xoves, 9 de xuño de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ INTEREMPRESAS DÍA: 8 de xuño de 2011

No día de hoxe quedou constituído o Comité Interempresas da CRTVG, TVG e RTG, con trece membros distribuídos do seguinte xeito:

CUT - 4: Raquel Lema, Alberto Vázquez, David Paz e Carlos de Novoa.
CIG - 3: Xoan Docampo, Pío Cesar Romero e Santiago Alvite.
UXT - 2: Antonio Nieves e Raimundo Méndez.
USO - 2: Manuel Cereijo e Fernando Santos.
CCOO – 1: Carlos Juanatey.
Alternativa RG – 1: Begoña Vázquez.

A constitución estivo precedida por algunhas diferencias sobre a súa composición. Mentres que a USO entendía que había que facelo en función dos representantes electos en San Marcos (31) sen contar cos das delegacións (8), o que lle daba un delegado máis en detrimento da CUT, o resto de sindicatos víamos a conveniencia de facelo contando co conxunto de delegados electos (39). Acordouse finalmente constituílo conforme á opinión maioritaria, reservándose a USO o seu dereito a reclamar si así o considera convínte.

Por outra banda houbo diferencias entre a CIG e a UXT que empataban a número de delegados. Mentres a CIG entendía que había que desfacer o empate en beneficio do máis votado, a UXT valoraba a existencia de laudos nos que os empates desfacíanse por sorteo. Finalmente a UXT desistiu da súa proposta en aras de poder constituír hoxe o Comité, reservándose a valoración de posibles reclamacións.

A única proposta para asumir a presidencia e a secretaría foi a realizada pola CUT que quedou resolta da seguinte maneira:

Presidencia: Raquel Lema Astray
4 votos a favor (CUT) e 9 abstencións (CIG, UXT, USO, CCOO e Alternativa RG).

Secretaría: David Paz
4 votos a favor (CUT) e 9 abstencións (CIG, UXT, USO, CCOO e Alternativa RG).

Antes de rematar a reunión CCOO propuxo que na reunión do mércores da vindeira semana se comezasen a abordar os seguintes temas pendentes:

Redefinición de categorías (art. 12.2 do C.C.)
Plan de igualdade (art. 120 do C.C.)
Consello de redacción (Adic. 4ª)
Negociación das delegacións (Adic. 3ª)
Negociación da nova estructuralidade (art. 16.3 do C.C.)
Nomeamento dos membros das comisións: Formación, Seguridade e Saude Laboral, Xestión de listaxes de contratación, Traslados, Igualdade e Paritaria de interpretación e vixilancia do C.C.



San Marcos a 8 de xuño de 2011

mércores, 8 de xuño de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA TVG. DÍA: 7 de xuño de 2011-06-07

O pleno do Comité de Empresa acordou nesta sesión:

.-Retoma-la actividade para a posta en marcha do Consello de Redacción (CR). Ademais, a proposta de CCOO, decidiuse que mentres non se constitúa ese órgano, sexa o Comité de Empresa quen asuma a función do CR.

.-CCOO tamén advertiu ante o pleno de que o parte de incidencias de nómina reflicte un caso de pagamento de complemento de “productividade variable”. Ese ´plus´ non figura no Convenio Colectivo en vigor.

.-CCOO tamén deixou constancia de que a Empresa non facilitou a copia básica do contrato de traballo dunha compañeira.

.-Elaborar un escrito pedíndolle á Dirección da Empresa que retire a proposta de sanción a dúas compañeiras da delegación de Vigo e a un compañeiro da de Lugo.

.-Difundir unha nota (na empresa e con envío aos medios de información de Galicia) amosando a disconformidade cos tribunais que configurou a Dirección da Empresa para a OEP.

.-Analizar a posible impugnación deses tribunais porque nalgún caso contravén o legalmente establecido.

.-Pedirlle á Empresa que se lle dea rexistro de entrada a tódalas reclamacións formuladas en relación coas preguntas da OEP. E é que algunhas non o conseguiron no seu momento por falta de persoal en servizo que recollese os documentos.

.-Elaborar un escrito de denuncia pública (tamén para envialo aos medios de información) sobre os últimos casos de manipulación informativa.

.- Tamén se acordou remitirlle á Dirección da Empresa un escrito sobre o reparto e carga de traballo desigual na Redacción de Informativos. En caso de que non surta efecto, denunciarase a situación ante a Inspección de Traballo.


SECCIÓN SINDICAL DE CCOO-CRTVG 07.XUÑO.2011

mércores, 25 de maio de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA TVG. DÍA: 24 de maio de 2011

Nesta data quedou constituído o Comité de Empresa de TVG saído das eleccións sindicais do pasado 28 de abril. Á reunión asistiron os e as dezasete integrantes:

Susana Recouso, do SXG
Carlos Juanatey e Luis Quintas, de CCOO
Fran Lorenzo e Raimundo Méndez, da UGT
Blanca Badía, Manuel Cereijo e Fernando Santos, da USO
Manel Fernández, Javier Paredes e Santiago Alvite, da CIG
Natalia Menéndez, Raquel Lema, Alberto Vázquez, Carlos de Novoa, Uxío González e Ricardo Vázquez, da CUT.

A proposta da sección con máis representación votouse para a elección de presidente e secretario.

Nos dous casos, cos seis apoios da CUT e a abstención dos outros once integrantes do Comité forons elixidos:
Presidente, Alberto Vázquez Chiva
Secretario, Carlos de Novoa Gómez

O comité manterá a primeira das reunións ordinarias o próximo día sete de xuño.


Sección Sindical de CCOO na CRTVG

luns, 17 de xaneiro de 2011

PERMISO POR ENFERMIDADE GRAVE DE MENORES

Estimadas compañeiras e compañeiros:

Os pais e nais traballadoras poden solicitar a prestación para o coidado de menores con cáncer ou outra enfermidade grave.
Os formularios están dispoñibles na páxina da Seguridade Social www.seg-social.es
Un Regulamento desenrolará o concepto de enfermidade grave e o procedemento concreto.

Os pais e nais traballadoras xa poden solicitar a prestación para o coidado de menores con cáncer ou enfermidade grave ante a Mutua de Accidentes do Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social ou a Entidade Xestora con quen a empresa teña concertada a cobertura dos riscos profesionais. Logo se financia cargo a cotas e o xestionan as entidades colaboradoras.

A Lei Xeral da Seguridade Social e o Estatuto dos Traballadores e Traballadoras xa establecen os principios polos que ten que recoñecerse esta nova prestación da Seguridade Social que, aínda que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro coa Ley de Presupuestos Generales del Estado para 2011, precisa da aprobación dun Regulamento para determinar o concepto de enfermidade grave, entre outras cuestións. O feito de que estea vixente desde o 1 de xaneiro de 2011, garante o cobro do subsidio desde a data da solicitude, sempre que esta se axuste ao requirido na Lei e as súas normas de desenrolo.

Os requisitos para o aceso á nova prestación por coidado de fillos con enfermidade grave son os mesmos que os establecidos para a maternidade contributiva: estar afiliado á Seguridade Social e ter cuberto o período de cotización mínimo requirido. A xestión e o pago corresponderán á Mutua

de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais ou á Entidade Xestora con quen a empresa teña concertada a cobertura dos riscos profesionais.

A prestación extinguirase cando cese a necesidade do coidado directo, continuo e permanente do menor ou cando cumpra 18 años.

Polo tanto:
* Quen se atope nesta necesidade e teña os requisitos, que solicite o exercicio do dereito de acceso á prestación, aínda estando pendente o desenrolo Regulamentario, xa que entrou en vigor en xaneiro de 2011.
* Redución de xornada mínimo 50 % e ata o 100 %.
* Como o xestionan as mutuas, aínda non sendo unha continxencia profesional en senso estrito e debendo ter recaido, polo tanto, no financiamento vía impositiva e non de cotas, somos susceptibles a posibles actuacións "contra operario". Polo que estaremos atentos á evolución por ver si é preciso adoptar medidas. Sobre todo ao non terse precisado o listado de enfermidades graves nin o que se refire a "coidado continuo, directo e permanente".

Referencia normativa:

Ley 39/2010, 22 de diciembre, PGE 2011.

martes, 4 de xaneiro de 2011

Contestación da Sección Sindical de CCOO ao editorial publicado o día 31 de decembro de 2010 no diario El Correo Gallego

Ao director de El Correo Gallego José Manuel Rey


Sr. Director:
 
En relación co editorial do pasado día 31 de decembro de 2010 "El audiovisual en peligro de muerte", a Sección Sindical de CCOO da CRTVG quere desmentir afirmacións que se realizan no devandito editorial en relación cos salarios do persoal da TVG, así como os xuizos de valor realizados con respecto ao número de traballadores e traballadoras necesarios.

A TVG ten unha plantilla menor aos 700 traballadores e traballadoras, dos cales o 33% son persoal temporal, non chegando a superar os 1000 traballadores e traballadoras si temos en conta as tres empresas, CRTVG, TVG e a RTG. Polo que é falso que a CRTVG sexa excedantaria en Recursos Humanos. Xestionando catro canles de televisión, tres canles de radio e unha páxina web, somos, entre as empresas públicas de radio e televisión, a que ten menos persoal e menor orzamento.

Respecto dos salarios do persoal de TVG, non é correcto o dato publicado polo seu xornal, dado que ningún traballador de TVG nin das outras empresas obtén un salario de 50000 euros nin cifra que se lle aproxime. Entendemos que para que unha información sexa veraz, debería contrastarse coa dirección da CRTVG ou coa sús representación sindical, e non realizar unha

operación consistente en dividir o presuposto de gasto de persoal entre un número de Traballadores e traballadoras que non se corresponde coa realidade, ignorando que nesta partida están incluídos os salarios da alta dirección e os membros do Consello de Administración, que non se computan no cadro de persoal. Ademáis tamén se contemplan as partidas destinadas á substitución das vacacións do persoal e as das licencias establecidas no Convenio Colectivo.

A Sección sindical de CCOO na CRTVG manifesta que con estes datos, non é o gasto de persoal da TVG o que pon en perigo a subsistencia das empresas privadas do audiovisual galego. O que si pode ser cuestionable é que, en 25 anos de existencia do Ente Público, a maioría das empresas galegas deste sector, non foran quen de abrirse ao mercado audiovisual, mantendo unha dependencia exclusiva das partidas recibidas da CRTVG.

Agardamos que teña a ben a publicación destes datos correxindo os erros vertidos no seu editorial.
 


San Marcos a 4 de xaneiro de 2011



Sección Sindical de CCOO na CRTVG

http://www.elcorreogallego.es/opinion/la-quinta/ecg/audiovisual-peligro-muerte/idEdicion-2010-12-31/idNoticia-625564/

CCOO INFORMA

O pasado día 27 de decembro, nunha xuntanza do Comité Interempresas, tratouse da participación de representantes das delegacións nas deliberacións deste comité, e as xuntanzas conseguintes coa empresa. Esta participación sería con voz pero sen voto, sobre asuntos que tiveran relación con eles e so temporalmente mentres non se realizaran Eleccións Sindicais nas propias delegacións e se articulara un Comité Intercentros onde poderían ter representación.

A posición de CCOO, entendendo que, a pesar de non ter presenza no C.I., este Comité sempre defendeu os seus intereses ante a empresa, foi de aceptar a súa presenza nas devanditas xuntanzas, sempre que se lle outorgara o mesmo dereito a calquera outro colectivo que, nun futuro, quixera formar parte nas deliberacións sobre temas que lles afectaran de forma exclusiva.

Esta proposta de CCOO foi rexeitada por non acadar os votos necesarios, mentres que a proposta da CIG, de dar cabida so as delegacións, saíu adiante cos seus votos e a abstención de CCOO e UXT.

Desde CCOO pensamos que esta decisión é discriminatoria con respecto aos demais colectivos da CRTVG, tendo en conta ademais, que as delegacións están en disposición de celebrar eleccións sindicais e así contar con delegados legalmente capacitados para defender ante a dirección as súas demandas.


San Marcos a 4 de xaneiro de 2011

Sección Sindical de CCOO

mércores, 22 de decembro de 2010

CCOO INFORMA


Nun Comité Interempresas extraordinario celebrado onte día 20 de decembro acordouse, cos votos de CIG e USO, desconvocar a xornada de paros parciais convocados para o día 22 de decembro, coincidindo co sorteo da Lotería.

Tras a comunicación á representación sindical, o día 30 de novembro, do peche de cinco delegacións co conseguinte despido de 50 traballadores e traballadoras, e a finalización de contratos por mor da promoción interna que deixou na rúa a 9 compañeiros e compañeiras, algúns con máis de vinte anos de antigüidade na empresa, o Comité Interempresas convocou unha asemblea de urxencia o día 3 e outra o día 9 de decembro onde se acordou a realización de medidas de presión en protesta polas decisións tomadas pola empresa, así como polo xeito de levalas a cabo. O Comité Interempresas, nunha xuntanza celebrada o día 10, acordou a convocatoria de paros parciais, por categorías, para o día 22 de decembro.

A Sección Sindical de CCOO non comparte esta desconvocatoria por dúas razóns: As medidas tomadas pola empresa requiren unha resposta firme e rápida, e os traballadores e traballadoras en asemblea acordaramos a realización de medidas de presión inmediatas. Tampouco entendemos que a razón da falta de apoio que se esperaba nestes paros sexa motivo para desconvocalos, pois xa tiñamos coñecemento desta posibilidade no momento da súa convocatoria, e foi esa a razón que nos levou á convocatoria destes paros no canto dunha Folga como tamén solicitaba parte da asemblea.

CCOO preguntase que medidas alternativas se propoñen, si é que se propón algunha, e que se vai facer a partires de agora para evitar o desmantelamento progresivo da CRTVG a TVG e a RTG.


San Marcos a 21 de decembro de 2010