o ano ao non lles aplicar as reduccións nos salarios que lles correspondían.

Nesa xuntanza tamén se tratará o incremento de horas extras para cubrir vacantes o que limita a contratación de persoal que está nas listaxes de substitución e que a empresa lle aporte ao Comité información requerida hai meses a Dirección da RTVG sobre a situación dos colaboradores da Radio que se viron obrigados a facer os seus programas de xeito externo, a situación dos locutores de deportes que empregan medios da Radio pública e a función que están asumindo algún locutores como editores de informativos en TVG.


Asimesmo acordouse a creación dunha comisión para o seguemento da producción propia co fin de obter información sobre a portentaxe de contidos que se fan na RTVG e a consulta aos servizos xurídicos por parte das diferentes seccións sindicais do incumprimento de Lei de Medios pola cesión de parte de programas informativos a empresas alleas, en concreto o programa Boas Tardes, O que pasa aquí e tamén cesión do servizo de directos.

mércores, 30 de setembro de 2015

AS NÓMINAS E A APLICACIÓN DO NOVO CONVENIO



Na reunión mantida hoxe coa empresa, informounos sobre os seguintes puntos:


1.- Con respecto á aplicación do Convenio Colectivo no apartado retributivo dixo que, na nómina de setembro cobrariamos os atrasos correspondentes ao complemento de convenio (terceira paga prorrateada) e a compra da antigüidade (para quen non a tiña topeada), ata o 31 de agosto de 2015, así como a parte correspondente a setembro. A partires de outubro xa se cobrarían os conceptos estipulados no novo convenio colectivo.



2.- Con respecto á publicación do Convenio Colectivo en papel, a empresa informa que van tirar algúns exemplares para RR.HH. e os sindicatos, e que se facilitarán a quen non teña un acceso cómodo á Intranet da empresa, pero non para o conxunto dos traballadores e traballadoras. A parte social insistiu en que había que repartir exemplares a todos e todas.

3.- Con respecto aos asuntos propios, a parte social solicitou que se aplicaran os 6 que xa figuran no EBEP e que si era necesario se tivese unha Paritaria para aplicalo.




San Marcos a 30 de setembro de 2015