luns, 15 de abril de 2013

Información sobre negociación do Convenio Colectivo. 11.04.2013



 Ola,
 Adxuntamos resumo con información de interese sobre a Comisión paritaria celebrada hoxe.

 Respecto da Negociación Colectiva non hai información relevante. Estamos intentando convencer á empresa da oportunidade de acotar máis a clasificación profesional, para establecer especialidades dentro das Áreas Funcionais e os Grupos Profesionais. Cando teñamos clara a posición da empresa neste sentido, convocaremos unha reunión da Sección Sindical para tratar as posibles especialidades a establecer.

 A empresa publicou hoxe unha relación de persoal susceptible de acollerse á xubilación parcial nos termos acordados no ámbito da Negociación Colectiva, conviña que a repasedes por si houbera erros e algúnha persoa que cumpra os requisitos non figurara nela. Esta relación hai que rexistrala no INSS e podería dar problemas a ausencia do persoal desa relación de cara á solicitude de xubilación parcial.

 Os requisitos para acollerse a esta modalidade de xubilación son:

 - cumprir 61 anos antes do 1 de xaneiro de 2019
- ter cotizados 30 anos.
- Unha antiguidade na empresa de 6 anos consecutivos, inmediátamente anteriores ao comezo da xubilación parcial.

 Seguiremos informando,

 Un saúdo.


INFORMACIÓN COMISIÓN PARITARIA 

Vacacións

Na reunión mantida hoxe na Comisión Paritaria, a parte social transmitiulle á empresa os problemas que está tendo o persoal á hora de solicitar as vacacións. Solicitámoslle tamén unha ampliación do prazo de solicitude para tentar solventar as incidencias que se están a producir tralos numerosos rexeitamentos do período de vacacións solicitado. Acordouse dar unha semana máis de prazo, ata o 21 de abril, para entregar as solicitudes e as rectificacións oportunas. A empresa informou que as instrucións dadas aos responsables dos departamentos eran que se organizasen as vacacións de xeito que non se precisara substituír aos traballadores e traballadoras e, para iso, se procurara que a maioría do persoal as collera no período que vai entre xuño e agosto, por ser estes meses os de menor carga de traballo. Aínda así, era competencia dos distintos responsables, estender este período si elo significaba unha menor necesidade de contratación. A empresa aceptou tamén que, cando estas eran divididas en varios períodos, se puidera repetir un deles, nas tres propostas alternativas, aínda que sería difícil preparar o programa informático, polo que habería que pactalo co xefe correspondente. A parte social tamén lle recordou que a lei de igualdade establece a idade de 12 anos, para os fillos menores, para ter dereito prioritario na elección das vacacións, e non 6 anos como se recollía nos formularios.

Substitucións nas delegacións

Ante a advertencia de que se estaban a producir discriminacións entre os traballadores e traballadoras da plantilla fixa de San Marcos, que tendo solicitado traslado a algunha delegación e, en tanto non se producía, solicitaban realizar substitucións temporais, a empresa comunicou que xa dera instrucións de que todas as substitucións se realizaran mediante as listaxes de contratación temporal e non mediante traslados temporais, ata que non se cubran as prazas mediante o concurso de traslados preceptivo.

Ausencias por prescripción médica sen baixa

A empresa informa de que as ausencias por prescrición médica sen baixa estanse a tramitar como baixas e, polo tanto, co desconto establecido para as mesmas nas nóminas. Ampárase para elo nunha instrución do SERGAS, dado que aos facultativos, o sistema informático, non lles permite emitir baixas de un día. Seguen aceptando a posibilidade de solicitar licencias para acudir a unha consulta médica, sen descontos, só polo tempo imprescindible para a asistencia a mesma e coa oportuna xustificación.

Desconto salarial

A empresa informa da aplicación das medidas de aforro impostas nos presupostos da Xunta para o 2013, que supoñen o desconto do salario que, na nosa empresa, oscila entre o 4,21% e o 7%, dependendo do nivel salarial. Este desconto se aplicará, como o ano pasado, na paga extraordinaria do mes de novembro. A parte social rexeitou a aplicación deste desconto e reservámonos o dereito de interpoñer o correspondente recurso.

 San Marcos a 11 de abril de 2013