xoves, 8 de xullo de 2010

PROPOSTAS PARA A REFORMA DA CRTVG

Ante a comparecencia parlamentaria do presidente do Comité Interempresas o día 13 de xullo ante a comisión de reforma da CRTVG, a Sección Sindical de CCOO fai as seguintes propostas:

A reforma da CRTVG debe afrontarse ao marxe da actual situación de crise económica. O seu principal obxectivo é a salvagarda do Servizo Público e debe orientarse cara á calidade deste servizo destinado á cidadanía. É por iso que debería afastarse do interese de beneficio económico.

Aspectos que debería contemplar a nova lei da CRTVG:

1.Debe contemplar a titularidade pública intransferible.
2.Debe garantir a cohesión social, a igualdade e a non discriminación da cidadanía favorecendo a súa participación.
3.Debe definirse como Servizo Público Esencial da comunidade cunha responsabilidade social que cumprir.
4.Debe garantir contidos de calidade, así como o pluralismo político e social.
5.No debería estar subordinada a intereses comerciais.
6.O seu financiamento debe realizarse con cargo aos presupostos da Xunta de Galicia.
7.Ten que posuír a infraestrutura propia, así como o cadro de persoal, necesarios para desenvolver a súa labor, establecendo compromisos respecto da produción propia con medios propios.
8.Debe regularse o dereito de acceso universal para o conxunto da cidadanía.
9.Creación dun Consello Superior do Audiovisual con capacidade sancionadora e de vixilancia.
10.Creación da figura do Defensor do Espectador que garanta os dereito esenciais da cidadanía. Especialmente no maltrato de xénero, a protección á infancia, o tratamento da violencia, o sexismo ou a homofobia.
11.Regular o control parlamentario.
12.Elección dun Consello de Administración plural con representación dos diferentes ámbitos da sociedade: Político, sindical, cultural, universitario, etc. correspondéndolle o nomeamento do Director Xeral e a posibilidade de recusación.
13.Definir o papel dos medios públicos de comunicación na defensa da lingua propia de Galicia.
14.Garantir a difusión de acontecementos de grande interese cidadán, aínda aqueles
con escaso interese comercial.
15.Garantir o acceso aos medios públicos ás minorías, sindicatos, colectivos desprotexidos e á sociedade en xeral cunha atención especial á inmigración.
16.Garantir a difusión de contidos educativos e culturais cunha especial atención á protección da infancia con horarios de emisión infantil.
17.Establecer parámetros de reinversión que garantan a produción propia con medios propios.
18.Garantir mínimos de producións galegas, españolas, comunitarias e
latinoamericanas fronte a outras menos relacionadas coa nosa idiosincrasia cultural.
19.Concretar a presenza da publicidade e o patrocinio. Limitar a publicidade a 12 minutos por hora, establecendo a separación mínima entre bloques publicitarios.
20.Establecer límites horarios estritos en canto a contidos violentos.
21.Deben establecerse os requisitos de acceso ao emprego atendendo á igualdade, mérito e capacidade como forma de manter a independencia dos profesionais que presten o seus servizos nos medios de comunicación públicos, establecendo as responsabilidades persoais no fraude na contratación e na xestión dos recursos humanos.

Obrigacións para o modelo de Radio e Televisión Públicos:

1.Existencia de Convenio Colectivo.
2.Establecemento dunha porcentaxe de contratación a: colectivos desfavorecidos, discapacidades, etc.
3.Obrigatoriedade dun plan de igualdade entre mulleres e homes, potenciando a corresponsabilidade na conciliación da vida persoal, laboral e familiar a través de Convenio Colectivo.
4.Asegurar a liberdade de expresión, garantindo o dereito a unha información plural, veraz e obxectiva á cidadanía, fomentando a participación dos traballadores e traballadoras e a democratización dos mecanismos de control por medio da creación do Consello de Informativos que ampare os dereitos dos profesionais da información, regulando a Cláusula de Conciencia e o Segredo Profesional.
5.Creación de instrumentos de control da calidade do produto e do servizo prestado á cidadanía.
6.Establecer mecanismos de diferenciación da información e da opinión, garantindo o dereito a réplica.
7.Establecer claramente as incompatibilidades para os prestadores do Servizo Público para con outros ámbitos profesionais.
8.Establecer códigos de conduta que garantan o pluralismo, a dignidade humana, o dereito ao honor e á intimidade, á propia imaxe e á protección da xuventude, a infancia e as persoas maiores.
9.Establecer medidas que fomenten a alfabetización mediática e o papel a
desenvolver como medio de comunicación público.
10.Establecer criterios básicos de programación abarcando desde a información ata a difusión dos diferentes ámbitos da cultura: literatura, cine, teatro, etc.



CONCLUSIÓN

A CRTVG debe estar ao servizo da cidadanía fomentando cidadáns libres, críticos e interactivos cos medios. Debe basearse nun modelo que informe, entreteña e eduque desde o respecto e o cumprimento do marco normativo, sectorial, laboral e social.