martes, 21 de febreiro de 2012

Máis de 140.000 persoas manifestáronse xunto a UGT e CCOO contra a reforma laboral

19-2-2012.- Máis de 140.000 persoas manifestáronse hoxe en toda Galicia contra a reforma laboral imposta polo Goberno do Partido Popular. As manifestacións máis numerosas foron as de Vigo (50.000), A Coruña (acto central, 35.000), Ferrol (25.000) e Santiago de Compostela (15.000), pero tamén houbo mobilizacións en Ourense (5.000), Pontevedra (5.000), Lugo (4.000), Vilagarcía de Arousa (2.000) e Burela (550). Os sindicatos convocantes, CCOO e UGT, sinalan que tras «resposta masiva» da cidadanía «o Executivo debe rectificar ou volveremos saír ás rúas».



Os secretarios xerais de UGT e CCOO, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, respectivamente, cualifican a reforma laboral como «a maior agresión do período democrático» aos dereitos da clase traballadora. Por este motivo, no caso de que o Goberno non corrixa o rumbo adoptado, anuncian que as mobilizacións serán «crecentes e sostidas».

Para Aguión e Gómez, a reforma laboral obedece unicamente aos intereses da patronal e ás presións dos sectores máis ultraliberais. Entre as principais críticas á reforma están o abaratamento do despedimento, que pasa a ser «practicamente gratis», a creación dun novo tipo de «contrato lixo» ou a «barra libre» no caso dos expedientes de regulación de emprego (ERE).

A reforma laboral tamén deixa gravemente danada a negociación colectiva, pois faculta a empresa para pasar por riba dos convenio só con aducir dous trimestres de diminución de ingresos ou vendas, ao tempo que dá preferencia aos convenios de empresa sobre os de sector.

Segundo os secretarios xerais de CCOO e UGT, esta reforma «obvia e despreza o activo máis importante que teñen as empresas, os traballadores e traballadoras. Desprovistos dos seus dereitos laborais básicos pasan practicamente a ser servos das empresas». En opinión de ambos os dirixentes, trátase dunha «aposta pola precarización que non vai solucionar o principal problema deste país, que é o paro». Todo o contrario, afirman que esta reforma provocará, como xa o fixo a que a precedeu, un aumento do número de despedimentos.

Finalmente, emprazan a cidadanía a se sumar o próximo día 29 a unha xornada de mobilización convocada para todo o continente pola Confederación Europea de Sindicatos (CES), da que tanto CCOO como UGT forman parte.

martes, 7 de febreiro de 2012

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA DE TVG, 07 de Febreiro de 2012

O Comité de Empresa de TVG, presidido por Raquel Lema, debido a que Alberto
segue de baixa, acordou o seguinte:

1.-En relación coa proposta da CIG sobre a cobertura informativa das primeiras horas
do rescate no Orzán na mañá do 27 de xaneiro, onde dun feito de gran relevancia acontecido contra as cinco da mañá non se difundiron imaxes ata pasadas as nove, o Comité acorda enviar nota ao Consello de Administración, Dirección Xeral Dirección de Informativos. O obxecto da mesma é que adopten as solucións necesarias para mellorar a organización dos Servizos Informativos e evitar situacións que, coma esta, deixan a TVG en evidencia fronte a outras canles de TV na cobertura de acontecementos nos que deberiamos ser o primeiros en informar e facelo cumprindo uns mínimos de calidade.

2.-O SXG e a UXT quedan en proporcionar a documentación de probas de que
redactores en prácticas (estudantes da facultade) seguen a ser asignados na Redacción de Informativos e en Programas para cubriren eles/as noticias para emitir. Coa singularidade que en Informativos tiran dos estudantes para elaborar novas políticas. Esa documentación servirá de sustento para presentar denuncia ante a Inspección de Traballo. E é que esta problema xa se tratou tempo atrás nunha reunión coa dirección de RRHH onde a Empresa deu a entender que ían rematar coa ilegalidade de tirar de redactores en prácticas como se fosen profesionais.

3.-En rogos e preguntas, CCOO informa da desprotección en que a Empresa ten aos
reporteiros gráficos (tamén condutores de coche de traballo) cando incorren nunha multa. Concretamente, a un compañeiro de informativos chegoulle unha sanción por non te-lo tique no coche que aparcou en zona ORA preto de onde estaba a cubrir unha información. O reporteiro gráfico non dispoñía de moedas e ía xusto de tempo para atende-la convocatoria informativa. Na Asesoría Legal dixéronlle que o recurso o tiña que facer el e que o problema estaba en produción de informativos por non adiantarlle moedas para o aparcamento. Ata agora era a Casa quen se encargaba de formular eses reclamacións relacionadas con multas en horas de traballo. En consecuencia, pedímoslle á presidencia do Comité que, sen demora, se dirixa aos responsables de RRHH e da Asesoría Legal para que sexa a Empresa quen formule e tramite os recursos a estas multas e non se descoide, para facelo dentro de prazo.

4.-A próxima xuntanza do Comité de TVG será o 21.02.2012.

CCOO - SERVIZOS Á CIDADANÍA Sección Sindical de CCOO na CRTVG

San Marcos, 7 de febreiro de 2012

xoves, 1 de decembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ INTEREMPRESAS. DÍA: 30 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ INTEREMPRESAS
DÍA: 30 de novembro de 2011


- Na problemática creada coas sentenzas das
delegacións, que conceden a categoría de operador de
posprodución, ao carecer o noso catalogo de categorías
laborais dunha categoría axeitada ao traballo que se
desenvolve nas delegacións, e ante os acordos puntuais
aos que está a chegar a empresa con determinados
traballadores e traballadoras para renunciar a esta
categoría se queren seguir nas delegacións, acordouse, a
proposta da CUT, propoñer á empresa o aboamento dun
complemento de responsabilidade que equipare o salario
ao conseguido nas sentenzas, condicionado á
voluntariedade dos interesados/as e ao acordo dunha nova
clasificación laboral que axuste todas as singularidades dos
postos de traballo da empresa, e sempre que se definan as
funcións que con este complemento terían que asumir as
persoas afectadas.

Ante a negativa de algúns a aceptar esta proposta,
procedeuse á votación da mesma co seguinte resultado:

A favor............9 (3 CUT, 3 CIG, 2 UXT, 1 CCOO)
Encontra.........2 (2 USO)
Abstencións.....1 (1 ARG)

- En relación á constitución da Plataforma en Defensa
dos Medios de Comunicación Públicos de Galicia, acordouse
crear unha comisión de traballo, formada por un membro
de cada sindicato con representación na CRTVG, TVG e
RTG, para a elaboración do calendario a seguir e os
procedementos a empregar. Acordase tamén fixar o día 19
de decembro para a primeira reunión desta comisión coas
propostas das distintas seccións sindicais.

- A proposta da CIG, acordase defender, na comisión
de xestión das listaxes de contratación, o estipulado no
convenio colectivo para os tribunais de selección dos
contratos en prácticas, propoñéndolle á empresa a
utilización do sorteo, entre traballadores e traballadoras
das categorías convocadas, para a selección dos membros
dos tribunais.

- Acordase solicitar á empresa as actas da comisión
paritaria pendentes, xa que non temos copias das mesmas
das reunións celebradas desde o día 21 de xullo de 2011.
En total faltarían actas de dezanove reunións.

- Acordase solicitar a relación de contratación
actualizada, xa que non temos copia desde finais de 2010,
aínda que o acordo da paritaria era de entregar unha
relación cada seis meses.

Sección Sindical de CCOO

San Marcos a 30 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA TVG. Data: 29 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA TVG
Data: 29 de novembro de 2011


Nesta reunión acordouse o seguinte:

1.-No debate sobre a inmediata finalización de contrato por acumulación
de tarefas a sete persoas acordouse levar o asunto á Comisión de
Contratación para ve-la posible solución para a continuidade laboral dos
afectados. A presidencia do Comité informa de que no arquivo non
figuran as actas de Comisión Paritaria celebradas en todo 2007 e en parte
de 2009 e 2010 e principios de 2011. O daquela presidente, Santiago
Alvite, dixo que ía revisar arquivos, por se acaso non estaban entregadas.
En todo caso, tamén se suxeriu que a Empresa podería proporcionar copia
das actas que faltan.

2.-Sobre a solicitude de que sexa rotatoria a quenda de fin de semana no
departamento de Grafismo, o Comité decidiu trasladar a incidencia á
Comisión Paritaria para darlle resposta.

3.-Ante a posibilidade de contratación para cubrir unha vacante no
departamento de Emisións, o Comité reitera que iso hai que facelo sempre
de acordo coa listaxe de contratación, empezando por ofrecerllo a persoa
con máis antigüidade. Este asunto vaise tratar máis pormenorizadamente
na Comisión correspondente.

4.-Pedirlle á Empresa que proporcione información completa sobre as
incidencias de nómina. Pois o apartado no que deberían constar o porqué
de atrasos, complementos,.. a Empresa está a deixalo en branco.

5.-Lembrar que ante a posible negativa xeral para a concesión de
permiso por AAPP “en ningún caso a Empresa poderá negar a concesión
destes días de forma sistemática” (art.44.1.7 CC). Se á primeira solicitude
responde con negativa, presentar unha segunda para data/s distinta/s e a
Empresa debe aceptala.

6.-Denunciar ante a Inspección de Traballo a teimudez da Dirección con
empregar redactores/as en prácticas saltando toda a normativa que regula o
desenvolvemento das “prácticas”.

7.-Convocar a próxima reunión para o martes, 20 de decembro de 2011.

SECCIÓN SINDICAL DE CCOO NA CRTVG.
San Marcos, 30.11.2

xoves, 24 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ INTEREMPRESAS do 17 de NOVEMBRO

REUNIÓN DO COMITÉ INTEREMPRESAS
DÍA: 17 de novembro de 2011


Na reunión de hoxe tratouse da problemática xerada coas funcións desenvolvidas por operadores montadores de vídeo nas delegacións da TVG. Como realizan funcións que non son propias da categoría laboral que posúen, as sentenzas estanlle a recoñecer a categoría superior, operador de posprodución, aínda que esta non se axusta a estas funcións que desenvolven a maiores, iluminación, son, etc., polo que a empresa está a chegar a acordos puntuais con algunha das persoas afectadas.

Na comisión paritaria de onte, a empresa propuxo acordar unha solución temporal para esta problemática mediante a asignación dun complemento de responsabilidade que equipare en salario a súa categoría co conxunto de funcións que desenvolven, ata que se acorden as novas definicións de categorías na negociación que se iniciará o vindeiro xoves 24 de novembro.

CCOO, na reunión do comité de hoxe, deixou clara a súa postura aberta a este acordo, sempre que se condicione á apertura da mesa negociadora que poña fin a indefinición actual das categorías. Este complemento debería abonarse a todos os traballadores e traballadoras que desempeñen estas funcións nas delegacións, e debe aplicarse na mesma porcentaxe.
O tema quedou pendente para o posicionamento das Seccións.


Outro tema tratado foi a sentenza que desestimaba a demanda de conflito colectivo, presentada no TSXG, sobre a suba do 2,1% resultante da aplicación da cláusula de revisión salarial para o 2010. A CIG comunicou que o seu avogado xa presentou no TSXG o anuncio de recurso ante o TS.

A terceira cuestión tratada nesta reunión foi a preparación dos tramites necesarios para a constitución da Plataforma en defensa dos Medios de Comunicación Públicos de Galicia. A CIG fixo varias propostas a valorar: unha mobilización a nivel nacional de todas as organizacións e movementos sociais que se queiran adherir, un manifesto formal con recollida de sinaturas, un debate coloquio con figuras de recoñecido prestixio e a organización de festivais. O tema quedou pendente da valoración das Seccións Sindicais para unha posta en común o día 30 de novembro.

Sección Sindical de CCOO
San Marcos a 17 de novembro de 2011
Bando San Marcos
Telef.: 981 540 807 ccoo@crtvg.es
http://ccoocrtvg.blogspot.com/

mércores, 9 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA DA TVG. 03 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA DA TVG
03 de novembro de 2011

Nesta xuntanza do Comité da TVG acordouse o seguinte:

.-Pedirlle á dirección de RRHH que comunique por escrito as
funcións que teñen que desenvolver redactores/as en cabina de
satélites. Darlle de prazo para que faga chegar ese escrito a máis
tardar o luns, (07.11.2011). Se non, ao día seguinte emprender
denuncia ante a autoridade laboral. En caso de que responda,
convocar unha reunión para avaliar o contido do comunicado. CCOO
deixou constancia de que denunciará a situación ante a Inspección
de Traballo en caso de que o Comité non o faga.

.-Tratar na Comisión Paritaria o feito de que hai produtores que
conducen e non reciben o complemento establecido no Convenio.

.-Volver solicitar a comparecencia dos xefes que respondan
sobre a organización do traballo de axudante de realización e
operador de vídeo ante as incidencias expostas por ambos
colectivos.

.-Pedir que a dirección de RRHH explique a compensación
económica para o persoal que vai cubrir a campaña electoral das
Xerais. Solicitouse por teléfono no transcurso do pleno e o director
de Relacións Laborais e o de RRHH acudiron sobre as 13h30.
Carlos Paz recoñeceu o erro de non informarnos como establece o
Convenio Colectivo e engadiu que as remuneracións van ser iguais
ás das eleccións pasadas. Tamén dixo que non sabía qué
operadores de vídeo participarán neste evento especial, que
implica cambios substanciais nas condicións de traballo. Faltaban
dez horas e media para o inicio da campaña. Quedou en remitirnos
a información.

.-Denunciar ante a autoridade laboral que RRHH utilizou a
vacante dun traballador de TVG que estaba en período de licenzas
retribuídas para contratar unha traballadora na RG.

.-Tratar na Comisión Paritaria os problemas existentes pola
non dispoñibilidade de coches para traballar en determinadas horas
da mañá.

.-Lembrar a traballadores/as a existencia dunha web para
asinar en apoio do mantemento presupostario da TV autonómica de
Asturias e dos seus traballadores. (http://rtpasi.tk/).

.-Convocar a próxima xuntanza para o martes, 15 de
novembro.

SECCIÓN SINDICAL DE CCOO NA CRTVG.
San Marcos, 3 de novembro de 2011

venres, 4 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA TVG. 30 de agosto de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA TVG

Data: 30 de agosto de 2011

O Comité de Empresa acordou nesta reunión:

1.-Invitar ao colectivo de Axudantes de realización a unha xuntanza para falar de
problemas que hai no desenvolvemento do seu traballo.

2.-Trasladar á próxima reunión da Paritaria a situación de reporteiros gráficos da
delegación de Lugo que cobran complemento de flexibilidade para estar dispoñibles
permanentemente, incluída garda nocturna.

3.-Tratar na próxima paritaria a negativa da empresa a pagarlles a dous operadoresmontadores de vídeo o traballo que efectuaron específicamente para as últimas eleccións. Tamén analizar posibles anomalías na interpretación de conceptos para o pagamento de horas extras, eventos especiais, …

4.-Solicitar de novo unha reunión coa directora xerente, en vista de que non tivemos
ningunha resposta á formulada o 21 de xuño pasado.

5.-Pedir á empresa que informe na próxima Paritaria sobre a apertura de expediente
sancionador a un traballador.

6.-Instar á empresa, tamén nesa Paritaria, a que proporcione á representación dos
traballadores as copias básicas correctas, pois hai casos con incongruencia nos datos.

7.-Pedir á dirección que habilite unha estancia axeitada para que invitados a participaren programas se poidan cambiar de roupa nun espazo apropiado para iso. Isto ante a realidade actual, na que participantes en A Solaina, so dispoñen do baños para esa cambiarse.

8.-Tamén quedou constancia de que a Empresa non lle facilitou á representación dos
traballadores e traballadoras ningunha información sobre os criterios para a
realización das probas da OEP que principan o seis de setembro nin sobre ningunha
outra cuestión relacionada con ese proceso.

9.-Convocar a próxima reunión do Comité para o martes, 20 de setembro.

San Marcos, 30 de agosto de 2011
CCOO SERVIZOS Á CIDADANÍA- SECCIÓN SINDICAL CCOO NA CRTVG