mércores, 6 de setembro de 2017

NON A DISCRIMINACIÓN DOS MONTADORES



A empresa quere crear unha nova categoría de nivel 3 para o grupo de soporte


Reunido o Comité Intercentros con RRHH falouse do futuro dos montadores. A empresa querer segregar en dous grupos con distinta formación para crear un operador de media, que tería 64 horas de formación, e un operador de inxesta, con 35. Segundo a empresa queren que sexa un proceso voluntario e que se hai máis solicitantes que prazas establecer uns criterios para seleccionar aos aspirantes. Non terían distinto salario pero si distintas funcións. Dende a representación sindical deixouse claro de xeito unánime que a formación ten que ser igual para todos, que non se vai consentir una desigualdade que pode xerar nun futuro discriminacións. De tódolos xeitos emprazouse a empresa a que convoque a comisión de clasificación profesional para negociar o particular, ademais de pedir máis información sobre as funcións que van facer os distintos grupos.

Tamén quere crear unha nova categoría de nivel tres para que sería o denominado “grupo soporte” formado por 10 persoas. Serían os encargados de solucionar as incidencias que tería que ver coa dixitalización, tal e como fan agora os compañeiros e compañeiras do servizo de informática, pero especializados nos novos soportes dixitais. Terán unha formación de 250 horas e estaría aberta nun principio a calquera categoría. Queren que sexa un grupo permanente. Un tema que quedou aprazado tamén para a comisión de clasificación profesional a espera de máis información sobre as funcións e de como se vai facer unha promoción interna para a xente que queira optar a eses postos, cousa que ao parecer non tiñan previsto malia estar a menos dun mes de que comece a formación.


Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros falamos da paralización das solicitudes de xubilación parcial que se produciu en agosto por parte dos traballadores ao coñecer que non lles ían pagar os complementos que están a recibir. A directora de Recursos Humanos quedou de informar despois dunha xuntanza que tiña previsto manter o 28 de agosto do director xeral, que, ao parecer, ten prevista unha remodelación dos complementos a todos os niveis. Unha información que aínda está pendente.

No referente ao cadro de persoal presentado pola empresa co argumento de que é para axeitar o cadro do persoal as sentencias xudiciais, acordouse rexeitar a proposta por considerar que amortiza prazas e que non se axusta as necesidades da empresa. Acordouse manter unha novas xuntanza para abordar este tema xunto coa clasificación profesional.

Acordouse por votación que o Comité Intercentros poida asistir as xuntanzas de información sobre a programación, pedir a empresa unha relación dos novos coordinadores coa área na que están e as funcións que exercen ademais dun listado dos horarios actualizados onde queden reflectidos todos os cambios de quenda que se están a producir.


Tamén se vai que pedir a dirección que de as pautas para os traballadores e traballadoras que lles soliciten traballar para a Radio Galega sendo da TVG ou para a TVG sendo da Radio Galega. Déronse e danse casos nos que se lles esixe a persoas que cubra informacións para os distintos medios. Polo que se lle pide que se estipulen uns criterios e se imparta formación nos casos que sexa necesario.

martes, 5 de setembro de 2017

PEDIMOS INFORMACIÓN DA PROGRAMACIÓN E UNHA XUNTANZA CON RECURSOS HUMANOS






No Comité de San Marcos acordouse denunciar publicamente a cobertura que fixo a TVG sobre a ocupación simbólica do Pazo de Meirás do pasado 30 de agosto, por entendela mínima.
Con RRHH tramitouse solicitude de información sobre os cambios na quenda de fin de semana nas categorías de redactor e montador. Na que se insta a empresa a respectar a orde de solicitudes existentes.
Entre outros temas a tratar coa dirección da CRTVG está a nova programación de outono na que se pedirá información sobre o tipo de relación contractual que hai cos diferentes traballadores e traballadoras que fan programas para a RG, como se vai facer un novo programa de debate que se emitirá simultaneamente na TVG e RG, como vai ser o traballo de varias persoas que van simultanear o traballo na TVG e RG, as funcións que teñen algúns dos xefes e xefas cesados e a área que ocupan outros que asumiron novas funcións. 



venres, 1 de setembro de 2017

A VOLTAS COAS VACACIÓNS




A empresa di estar a traballar para non quedar sen servizo de cafetería


Na reunión coa empresa dende RRHH din que van cumprir o convenio colectivo no referente as vacacións. As solicitudes faranse do 1 de xaneiro ao 31 de marzo, e publicaranas o 15 de agosto. Una solicitude que será única, aínda que se poida partir en tres fraccións. Dende a empresa din que para o próximo ano van poñer un novo programa informático que elimine as limitacións que tiña o anterior. Van estudar a concesión de períodos inferiores a 5 días e as solicitudes en decembro. Estas últimas a parte social deixou claro que non se pode impedir presentalas, despois é prerrogativa da empresa denegalas, sempre por escrito e argumentando os motivos.



No relativo a cafetería o concurso para facerse cargo do servizo rematou o 22 de agosto e quedou deserto. A CRTVG está a traballar un procedemento negociado para mellor as condicións do concurso ata onde lle permite a lei que consiste no incremento dun 10% do canon que pagan ao adxudicatario para facer máis atractiva a oferta. Agora mesmo están a espera de que responda a actual concesionaria para despois poder facer a mesma oferta a outras empresas.

xoves, 20 de xullo de 2017

A FALSEDADE DA TVG




DIRECTOS FALSOS DAN PASO A INFORMACIÓNS GRAVADAS HORAS ANTES


Nas últimas semanas dende o sindicato CCOO vimos detectando que nos espazos informativos da televisión pública de tódolos galegos se está empregando unha estratexia para presentar informacións dicindo que son en directo cando son gravadas. Todo consiste en que as xornalistas ou os xornalistas se poñen diante da cámara e simulan que están en directo e que presentan un vídeo. Iso grávase e despois os presentadores dende o plató danlles paso dicindo que están en directo. Algo que pouco ten que ver co carácter inmediato e de veracidade que se lle debe esixir aos contidos informativos.
Unha situación que xa non só se repite en profesionais que están atendendo a un programa concreto, senón que agora vemos como a redactores e redactoras da mañá se lles obriga a facer este tipo de traballo para os informativos da tarde, argumentando que para os programas so seran non teñen persoal suficiente para cubrir a emisión.
Dende CCOO queremos denunciar primeiro, e máis grave, que o emprego deste sistema de traballo é un xeito lamentable de enganar ao espectador, presentando como directo información que xa levan horas feitas. Un xeito de manipulación máis dos que vimos denunciando durante anos. Polo que pedimos que se erradique esta práctica.
En segundo lugar, esta práctica ven derivada da escaseza de contratación de persoal para cubrir as necesidades básicas de produción que ten a Galega. Unha escaseza que ten unha consecuencia directa como é a perda de calidade dos contidos e o emprego de artimañas que lonxe de encubrir as deficiencias resáltanas aínda máis.

venres, 19 de maio de 2017

Xuntanza con Rosa Vilas: “Hai que arrimar o ombreiro”

- A Directora da División de Radio Televisión de Galicia pide implicación aos traballadores de cara a dixitalización.
- Os resultados en audiencias da RG e da TVG son lo más de lo más.
- O Agro ou a virtude de “donde dije digo digo Diego.



DIXITALIZACIÓN OU “O PROCESO TRANSFORMADOR”
Do pouco que se saca en claro da xuntanza de hoxe con Rosa Vilas Directora da División de Radio Televisión de Galicia, é que a redacción de informativos vai comezar a trasladarse para a nave provisional a mediados de xuño (data aproximada, e de aí para diante), que vai levar unhas dúas semanas e que o van facer de xeito escalonado, para non cambiar de golpe toda a redacción. Según deu a entender suponse que o farán por programas, Revista, TX Galicia,.... A formación para os traballadores e traballadoras comezará en outubro e teñen previsto finalizar co proceso transformador en marzo de 2018. Din que van converter a “intranet” no principal canle de comunicación do proceso.
A Directora da División de Radio Televisión de Galicia aproveitou a xuntanza para darnos un speech ao William Wallace en Braveheart no que pedía a todo o persoal implicación e “arrimar o ombreiro” para sacar adiante este proceso que cualificou de “transformador” e para o que dixo que había que cambiar de mentalidade (a ver se comezan por algún xefe de departamento). Tamén asegurou que se ían a “procedementar” a producción, xestión e distribución dos contidos audiovisuais para unificar criterios e todos traballemos cos mesmos parámetros (haberá que velo), e deixar de que cada quen faga o que estime oportuno como facemos agora por non ter uns procedementos claros, algo xa demandado dende hai anos pola parte social.
Pedir veu a pedir, pero despois non se veu moita vontade a hora de meterlle o dente a nova clasifición profesional, un tema que levan meses parando porque non queren entrar a negociar os cambios de funcións de algunhas categorías. Pouca explicación deron tamén cando se lles dixo que outubro xa é tarde para comezar a formación e que un dos problemas que ten a CRTVG non son as canles de distribución senón a producción duns contidos que en moitas ocasión teñen unha calidade máis ben mediocre. En fin.....



AUDIENCIAS VENTO EN POPA
Na xuntanza veunos a dar un bo taco de folio coas audiencias da TVG e o EXM da RG, no que veu a dicir que a TVG superou a TV3 que ata o de agora era o referente da FORTA e que a RG é a que máis medra en ointes despois da COPE. Uns datos que haberá que analizar polo miudo xa que así de súpeto é moi difícil facerse unha idea do que pasa.

O AGRO SEGUE NON TODOS OS DÍAS E AMPLÍASE AINDA QUE SE REDUCE
Despois de que a propia Directora da División de Radio Televisión de Galicia dixera que se suprimía pola reducción do 75% da achega da Consellería de Medio Rural,e que unha das directoras xerais na sesión de control do Parlamento asegurara que se mantiña o mesmo orzamento de Medio Rural que o ano pasado, hoxe Rosa Vilas veunos a dicir que sí se mantiña, pero que era un orzamento que xa diminuiran o ano pasado e que con esas cifras non o podían manter. Malia todo dixo que facían o esforzo de deixalo e mesmo amplialo. Cando se lle dixo que o tempo de emisión do programa reducírase nun 50% asegurou que sí se reduciran os días de emisión, que a partir de agora serían martes e mércores, pero que eses días amplían o tempo. Do que non falou foi da ampliación do persoal asignado para facer o traballo 2 persoas, dun equipo que chegou a contar con 5. Tamén dixo que se olvidara na última xuntanza de dicirnos que o orzamento xa se reducira o ano pasado e que estiveran esperando a que este o volveran ampliar... menudencias.....

PROGRAMACIÓN DE VERÁN
O máis salientable é que o Bos Días comezará as 9:00 en xullo e agosto e que se comezará a gravar un concurso no plató 5 que dirixe Paco Lodeiro. En canto a RG o programa nocturno Pensando en tí comezará o luns 22 a emitirse en streaming, e a Radio Galega Música queda sen programación todo o mes de agosto, parece ser que por falta de persoal.

mércores, 10 de maio de 2017

Os membros propostos polo PP no Consello de Administración da CRTVG usurpan as funcións do órgano




Hoxe o Comité de San Marcos deu cumprida resposta a un escrito que cursaron os catro membros do PP do Consello de Administración que xa publicamos. Sen entrar a valorar a súa lamentable resposta o Comité decidiuse a facerlles entender que aínda que falan en nome do Consello o escrito non está dirixido dende o órgano colexiado ao que se lle remitira o Protocolo Anti Manipulación, polo que entende que é unha resposta a título persoal que non ten valor algún.
Tamén se lle fai saber que a indefensión que sofren os traballadores e traballadoras é froito da súa inacción ao non ter creado un Estatuto Profesional que ampare a constitución dun Consello de Informativos previsto na lei dende hai seis anos, xa que é competencia do Consello de Administración o desenvolvemento desa lei.



RECURSOS HUMANOS INCUMPRINDO COAS VACACIÓNS




Hoxe o Comité Intercentros decidiu pedir unha xuntanza urxente con RRHH para tratar as deficiencias que se detectaron na listaxe de vacación. En primeiro lugar publicouse fora de prazo, despois falta moito do persoal da CRTVG que non sabemos se é por erro ou porque deciden ocultar períodos concretos. Dicimos isto porque malia todo segue habendo persoas que teñen vacacións no mes de decembro, mes que dende a dirección non se deixa solicitar para desfrute de vacacións e porque hai períodos concedidos de días cando hai instrucións que impiden pedir períodos inferiores a unha semana.

Nesa xuntanza tamén se quere incluír o atraso nas incidencias de nóminas, pedir os criterio s que usa RRHH para as execucións de sentenzas nos casos do indefinidos, xa que houbo casos nos que non incorporou a traballadores ou traballadoras a plantilla da CRTVG e noutros si, que se incorporen o aumento dos días de maternidade ou paternidade no portal de procedementos e os gastos de programación da Radio Galega.