mércores, 30 de setembro de 2015

AS NÓMINAS E A APLICACIÓN DO NOVO CONVENIO



Na reunión mantida hoxe coa empresa, informounos sobre os seguintes puntos:


1.- Con respecto á aplicación do Convenio Colectivo no apartado retributivo dixo que, na nómina de setembro cobrariamos os atrasos correspondentes ao complemento de convenio (terceira paga prorrateada) e a compra da antigüidade (para quen non a tiña topeada), ata o 31 de agosto de 2015, así como a parte correspondente a setembro. A partires de outubro xa se cobrarían os conceptos estipulados no novo convenio colectivo.



2.- Con respecto á publicación do Convenio Colectivo en papel, a empresa informa que van tirar algúns exemplares para RR.HH. e os sindicatos, e que se facilitarán a quen non teña un acceso cómodo á Intranet da empresa, pero non para o conxunto dos traballadores e traballadoras. A parte social insistiu en que había que repartir exemplares a todos e todas.

3.- Con respecto aos asuntos propios, a parte social solicitou que se aplicaran os 6 que xa figuran no EBEP e que si era necesario se tivese unha Paritaria para aplicalo.




San Marcos a 30 de setembro de 2015

xoves, 17 de setembro de 2015

IRREGULARIDADES NAS BASES DE COTIZACIÓN DOS TRABALLADORES DA CRTVG



Nota informativa das Sección Sindicais de CIG, CCOO, UXT e USO. En relación coas irregularidades detectadas nas bases de cotización de traballadores e traballadoras da CRTVG, os sindicatos asinantes desta nota queremos aclarar o seguinte:

1º Hoxe, día 17 de setembro, tiñamos previsto celebrar unha xuntanza do Comité Intercentros na que iamos tratar este asunto, a instancias da CIG, para acordar unha vía de actuación que non cause prexuízos ao conxunto do persoal.

2º Ante a denuncia presentada unilateralmente pola CUT na Inspección de Traballo, os sindicatos que ficamos á marxe mantivemos unha xuntanza na que abordamos a posición das distintas asesorías xurídicas sobre aplicación por parte da CRTVG do Real Decreto-Lei 8/2010 e a Lei 39/2010, en relacións ás bases de cotización da Seguridade Social.

3º A opinión das nosas asesorías era recorrer á vía da presentación de conflito colectivo para interpretar a normativa a aplicar nestes conceptos. Esta vía dirimiría as diferenzas de criterio que puidésemos ter, sen que se puxera en cuestión a inclusión nas bases de cotización do mes de maio de 2010 de conceptos retributivos que coa denuncia poderían quedar excluídos e que repercutirían na rebaixa das bases de cotización. Aclarados os termos, esixiríamos á empresa a execución inmediata da sentenza ditada.

4º Lamentamos que a CUT, unha vez máis, se desmarque dunha actuación conxunta da parte social e aborde a cuestión en solitario. En todo caso agora toca agardar ao que determine a Inspección de Traballo, e en función diso decidiremos os pasos a seguir.


En San Marcos, a 17 de setembro de 2015