mércores, 16 de decembro de 2009

A DERROGACIÓN DA LEI DA TERCEIRA CANLE DEIXA SEN GARANTÍAS A TITULARIDADE E A XESTIÓN PÚBLICA DAS TELEVISIÓNS AUTONÓMICAS

O Sector de Medios de Comunicación de CC OO manifesta a súa preocupación polo proxecto de lei audiovisual, como vén facendo desde o pasado mes de xullo cando coñeceu o anteproxecto


CC OO considera que o Executivo «despezou» o proxecto, desvirtuando a proposta inicial e deixándoo nun «proxecto de mínimos», e que non contou cos axentes sociais. Así mesmo, afirma que o texto supón unha completa desregulación do sector, que non garante o emprego nin o desenvolvemento do sector nun modelo de economía sostible.
O proxecto de lei derroga toda a lexislación vixente do sector audiovisual e, aínda que CC OO considera que todas esas normativas requirían unha ordenación, o texto aprobado supón unha desregulación e non unha ordenación do sector.
Para o Sector de Medios de Comunicación de CC OO, o proxecto non define o modelo de produción audiovisual na España do século xxi, «é meramente unha concesión para que os operadores fortes fagan o que queiran sen control ningún. Con este texto ábrese a posibilidade de que proliferen compañías dedicadas a emitir o que contratan a pequenas produtoras. Unha lexislación desta magnitude debería potenciar a produción propia interna, para evitar a precarización do traballo en todas as empresas audiovisuais. A destrución do sector supón a perda das conquistas da negociación colectiva, que moitos traballadores e traballadoras dos medios están padecendo pola falta de regulación e de control».
O proxecto, de chegar a ser lei, derrogará o Estatuto da Radio e a Televisión e a lei da terceira canle, que ata o de agora garantiron a titularidade e a xestión pública dos entes de radio e televisión propiedade das comunidades autónomas.
A razón de ser é a prestación dun servizo público e a garantía da pluralidade informativa, valor protexido pola Constitución. Isto podería ser unha fraude política, destinar un importante esforzo económico, tecnolóxico e de formación de profesionais para, ao cabo, poñer ao dispor de intereses privados os entes constituídos con ese esforzo público.
CC OO segue apostando por un modelo que informe, entreteña, eduque e constrúa identidade democrática, tanto nas radiotelevisións de titularidade estatal como nos operadores privados, desde o respecto e o cumprimento do marco normativo sectorial, laboral e social.
Por último, o sindicato afirma que espera que o Parlamento sexa permeable ás modificacións propostas polos axentes sociais e que se poida modificar substancialmente o proxecto.

10 de decembro 2009

venres, 11 de decembro de 2009

MANIFESTO UGT E CCOO ANTE A MOBILIZACIÓN XERAL DO 12 DE DECEMBRO

UGT e CCOO convocamos os traballadores e traballadoras
a unha mobilización xeral o 12 de decembro, en Madrid,
para denunciar coa maior contundencia e responsabilidade
a situación pola que atravesan a economía e a negociación
colectiva, esixirlles ás organizacións empresariais un
cambio de actitude, aos poderes públicos –e en particular
ao Goberno– políticas máis ambiciosas para saír da crise,
e para comprometer a nosa participación nunha estratexia
negociada que poña todos os recursos dispoñibles ao
servizo da recuperación económica e o emprego.
Dende hai vinte meses sufrimos a que, previsiblemente,
será coñecida como a gran crise de principios do século
XXI, provocada polo afundimento deste sistema financeiro
internacional completamente desregulado e de cuxos
evidentes excesos ninguén se quixo ocupar, que arrastrou
a economía produtiva de todo o mundo á recesión e a
millóns de cidadáns e cidadás ao desemprego. A crueza
da situación é aínda maior en España ao coincidir a crise
global co esgotamento do modelo produtivo seguido nas
últimas décadas, e cuxos desequilibrios e debilidades
viñamos denunciando dende hai anos.
Resulta sorprendente que os que defenderon os postulados
máis radicais do liberalismo que nos levou a este fracaso
económico (un mercado sen regras, un sistema financeiro
sen control, un Estado raquítico, unha anémica protección
social, unha restrición obsesiva dos custos laborais)
pretendan convencernos de que a saída da crise pasa
por máis do mesmo: mesmo modelo de crecemento,
despedimento máis barato, mercado de traballo máis
desregulado, dereitos laborais desvalorizados, fin das
políticas públicas e volta ao capitalismo sen regras.

Non aceptamos unha desvalorización laboral, sexa cal
for a súa forma. Non aceptamos unha solución á crise
que supoña unha transferencia de rendas do traballo
a rendas do capital. Non aceptamos «vellas», simples
e fracasadas receitas que debiliten os recursos, os
dereitos, a protección ou as garantías dos traballadores
e traballadoras.
Porén, a convicción de que a economía española atravesa
por unha delicada situación, con preto de catro millóns de
persoas en paro e centos de miles en risco de exclusión
social, confírmanos en que desta non imos saír sen unha
implicación activa de toda a sociedade, comezando polos
seus principais actores: gobernos central e autonómicos,
patronal e sindicatos. Ninguén pode nin debe arriar en
banda.

Doce motivos para a mobilización do 12

Por todo isto, chamamos os traballadores e traballadoras
de todo o país a participaren na mobilización xeral de
Madrid do 12/12. Hai moitas razóns para participar.
Velaquí van doce:

1. Desbloquear a negociación colectiva de 2009 e
darlle cumprimento ao pactado. Recuperar o diálogo
social.
2. Negociar coas organizacións empresariais un acordo
plurianual que acometa a política salarial, o excedente
e os beneficios empresariais e o emprego, coa
finalidade de erradicar a temporalidade inxustificada
fomentando o mantemento e a recuperación do
emprego.
3. Consolidar e mellorar a protección por desemprego
e reorientar a actuación dos servizos públicos de
emprego e potenciar as políticas activas.
4. Reconsiderar o conxunto do sistema fiscal español
para facelo máis equitativo, progresivo e suficiente
para financiar as políticas que necesitamos.
5. Acometer novos programas de investimento público
en infraestruturas e transportes.
6. Acelerar a construción de centros educativos e
sanitarios públicos.
7. Desenvolver a aplicación da Lei da dependencia.
8. Revisar o funcionamento do sistema financeiro e
garantir que flúa o crédito ás familias e PEMES.
Incrementar as liñas de crédito do ICO.
9. Cambiar o patrón de crecemento. Avanzar cara a
unha base industrial sólida. Darlles prioridade aos
investimentos en I+D+I.
10. Crear un marco regulador da política enerxética
para asegurar a suficiencia, o aforro e a
sustentabilidade.
11. Mellorar o sistema educativo e, especialmente, a
formación profesional.
12. Reforzar a protección social. Fortalecer o sistema
público de pensións. A integración dos réximes
especiais no xeral da Seguridade Social: Réxime
especial agrario e Réxime especial de empregados
do fogar.

Ninguén debe aproveitar a crise para tirar vantaxe.
Non estamos dispostos a que os traballadores e
traballadoras vexan desvalorizados, cando non
suprimidos, os seus dereitos laborais. Non queremos
que os que provocaron a crise coas súas políticas de
mercado sen regras e economía especulativa dean
leccións agora de como saír dela. Reiteramos a nosa
disposición a participar dunha alternativa pactada, a
negociar un acordo no que todos fagamos o esforzo
que nos corresponde.