xoves, 24 de xuño de 2010

Así, non. 29 setembro, FOLGA XERAL

MANIFESTO

As confederacións sindicais de Comisións Obreiras e da Unión Xeral de Traballadores tomamos a decisión de iniciar un proceso de mobilizacións que culminará coa celebración dunha folga xeral o próximo 29 de setembro, para expresar o contundente rexeitamento dos traballadores e traballadoras deste país ás políticas de recortes sociais e supresión de dereitos dos traballadores decretadas polo Goberno, baixo o amparo e escusa de directrices europeas.
O Goberno español e mais os europeos defraudaron a cidadanía á que representan. Os brutais axustes económicos que se están adoptando como terapias de choque para saír da crise económica son inxustos socialmente, regresivos laboralmente e errados economicamente porque comprometen as posibilidades de crecemento económico e de creación de emprego.
O Goberno español, ademais, emendouse a si mesmo, provocando unha viraxe radical na súa política económica e social, que agora se orienta ás claras, en primeiro lugar, a un duro recorte do gasto público que recae fundamentalmente no lombo dos traballadores e dos pensionistas; en segundo lugar, a unha redución do investimento público que freará a medra económica e a creación de emprego, e que terá como principais vítimas os traballadores e traballadoras en paro; e en terceiro lugar, impón unha reforma laboral que elimina dereitos da cidadanía nos seus postos de traballo.
Tras unha actuación irresponsable das organizacións empresariais, centradas exclusivamente en obteren réditos no abaratamento das condicións de traballo e a debilitación dos traballadores, o Goberno decidiu optar por unha desregulación laboral que pode continuar con outros recortes sociais e laborais.
A reforma laboral
Non servirá para crear emprego.
Non reducirá a dualidade do mercado laboral e aumentará a temporalidade.
Facilita e abarata o despedimento, porque se amplían as causas para facelo máis doado e redúcense os dereitos indemnizadores dos traballadores.
Reforza o poder empresarial para modificar unilateralmente as condicións de traballo (horarios, mobilidade xeográfica, funcional…).
Debilita a negociación colectiva, facilitándolles ás empresas a adopción de medidas de desvinculación salarial e non aplicación de compromisos adquiridos previamente nos convenios colectivos.
Privatiza a xestión do desemprego e amplía o campo de actuación das empresas de traballo temporal aos sectores de risco e ao emprego público.
En definitiva, o Goberno puxo o poder do Estado ao servizo daqueles que esixen «flexibilidade» no mercado de traballo e, aínda así, consideran esta reforma insuficiente porque en realidade non queren máis flexibilidade: quérena toda. Cando se esixen menos cotizacións sociais, menos custo do despedimento, menos tutela xudicial, menos negociación colectiva, menos regulación da contratación, o que se está reclamando en realidade é a absoluta desregulación do mercado de traballo, ou a aplicación neste ámbito das políticas neoliberais que fracasaron estrepitosamente nos mercados financeiros, que son a causa desta crise e que nos abocarían a unha terceiromundización laboral.
Rexeitamos as políticas practicadas polos gobernos da Unión Europea ao ditado dos mercados financeiros, causantes da crise, e que agora propoñen as políticas de axuste á custa de reducir as condicións de vida e traballo da cidadanía europea.
Unha economía que non crea emprego non lles serve aos cidadáns, e uns gobernos que actúan contra os seus intereses, tampouco. As organizacións sindicais non estamos dispostas a aceptar políticas que se nos presentan como as únicas posibles, baseadas nun determinismo falso, e que non son máis que as opcións do inmobilismo e a resignación.
Hai outras opcións e outras políticas. É necesario apostar por unha Europa máis social, na que as negociacións sociais deixen de estar sometidas ás forzas do mercado. E en España, UGT e CCOO convocamos unha folga xeral o 29 de setembro para esixir:
Unha política que reduza o déficit público mediante o incremento dos ingresos e non mediante a redución do gasto, e planificar o cumprimento dos obxectivos de déficit do Pacto de Estabilidade e Crecemento da Unión Europea en prazos compatibles coa reactivación económica e a creación de emprego.
A retirada dunha reforma laboral lesiva que facilita o despedimento e empeora as condicións de traballo.
A defensa da negociación colectiva como marco de protección das condicións de traballo, fronte aos intentos de lles atribuír ás empresas a capacidade de incumprir os acordos alcanzados de forma unilateral.
A defensa do sistema público de pensións como eixe central do noso sistema de protección social, e a súa adecuación á evolución social exclusivamente con acordo político e social.
A esixencia dunha nova política fiscal, que reforce a estrutura de ingresos do Estado, recuperando impostos suprimidos e apostando por unha maior recadación baseada na progresividade fiscal, á vez que se combate con maior determinación e medios a fraude fiscal que lastra a nosa economía, alcanzado taxas que practicamente duplican a media da Unión Europea.


NON ao despedimento máis fácil e barato
NON á temporalidade abusiva
NON a dar máis poder aos empresarios
NON á conxelación das pensións
NON aos recortes salariais e sociais

POR UNHA SAÍDA XUSTA E EQUILIBRADA
DA CRISE

XORNALISTAS DE CCOO, TEÑEN DEREITOS DE AUTOR OS XORNALISTAS?

O próximo 29 de xuño, martes, a partir das catro e media da tarde no salón de actos da Fundación Caixa Galicia (Rúa Nova, 33, Santiago), os xornalistas de CCOO celebraremos un encontro aberto aos traballadores dos medios de comunicación interesados nos DEREITOS DE AUTOR DOS XORNALISTAS e o proxecto de LEI DE PROPIEDADE INTELECTUAL.
Este tema, tan de actualidade coma importante e escasamente debatido entre os profesionais da comunicación, foi abordado polos representantes de CCOO no congreso que a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) celebrou en España. Neste encontro teremos a oportunidade de informarnos e debater coas persoas que, desde o sector de medios de comunicación de Comisións Obreiras, traballan sobre estes asuntos, defendendo as reivindicacións profesionais e laborais dos xornalistas en foros como o citado congreso da FIP.
Os temas de debate, introducidos pola xornalista de TVG Ana Sanmartín, serán desenvolvidos polos seguintes relatores:
Ana Molano, (xornalista de RTVE), e Nacho Bazarra (xornalista da Axencia EFE), redactores da proposta de CCOO sobre os dereitos de autor dos xornalistas.
Silvia Tubio, (xornalista do Diario de Cádiz), representante de CCOO no recente congreso que a Federación Internacional de Xornalistas celebrou en España. Paco Audije (xornalista de RTVE), único representante español na dirección da Federación Internacional de Xornalistas, por proposta de CCOO.
Os xornalistas de CCOO consideramos imprescindibles estes debates, como paso previo a unha toma de conciencia que favoreza novas actitudes reivindicativas, especialmente necesarias en tempos de crise… aproveitados polos empresarios do sector da comunicación para reduciren persoal e precarizaren o emprego.
As novas tecnoloxías, especialmente sedutoras para os xornalistas máis novos, aprovéitanas moitas empresas para crearen de feito unha nova figura: o «xornalista multimedia», un redactor que, a modo de moderno «home-orquestra» fai de todo por un salario moitas veces inferior. E esas modernas tecnoloxías, aplicadas polas «empresas multimedia», aumentan a reutilización dun mesmo traballo en diferentes medios, edicións ou momentos.
Os xornalistas de CCOO pensamos que xa é hora de reaccionar contra prácticas que, de feito, precarizan o noso emprego. Temos que esixir os dereitos de autor do noso traballo, e para iso deberiamos comezar pola introdución do concepto nos convenios colectivos.
Os interesados en participar, enviade un correo a: xornalistas@galicia.ccoo.es .ou chamado os teléfonos : 981-551800 / 696 49 28 65
Os medios de comunicación interesados en cubrir o encontro ou en entrevistar algún dos relatores poden facelo sen problemas poñéndose en contacto con CCOO Galicia.

luns, 7 de xuño de 2010

DEBEDAS E BURROS

Un texto curioso, que chegou ao noso correo electrónico, que explica de forma sinxela e irónica a orixe desta crise. Como ao mal tempo haille que por boa cara publicámolo para levantar un pouco o ánimo:

Solicitouse a un prestixioso asesor financeiro que explicara esta crise dunha forma sinxela, para que a xente de a pe entenda as súas causas.

Este foi o seu relato:

“Un señor dirixiuse a unha aldea onde nunca tiña estado antes e ofreceu os seus habitantes 100 euros por cada burro que lle venderan.

Boa parte da poboación vendeulle os seus animais.

O día seguinte volveu e ofreceu mellor prezo, 150 por cada burriño, e outro tanto da poboación vendeu os seus.

E a continuación ofreceu 300 euros e o resto da xente vendeu os últimos burros. O ver que non había máis animais, ofreceu 500 euros por cada burriño, dando a entender que os compraría á semana seguinte, marchouse.


O día seguinte mandou ao seu axudante cos burros que comprou á mesma aldea para que ofrecera os burros a 400 euros cada un.

Ante a posible ganancia á semana seguinte, todos os aldeáns compraron os seus burros a 400 euros, e quen non tiña o diñeiro pediuno prestado. De feito, compraron todos os burros da comarca.

Como era de esperar, este axudante desapareceu, igual que o señor, e nunca máis apareceron.

Resultado:

A aldea quedou chea de burros e endebedados.
 
Hasta aquí o que contou o asesor. Vexamos o que pasou despois:
 
Os que pediran prestado, ao non vender os burros, non puideron pagar o préstamo.
 
Quen había prestado diñeiro queixáronse ao Concello dicindo que si non cobraban, arruinaríanse eles; entón non poderían seguir prestando e se arruinaría todo o pobo.
 
Para que os prestamistas non se arruinaran, o Alcalde, na vez de dar diñeiro á xente do pobo para pagar as débedas, déullelo aos propios prestamistas. Pero estes, xa cobrado gran parte do diñeiro, sen embargo, non perdoaron as débedas aos do pobo, que seguiu igual de endebedado.
 
El Alcalde dilapidou o presuposto do Concello, o cal quedou tamén endebedado. Entón pide diñeiro a outros concellos; pero estes lle din que non poden axudarlle porque, como está na ruína, non poderán cobrar despois o que lle presten.
 
O resultado: Os listos do principio, forrados. Os prestamistas, coas súas ganancias  resoltas  e un montón de xente á que seguirán cobrando o que lles prestaron máis os intereses, incluso apropiándose dos xa devaluados burros cos que nunca chegarán a cubrir toda a débeda. Moita xente arruinada e sen burro para toda a vida. O Concello igualmente arruinado.”
 
Resultado ¿final?:
 
Para solucionar todo este embrollo e salvar a todo o pobo, o Concello baixou o soldo aos seus funcionarios.

Ánimo e a secundar a folga do 8 de xuño