sábado, 28 de novembro de 2009

O PRESUNTO PLAN DO DIRECTOR XERAL

Cúmprense seis meses desde a toma de posesión de Alfonso Sánchez Izquierdo (en adiante ASI) como director xeral da CRTVG e ...parece que ten un plan para a Empresa.

Dicimos parece, porque polo que lle relatou á representación sindical o pasado martes 24, o que ten feito é un simple diagnóstico a medias da realidade desta Casa. O contido exposto redúcese a pospostas vagas e xeneralistas para afrontar o futuro inmediato. Se para chegar a isto precisa medio ano, vemos moi lonxana a data en que podería concretar solucións.

Durante os sesenta minutos que ASI compartiu coa representación dos traballadores e traballadoras só foi preciso e concreto ao citar os gastos en persoal e o que van aumentar estes, o descenso dos ingresos por publicidade e o recorte que aceptou no financiamento da Xunta.

ASI XA MARCA HISTORIA NA DIRECCIÓN XERAL

Este director xeral recoñece sen ningún tipo de rubor que é o primeiro director xeral da CRTVG que traga cunha redución (nada menos que do seis por cento) na contía orzamentaria anual da Xunta. ¡E queda tan pancho!. Moito nos tememos que a valentía que non tivo para procurar o diñeiro imprescindible para o funcionamento da CRTVG a aplicará en intentar que o paguemos traballadores e traballadoras. Pero esa ´postura fácil´ non a vai ter doada.

As súas propostas xeneralistas tipo “realizar un servizo público de calidade con eficiencia no gasto” ou “poñer en marcha un modelo de xestión buscando a eficacia e a eficiencia” soan ben para o discurso de toma de posesión, pero que o diga agora...!. Visto o feito en seis meses de xestión pragada de denuncias (unha con sentenza pioneira por persecución ideolóxica e sindical na historia da CRTVG) só caben dúas posibilidades; non se quere enterar/non se entera do funcionamento e xestión ou pretende tomarnos o pelo.

QUÉ QUERE DICIR CANDO FALA DE...

...”Novo modelo de organización do traballo, máis funcional”, ”flexibilizar os recursos humanos”, “deseñar unha estrutura favorecedora da polivalencia profesional”, “hai un sobredimensionamento” do cadro de persoal, procurar “un novo modelo de relacións laborais, máis flexible”, “unha estrutura operativa máis lixeira.?.
Son frases do director xeral da CRTVG, das que non precisou nin explicou absolutamente máis nada. O mesmo sucedeu cando enumerou accións no futuro inmediata como...

...Novo modelo de xestión nas delegacións.

Citou isto como asunto prioritario tras lembrar que nas delegacións traballan 178 persoas, das que só vinte se vinculan con contrato indefinido a TVG e a gran maioría teñen ou están á espera de sentenza a seu favor por cesión ilegal de traballadores a produtoras privadas.

Sobre ese “novo modelo de xestión” o único que dixo é que “temos estudos moi avanzados ao respecto con varias posibilidades”, pero “unha ten máis peso que as outras”. Canto á localización temporal dese cambio, situouno “nos primeiros meses de 2010”.

Antes pretende zanxar a Promoción Interna (nos “primeiros días” de 2010, dixo). E é que a súa idea é saltar o acordo vinculante coa OPE ou OEP. Semella que tamén na TVG hai acordos adoptados na lexislatura anterior que agora queren deixar sen efecto porque si.


A terceira acción de traballo sería a das oposicións. “Ao longo de 2010, mellor o primeiro semestre que máis tarde”. É todo o que dixo o director xeral ante este asunto e apuntou a necesidade de “avaliar “amplamente” os méritos de contratados e contratadas que levan máis anos.

Sobre a dixitalización, nada.

ASI, ASÍ NON .

En definitiva, o director xeral dedicou unha hora escasa de atención á representación de traballadores e traballadoras para lernos unha ducia de folios. Foi unha intervención abundante en propostas típico-tópicas e carente de concreción para xestionar esta Empresa Pública no prazo inmediata.

Houbo rolda de preguntas da representación sindical, pero o director xeral tampouco a aproveitou para precisar, ou explicar ou engadir algo ao seu relato. Foi como se se limitase a lernos un redundante e críptico texto que alguén escribiu aplicando a plantilla de “plan de intencións para presentarlle ó consello de administración” ou similar. Pero, de iso a un plan de xestión para esta Empresa hai un mundo de diferenza.

O noso non é formar directores xerais, pero o sentido común lévanos a suxerirlle a prioridade; sexa valente ao esixir o financiamento público que a CRTVG necesita.

San Marcos a 27 de novembro de 2009

venres, 27 de novembro de 2009

FALLA DE RIGOR PROFESIONAL NOS INFORMATIVOS DE TVG E NULO COMPROMISO CONTRA A VIOLENCIA DE XENERO

Para deixar constancia da nosa desaprobación ante a falla de rigor profesional nos Informativos de Televisión de Galicia, a sección sindical de CCOO da CRTVG dirixiu este escrito a Directora de TVG, a Directora dos Informativos de TVG, e o Director Xeral da CRTVG.

“A Sección Sindical de CCOO na CRTVG quere facer manifesta a súa indignación ante o grave erro cometido o pasado 21 de Novembro de 2009 nos Telexornais da Fin de Semana.

No espazo informativo emitido esa data, a presentadora da paso a un vídeo sobre as terapias de reeducación dos maltratadores machistas. Na intro que le en plató refírese o 21 de Novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A continuación introduce outra información sobre un acto conmemorativo do BNG de cara a celebración do 25 de Novembro. Nesa intro, insístese de novo na conmemoración “deste día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres”.

A falta de rigor e veracidade da información repítese no Telexornal Serán dese mesmo día. A presentadora de novo fai referencia a varias informacións sobre actos celebrados ese 21 de novembro con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, sen mencionar en ningún momento a data do 25 de Novembro.

Este lamentable erro denota a falta de rigor no exercicio da profesión xornalística na canle pública da comunidade galega. A gravidade desta equivocación denota, por unha banda, a ausencia de contraste das informacións e de comprobación da veracidade, e pola outra, o fallo na cadea de responsabilidades que debe dirixir e controlar o proceso de elaboración dunha noticia.

Os medios de comunicación somos axentes socializadores, o noso compromiso na erradicación da violencia machista queda recollido nos textos de organismos internacionais e na Lei Integral 1/2004 contra a Violencia de Xénero. É unha tarefa que debemos desenvolver no día a día, e de xeito máis patente o día 25 de Novembro. O pasado día 21 de novembro, a Televisión de Galicia demostrou o seu nulo interese pola repercusión desta data, e a súa falla de compromiso na erradicación dun dos máis graves atentados contra os dereitos humanos.


San Marcos, 26 de Novembro de 2009

UN SAÚDO A TODAS E TODOS

A Sección Sindical de CCOO na CRTVG e as súas sociedades, TVG e RTG, pon en marcha, con esta canle, un novo compromiso de comunicación e información aos traballadores e traballadoras. Agardamos que este sexa un espazo onde poidades coñecer as propostas e o posicionamento de CCOO nos ámbitos de representación da empresa. Confíamos en que sirva tamén para que vos informedes con máis axilidade e comodidade sobre as nosas accións e o noso traballo.
Para calquera dúbida ou consulta, seguimos estando a vosa disposición na nosa dirección de correo, ccoo@crtvg.es