Acordo
para sentarse a negociar a estrutura dos distintos centros de
traballo
Reunido o Comité Intercentros con RRHH abordouse o
cadro de persoal proposto pola empresa. Dende a dirección defenden
que é un cadro que ven dado polas sentencias de indefinidos en
distintos postos. Pola parte sindical rexeitouse de xeito unánime
ese cadro por entender que o que fan realmente é adxudicar as prazas
creadas por sentencias a postos e categorías que eles queren,
aumentando nunhas e eliminando outras, sen aclarar que criterio están
a seguir, polo que non acatan estritamente a legalidade. Dende a
parte social defendeuse que cada sentencia crea un posto concreto nun
centro de traballo concreto e ten que ser esa e só esa a praza que
se ten que cubrir e non outra que dende RRHH queiran crear. . Por
parte da empresa aseguran que están a elaborar un informe xurídico
que apoia esta proposta que será remitido a parte social nuns días.
Os representantes dos traballadores deixamos claro que o Consello de
Administración, que é quen ten que aprobar o cadro, non vai contar
coa complicidade do Comité Intercentros para xustificar esta manobra
que consideramos irregular.
Dentro do debate xerado dende a dirección de recursos
humanos comprometéronse a manter unha xuntanza a dez días vista
para abordar unha negociación na que se revisará as necesidades dos
distintos centros de traballo ao abeiro da adicional cuarta do
convenio colectivo que di : “....a empresa e o Comité Intercentros
ou a representación sindical negociarán unha proposta de
actualización do cadro de persoal, e tamén negociarán a dimensión
do cadro de persoal dos distintos centros de traballo detectando as
vacantes existentes para proceder, de ser o caso, á súa cobertura
polos procedementos adecuados, dentro do marco legal existente e cos
prazos que se acorden”. Nesa negociación terase en conta as
vacantes que se van xerar por xubilación ata o 2022, ademais dos
postos que están en suspensión e sen cubrir, así como os contratos
por obra e os contratos artísticos que están en activo