luns, 4 de xullo de 2016

O COMITÉ INTERCENTROS DA CRTVG DENUNCI A UN USO PERVERSO DO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DO ENTE PÚBLICO POR PARTE DO PARTIDO POPULAR



  • Os conselleiros nomeados polo PP non acudiron a unha xuntanza convocada co Comité
  • Na orde do día estaba a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos e a entrega de 359 sinaturas apoiando a súa constitución
  • Os conselleiros do PSdeG van presentar a petición dos traballadores no pleno


Os catro conselleiros nomeados polo PP non Consello de Administración da CRTVG non se presentaron a xuntanza convocada esta mañá cos representantes do persoal, sen que se desconvocara formalmente a xuntanza, que tiña como obxectivo propoñer a posta en marcha do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos.

Dende o Comité Intercentros valoramos este desprezo como unha falta moi grave a representación sindical, aos das traballadoras e traballadores da corporación e o mesmo órgano. Tamén queremos deixar constancia de que se está a empregar este órgano público ao servicio partidista do Partido Popular e que segue a liña ditada polo director xeral de suspensión de diálogo coa parte sindical, despois da protesta na redacción contra a manipulación informativa que se fixo no caso das escandalosas escoitas do ministro de Interior en funcións, a pasada semana, que non se emitiron na cadea pública.

Precisamente non mesmo acto tamén se entregaron 359 sinaturas dos traballadores e traballadoras da CRTVG reclamándolle ao Consello de Administración que poña en marcha o procedemento de creación do Estatuto e o Consello.

Os que si acudiron a xuntanza foron os dous conselleiros propostos polo PSdeG, que recolleron as reivindicacións dos representantes sindicais. Aseguraron que van a propoñer, unha vez máis, o cumprimento da lei, levando ao pleno do Consello de Administración, para que se axilicen ao máximo os prazos.

Dende o Comité Intercentros aseguramos que detrás desta ausencia hai un obxectivo; atrasar ao máximo a creación dun órgano como pode ser o Consello de Informativos, que cuestione o traballo de xeito profesional as protestas contra a manipulación das que agora se canalizan a través do Comité e do blog eunonmanipulo.