sábado, 19 de xaneiro de 2013

O Comité Interempresas da CRTVG desminte que o 50% do orzamento da Compañía corresponda a gastos de persoal

A representación sindical insta ao Director Xeral a aclarar que porcentaxe dos presupostos se destina aos salarios do Consello de Administración e da estrutura directiva
San-Marcos, 18-01-2013 – O Comité Interempresas da CRTVG, TVG e RTG desminte as cifras aportadas onte polo director xeral da Compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, durante a súa comparecencia parlamentaria na Comisión de Control da CRTVG. O máximo responsable dos medios públicos audiovisuais de Galicia asegurou que preto dun 50% dos orzamentos da Empresa estaban destinados a gastos de persoal, unha porcentaxe que cualificou como insostible. Os representantes dos traballadores e as traballadoras afirman, pola súa banda, que segundo os datos que lles facilita regularmente a mesma CRTVG, o persoal laboral suxeito a convenio colectivo, fixo, indefinido, e temporal, representa un gasto anual de arredor dun 20% do total dos orzamentos, é dicir, unha cantidade próxima aos 25 millóns de euros, sumadas xa as aportacións empresariais á Seguridade Social. Nestas cifras non estarían incluídos os salarios dos membros do Consello de Administración nin da estrutura directiva, que a representación dos traballadores e traballadoras descoñece. Segundo datos do proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2013, o Capítulo I da CRTVG absorve o 35'67% do seu presuposto da CRTVG; porcentaxe na que sí están incluidos os salarios dos membros do Consello de Administración e da estrutura directiva da CRTVG e as súas sociedades. O Comité Interempresas insta a Sánchez Izquierdo a aclarar as cifras que declarou onte en comisión parlamentaria e úrxelle a que desglose dun xeito transparente eses datos para que se saiba concretamente a que se destina o 30% do capítulo de gasto de persoal que non se emprega no pago dos salarios dos traballadores e traballadoras (ou sexa, a diferencia entre as súas estimacións e os datos que manexa a parte social). Ademais de desmentir as cifras aportadas na Comisión de Control parlamentaria, o Comité Interempresas lamenta que o director xeral da Compañía utilice o custo dos profesionais dos medios públicos para cuestionar un servizo público esencial, en contradición cos seus habituais informes que evidencian unha radio e unha televisión saneadas e demandadas pola sociedade galega.