mércores, 25 de novembro de 2015

CCOO irá ao conflito colectivo se a CRTVG no aplica o Real Decreto Lei 10/2015



Quedou en nada a xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros na que se ía tratar a aplicación da transposición do Real Decreto Lei 10/2015 de permisos por asuntos particulares e vacacións por antigüidade.
A empresa pediu un informe a Función Pública para ver cal é a posición na que está a CRTVG, polo que dixo non estaba en disposición de dar unha postura, asegurando que é custión de días. Uns días que comezaron a contar o 17 de outubro que se sentou por primeira vez cos sindicatos a falar deste asunto.

En opinión de CCOO esta é unha manobra máis para ir adiando a aplicación directa do dereitos de tódalas traballadoras/es, que vai camiño de acabar pola vía do conflito colectivo se non se resolve antes de que acabe novembro.

Equipo de eleccións
Comisións tamén lle preguntou a RRHH, cales son os criterios que se sigue na escolma dos equipos de eleccións, solicitoulle un informe no que se recolla unha relación dos participantes dos últimos anos e se preguntou como van substituír a estas persoas. Non é de recibo que ano tras ano vexamos sacando proveito practicamente as mesmas persoas e que ao mesmo tempo non se bote man das listaxes de contratación e que os ocos destes traballadores acaben cubríndose con horas extraordinarias que se lle ofrecen a uns poucos.

Externalizando retransmisións
CCOO tamén pediu información sobre a contratación de Tele Salnés para as retransmisións de partidos de Terceira División. Ao parecer encargarase delas despois de que a produtora Setemedia rematase o contrato. Desta nova actividade non se informou nada, o que ven a ser outra manobra opaca máis as que xa nos ten afeitos a Dirección da CRTVG, e Comisións non a vai deixar pasar sen que se clarexe.

Boicot aos sindicatos
CCOO advertiu a Dirección de RRHH que porá unha denuncia na Inspección de Traballo por obstaculizar o labor sindical se segue sen recibir os partes de incidencias que levan un atraso de catro meses, despois de pedilos case semanalmente.


Dentro de outro orde de cousas outros sindicatos pedíronlle a RRHH que diga cal é a súa posición de cara a poder xuntar os días de libranzas que se teñan pegados as vacacións, un criterio que se viña aplicando ultimamente.
Tamén se lle pediu a empresa que clarexe en que capítulo vai ingresar os cartos que a produtora El Progreso ten que pagarlle por cederlle traballadores ilegalmente a CRTVG e beneficiarse de cartos públicos.


martes, 17 de novembro de 2015

A EMPRESA SEGUE RETRASANDO A RECUPERACIÓN DE DEREITOS


Na xuntanza do día de hoxe do Comité Intercentros co director de Recursos Humanos veu a retrasar a aplicación da transposición do Real Decreto Lei 10/2015 de permisos por asuntos particulares e vacacións por antigüidade. A empresa veu a pedir unha posición aos sindicatos mentres que dende RRHH non houbo unha proposta concreta, e esta xa é a segunda xuntanza para tratar este tema. Dende Recursos Humanos queren negociar e chegar a un acordo nos asuntos particulares pero non en vacións por antigüidade pero non explican en qué consiste ese acordo. Dende CCOO entendemos que o decreto é de aplicación inmediata aos traballadores e traballadoras de toda a Compañía sen excepción e que non é negociable en ningún punto.

A Empresa propón solicitar unha mediación para a constitución do Comité de Seguridade e Saúde Laboral

Despois dos desencontros na creación da comisión RRHH propuxo unha mediación do Consello de Relacións Laborais para desbloquear a falla deste Comité. Unha mediación que CCOO acepta, pero que ten a oposición doutros sindicatos, que insiten en acudir ao xulgado para solucionar cal debe ser a composición de dito Comité. En opinión de Comisións a postura da parte social ten que ser unánime á hora de aceptar a mediación porque perdería a súa efectividade, non serviría para ninguén se hai unha parte que se nega a asumir a decisión da mediación.


Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2015

martes, 3 de novembro de 2015

APROBADA A PROPOSTA DE COMISIÓNS DE GRAVAR AS XUNTANZAS DO COMITÉ DE SAN MARCOS



O pleno do Comité acordou aprobar a proposta de CCOO de gravar as xuntanzas do comité co fin de que calquera traballador as poida consultar e que deste xeito a transparencia sexa máxima.

Foron 13 os votos a favor, de CCOO, CIG e CUT, dúas abstencións da UXT e 4 votos en contra de USO.


Externalización dos servizos informativos ao xulgado

Despois da consulta aos servizos xurídicos por parte das diferentes seccións sindicais do incumprimento de Lei de Medios pola cesión de parte de programas informativos a empresas alleas, en concreto o programa Boas Tardes, a cesión do servizo de directos e os contratos mercantís que se están a facer na redacción, acordouse por unanimidade acudir aos tribunais como última medida para evitar que a dirección da RTVG siga facer un uso que consideramos desleal da contratación de medios privados. Aínda están por decidir aspectos importantes, cómo cal vai ser a vía da denuncia. A CUT solicitou unha semana para estudar a posibilidade de explorar outra vía para denunciar o incumprimento.



Santiago de Compostela 3 de novembro 2015