martes, 21 de febreiro de 2012

Máis de 140.000 persoas manifestáronse xunto a UGT e CCOO contra a reforma laboral

19-2-2012.- Máis de 140.000 persoas manifestáronse hoxe en toda Galicia contra a reforma laboral imposta polo Goberno do Partido Popular. As manifestacións máis numerosas foron as de Vigo (50.000), A Coruña (acto central, 35.000), Ferrol (25.000) e Santiago de Compostela (15.000), pero tamén houbo mobilizacións en Ourense (5.000), Pontevedra (5.000), Lugo (4.000), Vilagarcía de Arousa (2.000) e Burela (550). Os sindicatos convocantes, CCOO e UGT, sinalan que tras «resposta masiva» da cidadanía «o Executivo debe rectificar ou volveremos saír ás rúas».



Os secretarios xerais de UGT e CCOO, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, respectivamente, cualifican a reforma laboral como «a maior agresión do período democrático» aos dereitos da clase traballadora. Por este motivo, no caso de que o Goberno non corrixa o rumbo adoptado, anuncian que as mobilizacións serán «crecentes e sostidas».

Para Aguión e Gómez, a reforma laboral obedece unicamente aos intereses da patronal e ás presións dos sectores máis ultraliberais. Entre as principais críticas á reforma están o abaratamento do despedimento, que pasa a ser «practicamente gratis», a creación dun novo tipo de «contrato lixo» ou a «barra libre» no caso dos expedientes de regulación de emprego (ERE).

A reforma laboral tamén deixa gravemente danada a negociación colectiva, pois faculta a empresa para pasar por riba dos convenio só con aducir dous trimestres de diminución de ingresos ou vendas, ao tempo que dá preferencia aos convenios de empresa sobre os de sector.

Segundo os secretarios xerais de CCOO e UGT, esta reforma «obvia e despreza o activo máis importante que teñen as empresas, os traballadores e traballadoras. Desprovistos dos seus dereitos laborais básicos pasan practicamente a ser servos das empresas». En opinión de ambos os dirixentes, trátase dunha «aposta pola precarización que non vai solucionar o principal problema deste país, que é o paro». Todo o contrario, afirman que esta reforma provocará, como xa o fixo a que a precedeu, un aumento do número de despedimentos.

Finalmente, emprazan a cidadanía a se sumar o próximo día 29 a unha xornada de mobilización convocada para todo o continente pola Confederación Europea de Sindicatos (CES), da que tanto CCOO como UGT forman parte.

martes, 7 de febreiro de 2012

REUNIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA DE TVG, 07 de Febreiro de 2012

O Comité de Empresa de TVG, presidido por Raquel Lema, debido a que Alberto
segue de baixa, acordou o seguinte:

1.-En relación coa proposta da CIG sobre a cobertura informativa das primeiras horas
do rescate no Orzán na mañá do 27 de xaneiro, onde dun feito de gran relevancia acontecido contra as cinco da mañá non se difundiron imaxes ata pasadas as nove, o Comité acorda enviar nota ao Consello de Administración, Dirección Xeral Dirección de Informativos. O obxecto da mesma é que adopten as solucións necesarias para mellorar a organización dos Servizos Informativos e evitar situacións que, coma esta, deixan a TVG en evidencia fronte a outras canles de TV na cobertura de acontecementos nos que deberiamos ser o primeiros en informar e facelo cumprindo uns mínimos de calidade.

2.-O SXG e a UXT quedan en proporcionar a documentación de probas de que
redactores en prácticas (estudantes da facultade) seguen a ser asignados na Redacción de Informativos e en Programas para cubriren eles/as noticias para emitir. Coa singularidade que en Informativos tiran dos estudantes para elaborar novas políticas. Esa documentación servirá de sustento para presentar denuncia ante a Inspección de Traballo. E é que esta problema xa se tratou tempo atrás nunha reunión coa dirección de RRHH onde a Empresa deu a entender que ían rematar coa ilegalidade de tirar de redactores en prácticas como se fosen profesionais.

3.-En rogos e preguntas, CCOO informa da desprotección en que a Empresa ten aos
reporteiros gráficos (tamén condutores de coche de traballo) cando incorren nunha multa. Concretamente, a un compañeiro de informativos chegoulle unha sanción por non te-lo tique no coche que aparcou en zona ORA preto de onde estaba a cubrir unha información. O reporteiro gráfico non dispoñía de moedas e ía xusto de tempo para atende-la convocatoria informativa. Na Asesoría Legal dixéronlle que o recurso o tiña que facer el e que o problema estaba en produción de informativos por non adiantarlle moedas para o aparcamento. Ata agora era a Casa quen se encargaba de formular eses reclamacións relacionadas con multas en horas de traballo. En consecuencia, pedímoslle á presidencia do Comité que, sen demora, se dirixa aos responsables de RRHH e da Asesoría Legal para que sexa a Empresa quen formule e tramite os recursos a estas multas e non se descoide, para facelo dentro de prazo.

4.-A próxima xuntanza do Comité de TVG será o 21.02.2012.

CCOO - SERVIZOS Á CIDADANÍA Sección Sindical de CCOO na CRTVG

San Marcos, 7 de febreiro de 2012