venres, 30 de marzo de 2012

A REFORMA LABORAL ABARATA E FACILITA O DESPEDIMENTO, REFORZA O PODER EMPRESARIAL E PRECARIZA MÁIS O EMPREGO.



A REFORMA LABORAL APROBADA POLO GOBERNO DO PP
ABARATA E FACILITA O DESPEDIMENTO, REFORZA O PODER
EMPRESARIAL E PRECARIZA AÍNDA MÁIS O EMPREGO

Unha reforma laboral feita ao ditado dos empresarios e mercados financeiros


É a primeira vez en democracia que un goberno decreta medidas no ámbito laboral
sen utilizar o período de consultas e negociacións cos axentes sociais.

As declaracións feitas por Rajoy e De Guindos en Europa non son froito da casualidade, estaban perfectamente dirixidas. A reforma xa estaba elaborada e preparada. Amosan ademais un sometemento total, unha perda de soberanía do Estado español e das súas institucións democráticas. Dítannos dende fóra o que temos que facer e obedecemos sen chistar e con docilidade e servilismo.

Foi aprobada, sometida antes ao visto e prace dos poderes fácticos da UE, por Merkel
e Sarkozy, e logo «validada» polo Consello de Ministros sen informar do seu contido
aos axentes sociais e a sociedade.

O Goberno do PP amosa un desprezo absoluto polo diálogo social, non se respecta,
arramplan á mantenta co Acordo Interconfederal sobre Negociación Colectiva acadado
entre CCOO, UGT e a CEOE.

É unha reforma moi dura, salvaxe, toca todos os paus, na entrada, na permanencia e
na saída do mercado de traballo. Facilita aínda máis o despedimento, faino máis
barato e individualiza as relacións laborais.

Obvia e despreza o activo, o valor máis importante que teñen as empresas, que ten a
nosa sociedade: os traballadores e traballadoras. Convérteos en escravos, en servos
desprotexidos e elimina os seus dereitos laborais básicos.

Esta reforma carga única e exclusivamente as consecuencias da crise sobre quen non
ten responsabilidade ningunha, só se protexen e amplían os dereitos dos empresarios,
dos poderosos, da banca e das grandes empresas, dos únicos responsables da crise.

Disque fan a reforma para crear emprego e axudar as persoas paradas, e o que en
realidade demostran, con esta reforma, é un desprezo absoluto por elas.

Anuncian sen rubor que ao longo deste ano 2012, e con esta reforma xa en marcha,
aumentará o desemprego en 600.000 persoas máis, é dicir, que a finais de ano
poderemos ter ao pé do 6.000.000 de persoas en paro.

Non é de lei que os que están á fronte da política económica do noso país sexan os
responsables directos dos que orixinaron esta situación de crise, coa burbulla
financeira e inmobiliaria. O ministro de economía De Guindos era, ata hai poucos
meses, o responsable de Lehman Brothers en España e Portugal, a empresa financeira
que desatou a actual crise financeira internacional. Responsable directo e, agora, quen nos quere dar as receitas para saír desta fochanca. Sinxelamente, é indecente.

Esta reforma ten un contido claro e netamente ideolóxico, pretende un cambio
profundo, radical do mundo laboral no noso país, no que os intereses neoliberais do
capitalismo campen polos seus respectos.

Esta reforma laboral do PP non está xustificada porque NON SERVE PARA CREAR
EMPREGO. O seu único e principal obxectivo é debilitar aínda máis a clase traballadora e as súas organizacións, os sindicatos, abaratando e simplificando o despedimento, deteriorando a estabilidade no emprego e os mecanismos de negociación colectiva.

Esta reforma vainos levar a unha maior precariedade das condicións laborais, feita á
mantenta co obxectivo de recortar a renda do traballo para ganar competitividade
abaratando o factor traballo. É dicir, quérennos levar a condicións laborais e sociais terceiromundistas, retrocedemos varias decenas de décadas nas conquistas sociais e laborais do noso país. Modelo terceiromundista fronte a modelo social europeo.

xoves, 29 de marzo de 2012

HOXE 29M, TODAS E TODOS DE FOLGA



Hoxe día 29 todos e todas estamos chamados á Folga Xeral contra o ataque frontal aos dereitos dos traballadores e traballadoras. Hai motivos máis que suficientes para parar a nosa actividade laboral e asistir,xunto aos compañeiros e compañeiras, ás mobilizacións convocadas para ese día nas cidades galegas. Temos que frear esta reforma laboral agresiva contra os nosos dereitos conquistados, que non regalados, co esforzo de xeracións de traballadores e traballadoras que deron incluso a súa vida para legarnos o que nos pertence a todos e todas.

Acode ás mobilizacións e transmite aos teus compañeiras e compañeiros a importancia de manifestar a nosa forza ao goberno do estado para que cambie a súa actitude e retire esta reforma INXUSTA, INUTIL E INEFICAZ.

PORQUE QUEREN ACABAR CON TODO cos dereitos laborais e sociais

FOLGA XERAL

Sección Sindical de CCOO na CRTVG

ACORDOS DO COMITÉ DE EMPRESA DE TVG Data:27 de marzo de 2011

ACORDOS DO COMITÉ DE EMPRESA DE TVG
Data:27 de marzo de 2011

Nesta xuntanza do Comité acordouse o seguinte:

1.- Pedirlle á Dirección da empresa o escrito de descargos presentado ante a Consellería de Traballo polo que ésta deixa sen efecto o expediente sancionador da Inspección de Traballo por mobilidade funcional dos redactores asignados á cabina de satélites. A seguinte acción do Comité ante este problema é a xestión para presentar conflito colectivo ante a autoridade xudicial pertinente. No taboleiro do Comité está exposta a resolución da Xunta.

O pleno debate sobre a situación derivada do fallo da Consellería de Traballo e a conclusión é que -de momento- o aconsellable é cumprir o expresado nesa resolución.
Ese documento indica no punto terceiro do epígrafe “feitos” as funcións e na páxina 3 (parágrafo 6) refírese concretamente á cuestión sobre o “coñecemento técnico” para a utilización dos equipos desa cabina.

2.-Pedirlle ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral a valoración de riscos no desenvolvemento dunha nova función do colectivo de cámaras de plató. E é que o Xulgado de instrucción no 2 de Santiago desestimou a demanda por mobilidade funcional e, en consecuencia, os/as operadores/as de cámara están obrigados/as a recoller os cable triax. Agora trátase de que Seguridade e Saúde Laboral determine os complementos de protección individual necesarios para acometer esa nova tarefa.

3.-Instar á Dirección de RRHH, na Comisión Paritaria, a que cumpra o Convenio Colectivo no referente á comunicación previa dos Eventos Especiais. E é que unha vez máis, informou do evento semanas despois de que se realizou e doutros máis recentes -xa finalizados- tampouco ten comunicado nada.

4.-A proposta da USO tratamos sobre o “plus” de produtividade que aprobou o Consello de Administración para o persoal directivo da CRTVG.

A sección sindical propoñente quedou en redactar unha nota para enviar aos medios de comunicación denunciando o despropósito desa “gratificación” económica mentres ao persoal nos están reducindo sistematicamente a remuneración.

A próxima xuntanza do Comité quedou convocada para o 10 de abril. San Marcos, 27 de marzo de 2012


SERVIZOS Á CIDADANÍA
Sección sindical de CCOO na CRTVG

martes, 21 de febreiro de 2012

Máis de 140.000 persoas manifestáronse xunto a UGT e CCOO contra a reforma laboral

19-2-2012.- Máis de 140.000 persoas manifestáronse hoxe en toda Galicia contra a reforma laboral imposta polo Goberno do Partido Popular. As manifestacións máis numerosas foron as de Vigo (50.000), A Coruña (acto central, 35.000), Ferrol (25.000) e Santiago de Compostela (15.000), pero tamén houbo mobilizacións en Ourense (5.000), Pontevedra (5.000), Lugo (4.000), Vilagarcía de Arousa (2.000) e Burela (550). Os sindicatos convocantes, CCOO e UGT, sinalan que tras «resposta masiva» da cidadanía «o Executivo debe rectificar ou volveremos saír ás rúas».



Os secretarios xerais de UGT e CCOO, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, respectivamente, cualifican a reforma laboral como «a maior agresión do período democrático» aos dereitos da clase traballadora. Por este motivo, no caso de que o Goberno non corrixa o rumbo adoptado, anuncian que as mobilizacións serán «crecentes e sostidas».

Para Aguión e Gómez, a reforma laboral obedece unicamente aos intereses da patronal e ás presións dos sectores máis ultraliberais. Entre as principais críticas á reforma están o abaratamento do despedimento, que pasa a ser «practicamente gratis», a creación dun novo tipo de «contrato lixo» ou a «barra libre» no caso dos expedientes de regulación de emprego (ERE).

A reforma laboral tamén deixa gravemente danada a negociación colectiva, pois faculta a empresa para pasar por riba dos convenio só con aducir dous trimestres de diminución de ingresos ou vendas, ao tempo que dá preferencia aos convenios de empresa sobre os de sector.

Segundo os secretarios xerais de CCOO e UGT, esta reforma «obvia e despreza o activo máis importante que teñen as empresas, os traballadores e traballadoras. Desprovistos dos seus dereitos laborais básicos pasan practicamente a ser servos das empresas». En opinión de ambos os dirixentes, trátase dunha «aposta pola precarización que non vai solucionar o principal problema deste país, que é o paro». Todo o contrario, afirman que esta reforma provocará, como xa o fixo a que a precedeu, un aumento do número de despedimentos.

Finalmente, emprazan a cidadanía a se sumar o próximo día 29 a unha xornada de mobilización convocada para todo o continente pola Confederación Europea de Sindicatos (CES), da que tanto CCOO como UGT forman parte.

martes, 7 de febreiro de 2012

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA DE TVG, 07 de Febreiro de 2012

O Comité de Empresa de TVG, presidido por Raquel Lema, debido a que Alberto
segue de baixa, acordou o seguinte:

1.-En relación coa proposta da CIG sobre a cobertura informativa das primeiras horas
do rescate no Orzán na mañá do 27 de xaneiro, onde dun feito de gran relevancia acontecido contra as cinco da mañá non se difundiron imaxes ata pasadas as nove, o Comité acorda enviar nota ao Consello de Administración, Dirección Xeral Dirección de Informativos. O obxecto da mesma é que adopten as solucións necesarias para mellorar a organización dos Servizos Informativos e evitar situacións que, coma esta, deixan a TVG en evidencia fronte a outras canles de TV na cobertura de acontecementos nos que deberiamos ser o primeiros en informar e facelo cumprindo uns mínimos de calidade.

2.-O SXG e a UXT quedan en proporcionar a documentación de probas de que
redactores en prácticas (estudantes da facultade) seguen a ser asignados na Redacción de Informativos e en Programas para cubriren eles/as noticias para emitir. Coa singularidade que en Informativos tiran dos estudantes para elaborar novas políticas. Esa documentación servirá de sustento para presentar denuncia ante a Inspección de Traballo. E é que esta problema xa se tratou tempo atrás nunha reunión coa dirección de RRHH onde a Empresa deu a entender que ían rematar coa ilegalidade de tirar de redactores en prácticas como se fosen profesionais.

3.-En rogos e preguntas, CCOO informa da desprotección en que a Empresa ten aos
reporteiros gráficos (tamén condutores de coche de traballo) cando incorren nunha multa. Concretamente, a un compañeiro de informativos chegoulle unha sanción por non te-lo tique no coche que aparcou en zona ORA preto de onde estaba a cubrir unha información. O reporteiro gráfico non dispoñía de moedas e ía xusto de tempo para atende-la convocatoria informativa. Na Asesoría Legal dixéronlle que o recurso o tiña que facer el e que o problema estaba en produción de informativos por non adiantarlle moedas para o aparcamento. Ata agora era a Casa quen se encargaba de formular eses reclamacións relacionadas con multas en horas de traballo. En consecuencia, pedímoslle á presidencia do Comité que, sen demora, se dirixa aos responsables de RRHH e da Asesoría Legal para que sexa a Empresa quen formule e tramite os recursos a estas multas e non se descoide, para facelo dentro de prazo.

4.-A próxima xuntanza do Comité de TVG será o 21.02.2012.

CCOO - SERVIZOS Á CIDADANÍA Sección Sindical de CCOO na CRTVG

San Marcos, 7 de febreiro de 2012

xoves, 1 de decembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ INTEREMPRESAS. DÍA: 30 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ INTEREMPRESAS
DÍA: 30 de novembro de 2011


- Na problemática creada coas sentenzas das
delegacións, que conceden a categoría de operador de
posprodución, ao carecer o noso catalogo de categorías
laborais dunha categoría axeitada ao traballo que se
desenvolve nas delegacións, e ante os acordos puntuais
aos que está a chegar a empresa con determinados
traballadores e traballadoras para renunciar a esta
categoría se queren seguir nas delegacións, acordouse, a
proposta da CUT, propoñer á empresa o aboamento dun
complemento de responsabilidade que equipare o salario
ao conseguido nas sentenzas, condicionado á
voluntariedade dos interesados/as e ao acordo dunha nova
clasificación laboral que axuste todas as singularidades dos
postos de traballo da empresa, e sempre que se definan as
funcións que con este complemento terían que asumir as
persoas afectadas.

Ante a negativa de algúns a aceptar esta proposta,
procedeuse á votación da mesma co seguinte resultado:

A favor............9 (3 CUT, 3 CIG, 2 UXT, 1 CCOO)
Encontra.........2 (2 USO)
Abstencións.....1 (1 ARG)

- En relación á constitución da Plataforma en Defensa
dos Medios de Comunicación Públicos de Galicia, acordouse
crear unha comisión de traballo, formada por un membro
de cada sindicato con representación na CRTVG, TVG e
RTG, para a elaboración do calendario a seguir e os
procedementos a empregar. Acordase tamén fixar o día 19
de decembro para a primeira reunión desta comisión coas
propostas das distintas seccións sindicais.

- A proposta da CIG, acordase defender, na comisión
de xestión das listaxes de contratación, o estipulado no
convenio colectivo para os tribunais de selección dos
contratos en prácticas, propoñéndolle á empresa a
utilización do sorteo, entre traballadores e traballadoras
das categorías convocadas, para a selección dos membros
dos tribunais.

- Acordase solicitar á empresa as actas da comisión
paritaria pendentes, xa que non temos copias das mesmas
das reunións celebradas desde o día 21 de xullo de 2011.
En total faltarían actas de dezanove reunións.

- Acordase solicitar a relación de contratación
actualizada, xa que non temos copia desde finais de 2010,
aínda que o acordo da paritaria era de entregar unha
relación cada seis meses.

Sección Sindical de CCOO

San Marcos a 30 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA TVG. Data: 29 de novembro de 2011

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA TVG
Data: 29 de novembro de 2011


Nesta reunión acordouse o seguinte:

1.-No debate sobre a inmediata finalización de contrato por acumulación
de tarefas a sete persoas acordouse levar o asunto á Comisión de
Contratación para ve-la posible solución para a continuidade laboral dos
afectados. A presidencia do Comité informa de que no arquivo non
figuran as actas de Comisión Paritaria celebradas en todo 2007 e en parte
de 2009 e 2010 e principios de 2011. O daquela presidente, Santiago
Alvite, dixo que ía revisar arquivos, por se acaso non estaban entregadas.
En todo caso, tamén se suxeriu que a Empresa podería proporcionar copia
das actas que faltan.

2.-Sobre a solicitude de que sexa rotatoria a quenda de fin de semana no
departamento de Grafismo, o Comité decidiu trasladar a incidencia á
Comisión Paritaria para darlle resposta.

3.-Ante a posibilidade de contratación para cubrir unha vacante no
departamento de Emisións, o Comité reitera que iso hai que facelo sempre
de acordo coa listaxe de contratación, empezando por ofrecerllo a persoa
con máis antigüidade. Este asunto vaise tratar máis pormenorizadamente
na Comisión correspondente.

4.-Pedirlle á Empresa que proporcione información completa sobre as
incidencias de nómina. Pois o apartado no que deberían constar o porqué
de atrasos, complementos,.. a Empresa está a deixalo en branco.

5.-Lembrar que ante a posible negativa xeral para a concesión de
permiso por AAPP “en ningún caso a Empresa poderá negar a concesión
destes días de forma sistemática” (art.44.1.7 CC). Se á primeira solicitude
responde con negativa, presentar unha segunda para data/s distinta/s e a
Empresa debe aceptala.

6.-Denunciar ante a Inspección de Traballo a teimudez da Dirección con
empregar redactores/as en prácticas saltando toda a normativa que regula o
desenvolvemento das “prácticas”.

7.-Convocar a próxima reunión para o martes, 20 de decembro de 2011.

SECCIÓN SINDICAL DE CCOO NA CRTVG.
San Marcos, 30.11.2